Datas
Do 6 outubro ao 13 novembro 2022
Lugar
Andar -1 do Pazo da Cultura
Horario
Durante a apertura do Pazo da Cultura
Sobre a actividade
O día 28 de decembro de 1992, Mofa e Befa asaltaron literalmente o escenario da Sala Nasa de Santiago. Crearon un dúo de comedia contemporánea que non se parecía a nada. Acedos, truculentos, críticos, incorrectos, desafiantes corrixían estas corrosivas cualidades cunha especie de inocencia herdada dos pallasos, das parellas de clowns. Desde aquel momento, Mofa e Befa ocuparon todo tipo de territorios e espazos públicos: concertos de rock, pubs diminutos, congresos de filosofía, vodas, sidrarías vascas, e ás veces, tamén, teatros. Unha creatividade que transformou tamén os produtos que se facían ao seu redor, facendo de Mofa e Befa protagonistas da luminosa década dos 90 para o teatro galego. O dúo de pallasos terríbeis foi unha ferramenta que despertou o interese doutros creadores, como Jorge Coira na sua época muda, Miguel Piñeiro co seu lendario espazo “Apaga a Luz” e mesmo foron chamados para participar nese espazo da inocencia divertida que se chamou “Xabarín Club”.
A exposición ‘30 anos de Mofa e Befa’ permite evocar o percorrido destes dous monstros da escena que, non contentos con parodiar a política, a televisión ou cinema, se atreveveron a meterlle o dente aos clásicos máis sagrados como Shakespeare, o século douro español ou Rosalía de Castro.
Esta exposición, que conta co apoio da Deputación da Coruña, está comisariada pola artista Natasha Lelenco, e conta con actividades de mediación con Rubén G. Pedrero, Piti Sanz e Quico Cadaval. A revisión lingüística é de Ana Triñanes e a unidade didáctica de Silvia García González.
Mural conmemorativo
FIOT e Derrubando Muros
Unha vez máis, dous relevantes proxectos culturais únense para poñer en común a artistas das artes escénicas e das artes visuais. O proxecto de Arte Urbana de Carballo Derrubando Muros con Pintura participará tamén nos actos conmemorativos, que acolle o festival nun programa especial arredor do 30 aniversario de Mofa e Befa, coa creación dun mural asinado polo artista galego Yoseba MP. Este artista urbano é un dos máximos expoñentes da pintura contemporánea en Galicia, de marcado estilo realista, que plasma escenas cotiás, a través dunha pincelada moi suxestiva e de forte influencia fotográfica. Data: primeira semana de outubro.
Promove: Concellaría de Turismo