Skip to main content
  • A V edición do certame de microescenas M2 acolle o sábado 23, no Parque do Anllóns, as súas dúas últimas estreas absolutas desde 2021: A miña casa é un palco de música e OldPlay

 

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achégase a súa recta final. Esta fin de semana, o FIOT30 celebrará as últimas funcións gratuítas do FIOT Fónico e do certame Metro Cadrado; dúas liñas de programación que apostan polo teatro de proximidade e polo uso de ferramentas tecnolóxicas nas artes escénicas. Mais esta despedida está acompañada por dous espectáculos do Programa de Sala, que segue a pleno rendemento. O Pazo da Cultura de Carballo é o recinto escollido para a estrea en Galicia, este venres 22, de Solo un metro de distancia, de Serena Producciones, e tamén como unha nova parada da xira do Othello, de Voadora, polo país, cuxa función terá lugar o sábado 23 de outubro.

Solo un metro de distancia, escrita e dirixida por Antonio C. Guijosa, pon o foco no abuso sexual infantil. Nesta peza, de Serena Producciones, catro actrices desdóbranse para amosarnos a distancia entre o ser que sofre e o que observa, como convivimos co dano, como somos as súas testemuñas e a incapacidade de entendernos a nós mesmos ou aos demais. Tras unha labor intensa de investigación e documentación, Guijosa escribe unha obra de conmovedora sen renunciar á delicadeza, e pola que foi finalista este ano aos Premios Max como Mellor Autoría Revelación.


Pola súa banda, o Othello
de Voadora, dirixido por Marta Pazos, é unha das adaptacións máis exitosas desta tempada. Estreada no mes de maio no Teatro de La Abadía de Madrid, este Othello con dramaturxia de Fernando Epelde dá unha volta ao texto do bardo inglés e pon o foco na perspectiva feminina: a personaxe de Desdémona, interpretada por María Vázquez, narra unha historia na que Voadora quere convidar á reflexión sobre as violencias machistas, o xénero e a posverdade. Para dar a coñecer esta peza e atender as consultas do público en relación ao espectáculo, o Festival Internacional Outono de Teatro propón un Café con… o sábado 23, ás 18.30 horas no Pazo da Cultura, con Jose Diaz, produtor de Voadora e director do Othello en xira.

Despedida do FIOT Fónico

O FIOT ofrecerá esta fin de semana, e tamén de xeito gratuíto, as últimas funcións dos dous espectáculos do FIOT Fónico dos que o público pode gozar nesta edición a través dos dispositivos móbiles: O espello que arde, con dobre función de venres a domingo, e a A lúa, válvula de spray.  Ambas pezas, producidas polo FIOT en colaboración con Lidis, propoñen a introdución do espazo urbano na creación escénica mediante o apoio das ferramentas tecnolóxicas. Así, se no 2020 A lúa, válvula de spray, tiña como escenografía os murais de Carballo, neste 2021 O espello que arde introduce as rúas da localidade nunha historia policiaca para que o público percorra, co seu teléfono móbil, a reconstrución dun misterioso asasinato.

Estas dúas propostas do FIOT Fónico pódense descargar da aplicación Carballo a un paso. No caso de O espello que arde, o público deberá participar nunha das funcións acompañado por membros da organización (venres e sábados ás 19 e as 20h, e domingos ás 13 e ás 19h), previa inscrición (gratuíta no correo fiot.fiotfonico@gmail.com), mentres que no caso de A lúa, válvula de spray, a peza estará a libre disposición da veciñanza para o seu goce até o vindeiro domingo 24.

 

Metro Cadrado

O sábado 23 desenvolverase tamén, no Parque do Anllóns, a terceira e derradeira xornada da V edición do Certame Metro Cadrado, que desta quenda ofrecerá as estreas absolutas de dúas pezas de teatro de pequeno formato creadas especificamente para o lugar no que se representarán: A miña casa é un palco de música, de Sara Guerrero, e Oldplay, de Antón Coucheiro. Mentres que a primeira peza terá lugar no palco de música, a segunda será na no parque infantil.

Na proposta A miña casa é un palco de música, a intérprete reconstrúe a historia da personaxe protagonista mediante relatos familiares vinculados a este espazo. No caso de Oldplay, falamos dunha creación de autoteatro, un dispositivo escénico deseñado para que sexa o público quen actúa. Así, as persoas participantes na función, recibirán unha serie de instrucións precisas a través dos seus dispositivos. Cando comece o xogo, terán que tomar decisións, realizar certas accións, interactuar entre eles e vivir a experiencia. As dúas pezas terán funcións ás ás 12.30, 13.30, 18.00 e 19.00 horas e son abertas á cidadanía. Para asistir, a organización recomenda realizar, previamente, unha reserva a través do correo fiot.microteatroentrada@gmail.com.