Skip to main content

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, festexará a súa 31ª edición do 30 de setembro ao 31 de outubro, cun completo programa dun mes de funcións e actividades para todos os públicos.

Este ano, baixo o lema #VocesFIOT, o festival aposta pola visualización da singularidade e da identidade das compañías que conforman a súa programación. Visións, propostas e voces moi diferentes, moi persoais e singulares. Todas elas confirman que no FIOT collen todas as voces e todos os públicos: o programa do festival procura, precisamente, esa diversidade, conscientemente, coa intención de chegar a un amplo e diverso abano de espectadores.

O FIOT celebra neste 2022 unha firme proposta artística, na que destaca o seu gusto polo teatro de autor; a súa ambición pola calidade e diversidade e o seu compromiso con creadoras emerxentes. Á vez, o festival  convidará ao público a facer memoria e recuperar historias de diferentes xeracións. Pero este ano o FIOT recordará especialmente a Pedro Brandariz cunha homenaxe no ciclo que tantas veces acolleu o seu humor único: a Rúa dos Contos

O FIOT decorrerá desde o venres 30 de setembro cunha chea de propostas para todos os públicos a través das diferentes liñas de programación que conforman o festival: Programa de Sala, OTNI, FIOT en Ruta, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos, Metro Cadrado, FIOTeen e Fiotiño volverán encher de actividade escénica Carballo. A sección de actividades paralelas, nomeada En Paralelo, acollerá dúas exposicións, dúas xornadas profesionais e outras propostas culturais.

PROGRAMA DE SALA

Nesta 31ª edición o festival contará con figuras únicas das artes escénicas, como Leo Bassi, quen debutou en Galicia hai 25 anos precisamente no FIOT. Aquela actuación propiciou un cambio relevante na historia do certame: a promoción dunha programación de artistas con voces moi diferentes e persoais. A recuperación de Leo Bassi, coa estrea en Galicia de 70 años: Leo Bassi, afonda nesta idea das #VocesFIOT.

Outras voces imprescindibles do panorama escénico tamén estarán no FIOT. É o caso de Blanca Portillo e o seu Silencio, creación de Juan Mayorga; da estrea en Galicia de La voluntad de creer, a última obra de Pablo Messiez; e, como non, a celebración do 30º aniversario de Mofa e Befa. O FIOT estreará a súa nova obra, Pirolíticos; a exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’; Evaristo Calvo recibirá o galardón Xograr de Outono 2022 e o dúo será protagonista dunha actividade específica, no marco do festival, no que outro evento senlleiro de Carballo, Derrubando Muros, colaborará co FIOT.

Polo Programa de Sala tamén pasará a nova creación do Centro Dramático Galego e Ainé, Recortes, caneos e outras formas de driblar, dirixida por Tito Asorey, con Xose A. Touriñán e con texto de Nacho Carretero; ou unha das sensacións do teatro arxentino, Sambuseck, con Impalpable. E a Carballo tamén volverán dúas compañías clave das artes escénicas a nivel estatal para estrear en Galicia as súas últimas creacións: Pont Flotant (Eclipse Total) e Titzina (Búho).

RÚA DOS CONTOS E APOIO Á CREACIÓN

O FIOT naceu hai 31 anos para xerar toda unha estrutura escénica. Por iso conta cunha liña de programación específica de apoio á narración oral, a Rúa dos Contos, que este ano regresa aos bares e rende homenaxe a Pedro Brandariz. Figuras como Alberte Montes, Marta Doviro, Óscar Terol, Good Sex Maritxu, Marta Iglesias ou Quico Cadaval estarán en Carballo, ademais das voces emerxentes e virais de Pablo Meixe e Adrián do Regenco. O festival manterase na rúa e no espazo público para celebrar o circo e as iniciativas para todos os públicos: o Teatro de Rúa, que este ano se celebrará na Praza do Concello os venres 30, 7 e 14; ao igual que boa parte das obras do Certame Metro Cadrado, que este ano celebra a súa sexta edición con 4 estreas absolutas de figuras recoñecidas ou novas compañías do sector a nivel autonómico. Serán pezas site-especific que se realizarán en seis localizacións diferentes de Carballo.

O apoio á creación estará presente a través da coprodución de pezas como Pirolíticos, de Mofa e Befa, ou Wombo Combo, da compañía de Carballo Galeatro; ao igual que o apoio á investigación e ao tecido emerxente coa celebración de residencias (Natalia Fernandes) ou do Certame Metro Cadrado; así como a visualización de novos formatos e novidosas propostas escénicas, a través da liña de programación OTNI. Esta contará con dúas estreas en Galicia (Beautiful Stranger, en colaboración con Camiño Escena Norte; e Conferencia espectacular, de David Espinosa). O OTNI completarase coa participación de Patricia de Lorenzo, do Grupo Chévere e Xograresa de Outono, e o seu Pequenas mentiras para contar grandes verdades; e da compañía madrileña Amor Total con Freak.