Día
Venres 23 de outubro 2026
Hora
21.00 h
Espazo
Pazo da Cultura
Ao inicio da función de ‘A arte da guerra’ celebrarase o acto de entrega.
Día
Venres 23 de outubro 2026
Hora
21.00 h
Espazo
Pazo da Cultura
Ao inicio da función de ‘A arte da guerra’ celebrarase o acto de entrega.
Sobre a actividade
O Xograr de Outono é un nomeamento honorífico co que o Festival Internacional Outono de Teatro recoñece a unha persoa ou entidade que destaca pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección da galardoada corresponde aos anteriores Xograres de Outono e ás AC Telón e Aparte.
Xograr de Outono 2026: Antonio Porteiro
O festival recoñece os 25 anos de traxectoria do seu responsable técnico, unha figura imprescindible para facer posible cada edición e reivindica, con este galardón, o traballo esencial dos profesionais que están detrás do escenario.
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2026 o premio Xograr de Outono a Antonio Porteiro, responsable técnico do festival desde hai 25 anos e unha das persoas imprescindibles para entender a historia e o presente desta cita coas artes escénicas. O galardón mantén así o seu propósito de recoñecer anualmente traxectorias fundamentais para o sector e, nesta ocasión, pon o foco nunha profesión esencial que permanece habitualmente fóra dos focos: a dos equipos técnicos que fan posible que o teatro aconteza.
Nesta edición, as xograresas e xograres do FIOT queren recoñecer en Antonio Porteiro unha maneira de entender o oficio baseada na profesionalidade, na confianza, na capacidade de traballo e, sobre todo, en facer posible o imposible. Durante un cuarto de século, Antonio traballou man a man co festival para sacar adiante cada edición, cada espectáculo e cada necesidade técnica, converténdose nunha peza fundamental dun equipo que fai realidade a programación do FIOT. Porque, como el mesmo adoita dicir con retranca cando un reto parece imposible, “queredes meter un pé do 45 nun zapato do 36”. E Antonio faino posible.
O seu compromiso transcende, ademais, o propio festival. Desde a súa empresa, Sonpress, que fundou e dirixe, leva décadas contribuíndo ao desenvolvemento do tecido cultural da comarca e colaborando con profesionais e proxectos de toda Galicia e do resto do Estado. A súa traxectoria e a súa forma de traballar convertérono nun profesional especialmente querido e respectado polos equipos técnicos que pasan por Carballo, procedentes de diferentes lugares de España e tamén do estranxeiro.
A súa actitude alegre, próxima, facilitadora e sempre disposta a buscar solucións fai de Antonio unha figura técnica de referencia da nosa escena. Un deses profesionais que coidan cada detalle para que, cando comeza unha función, todo pareza sinxelo. Para que a luz estea, o son chegue, o escenario funcione e a creación artística poida brillar.
Con este Xograr de Outono, o FIOT quere recoñecer a Antonio Porteiro, pero tamén poñer en valor todas as profesións técnicas que sosteñen as artes escénicas: son, iluminación, maquinaria, escenografía, montaxe, produción e tantos outros oficios imprescindibles para que cada espectáculo chegue ao público.
Porque o teatro é moito máis ca quen escribe, dirixe ou interpreta. Tamén é quen está detrás, quen coida, quen resolve e quen fai posible que a maxia suceda. E no FIOT, esa maxia leva 25 anos contando con Antonio Porteiro.
Sobre Antonio Porteiro
Antonio Porteiro é fundador de Sonpress, empresa especializada no ámbito técnico e audiovisual, e leva décadas vinculado á produción técnica de espectáculos e eventos culturais. Ao longo da súa traxectoria colaborou con numerosos proxectos e profesionais do sector, construíndo unha sólida reputación pola súa experiencia, capacidade de resolución e compromiso co traballo en equipo. No FIOT é responsable técnico desde hai 25 anos, unha relación que o converte nunha das persoas que máis profundamente coñecen o festival e que contribuíron a facelo posible edición tras edición.
Xograresas e Xograres de Outono
2002 Roberto Vidal Bolaño
2004 Artur Trillo
2005 Celso Parada
2006 Víctor Mosqueira
2007 Quico Cadaval
2008 Dorotea Bárcena
2009 Cándido Pazó
2010 Paula Carballeira
2011 Marcelino De Santiago “Kukas”
2012 Alberto Gende
2013 Xosé Manuel Oliveira “Pico”
2014 Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”
2015 Susana Dans
2016 Miguel De Lira
2017 Mónica Camaño
2018 Manuel Lourenzo
2019 Patricia De Lorenzo
2020 Carlos Alonso
2021 Xasilda Alfaro
2022 Evaristo Calvo
2023 Ana Romaní
2024 Avelino González
2025 Areta Bolado