A presentación de cada festival é para nós un momento de alegría por compartir co público do FIOT un programa que, como ben saben as fioteiras e os fioteiros, sempre vemos como o mellor da nosa historia, polo de agora… Despois dun ano de asistir a múltiples funcións en espazos diversos, revisar proxectos e planos de implantación, falar con multitude de compañías, intercambiar opinións con diferentes axentes do sector escénico e debater apaixonadamente co equipo sobre cal é a mellor das opcións para que cada persoa se atope co teatro, entramos no outono, con responsabilidade, pero orgullosos da nosa proposta. E tamén tranquilos, porque estamos certos de que o fervente público do festival que sempre enche as butacas, a recibe coa mirada ben aberta e co ánimo preparado para emocionarse, coñecer, imaxinar, pensar, rir e mesmo chorar; coa ilusión do encontro arredor da escena; coa satisfacción de sentir como Carballo volve a latexar co corazón do teatro.
De novo, artellamos un encontro con máis de 40 espectáculos para todos os públicos, en máis de 20 escenarios diferentes que vestirán Carballo co mellor do teatro actual de Galicia, de España, de Portugal; con creadores consolidados, referentes nas artes escénicas e, tamén, cos emerxentes ou cos máis arriscados; con formatos grandes e máis íntimos; con estreas absolutas e en Galicia, coproducións e residencias artísticas; con teatro de texto, de actor, sen palabras, musical, teatro de obxectos, cabaré, clown, teatro documento, inmersivo, participativo, contemporáneo, narración, improvisación, comedia xestual, monólogos, circo contemporáneo, teatro físico, inclusivo, social, comunitario, de máscaras, multidisciplinar, performance, conferencia performativa, autoficción, microcine, música… e, como non, un chisco de maxia, de poesía, de tecnoloxía e de danza. Se botan algo en falta, intentarémolo para a vindeira edición.
Nesta diversidade que buscamos para que o FIOT sexa o territorio de todas e todos, atopamos unha coincidencia entre os creadores en poñer sobre as táboas e reflexionar sobre unha realidade ou unha percepción que nos parece xeneralizada na sociedade: os cambios que semellan afectar ao máis fondo do sistema económico, social e ambiental, os conflitos bélicos ou nas relacións persoais, as incertezas e o ruído que nos afogan ou a fraxilidade dunha sociedade cada vez máis líquida alimentan a impresión de que as estruturas que nos rodean tremen e están a perder o equilibrio. Con COLAPSO queremos sintetizar ese sentimento colectivo e damos nome a este FIOT 2026. Mais queremos poñer o foco no carácter dinámico, de transformación e oportunidade para a reinvención e no papel que as artes escénicas poden xogar nesta encrucillada, como xeradoras de cuestionamento, de reflexión colectiva, de imaxinación, de impulso para o cambio. E, tamén, no que xogan para o encontro, e o gozo, como refuxio. Caos, oportunidade, latido, arte, perspectiva, soño, ousadía… todos estes conceptos caben no noso programa. Esperamos lograr que cada espectáculo sexa unha experiencia irrepetible.
Chegar ao 35 Outono de Teatro tamén nos leva a botar a mirada moi atrás. Trinta e cinco anos de traxectoria son o testemuño dun legado vivo que forma parte da identidade de Carballo e que nos proxecta cara ao exterior. Moitísimas sodes as persoas que formades parte desde o seu inicio desta comunidade, deste proxecto de resistencia cultural. Moitas grazas. Os momentos e o percorrido vividos coas espectadoras e espectadores, co voluntariado, con compañeiros como Antonio Porteiro a quen estamos felices de nomear Xograr de Outono, coas moitas entidades que colaboran e con todas as institucións que nos apoian son, sen dúbida, os azos que impulsan aofestival. Cada vez máis, precisamos ese compromiso compartido e esa complicidade para que o FIOT sega levedando e medrando.
Que se erga o pano. Benvidos e benvidas á 35ª edición do FIOT!