Sobre a actividade

O nomeamento honorífico como Xograr ou Xograresa do Festival Internacional Outono de Teatro recoñece unha persoa ou entidade que destaca pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección da galardoada correspóndelle aos anteriores premiados e á Asociación Cultural Telón e Aparte, impulsora do FIOT. En anteriores ocasións gañaron este galardón artistas como Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira, Mónica Camaño, Manuel Lourenzo, Patricia de Lorenzo, Carlos Alonso ou Silda Alfaro.

Xograr de Outono 2022: Evaristo Calvo

Un novo xograr súmase á comunidade de honra do FIOT, que ano tras ano segue medrando co único propósito de poñer en valor e recoñecer a traxectoria profesional de figuras imprescindibles do sector cultural galego: Evaristo Calvo.

Con este galardón, os xograres e xograresas do FIOT queren premiar a un cómico de raza, un histrión de carácter e selo propio que, coa súa peculiar enerxía interpretativa, agudeza creativa e dilatado oficio, leva dando vida ás máis inesquecibles e orixinais criaturas escénicas, ata converterse por dereito propio nun referente do teatro en Galicia.

Dedicado ao teatro desde os anos 80 e con máis de 30 espectáculos ás súas costas, participando en compañías importantes como Ollomoltranvía, Centro Dramático Galego, Teatro do Aquí, Contraproducións, entre outras. Ademais da súa faceta como actor, tamén destaca a súa participación en cine e televisión ou de director de espectáculos de Berrobambán e Tanxarina. No seu palmarés figuran dous premios María Casares: un ao Mellor Actor Secundario (Anxeliños) e outro á Mellor Dirección (Qui pro Quo).

O acto de entrega do galardón como Xograr de Outono 2022 celebrarase o 7 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo.