
A compañía galega presenta a noite deste venres, 23 de outubro, no FIOT35, A arte da guerra, coprodución do festival que transforma o tratado de Sun Zi nunha sátira feroz e irreverente sobre o poder, o engano e os conflitos do noso tempo
O FIOT acollerá por primeira vez en Galicia Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos, o celebrado espectáculo da dramaturga e directora María Velasco, que a prensa especializada cualifica como “un espectáculo vibrante y lúcido con dos intérpretes deslumbrantes” e “una obra redonda sobre el amor contemporáneo”
A programación do xoves 22 ao domingo 25 de outubro no FIOT35 completarase coa fetexada traxicomedia punk Solo quería bailar, de Olalla Hernández, ás últimas pezas do X Certame de Micro-Escenas M², presentacións literarias, encontros arredor da memoria teatral, actividades de participación comunitaria e a gala de entrega do Xograr de Outono

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) afronta a súa quinta semana de programación cunha proposta que reúne tres das citas máis destacadas desta 35ª edición: a estrea absoluta de A arte da guerra, de Mofa e Befa; a chegada por primeira vez a Galicia de Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos, da dramaturga e directora María Velasco; e Solo quería bailar, a traxicomedia sevillana punk protagonizada por Olalla Hernández. Do xoves 22 ao domingo 25 de outubro, o festival combinará estas tres propostas con teatro para público novo, microescenas, presentacións literarias e actividades que reivindican a memoria escénica e o encontro entre a creación artística e a comunidade.
A semana comezará o xoves coa función escolar de A arte da guerra, de Mofa e Befa, a modo de preestrea da peza, e coa presentación –ás 19.00 e 20.00 horas– dos libros A música dos desprazados. Teatro lírico e galeguidade durante o longo século XVIII, de Javier Gándara Feijóo, e NARF. Canto sentido, unha homenaxe a este importante músico, cantante e compositor galego. O venres chegará a estrea absoluta da nova coprodución do FIOT, que incluirá a gala de entrega do Xograr de Outono 2026 a Antonio Porteiro. O sábado será a quenda do espectáculo de María Velasco, acompañado dunha nova edición do Certame de Micro-Escenas M² e de actividades arredor do legado de Manuel Lourenzo. O domingo, Solo quería bailar pechará a programación semanal no marco do OTNI, desde a linguaxe híbrida do monólogo, o humor e a danza.
MOFA E BEFA REGRESAN AO FIOT COA ESTREA ABSOLUTA DE ‘A ARTE DA GUERRA’
A mítica compañía galega Mofa e Befa regresa ao FIOT cunha nova creación que poderá verse por primeira vez o venres 23 de outubro, ás 21.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo. A arte da guerra, coproducida polo festival, toma como punto de partida o lendario tratado de Sun Zi para construír unha farsa feroz e irreverente sobre o poder, o engano e os conflitos que atravesan a sociedade actual.
Reis, xenerais, concubinas, espías, magnates, adestradores de fútbol, avogadas matrimoniais e outras figuras atrapadas en singulares conflitos humanos compoñen un retablo urxente dun mundo en colisión, no que rexorde o belicismo. Fiel ao seu particular estilo, Mofa e Befa transforma a sabedoría militar chinesa nunha sátira da nosa época, na que a ironía e a gargallada se converten nas mellores armas para mirar criticamente o presente. Porque, se todo é unha guerra, a compañía propón tomala con humor e combater, sobre todo, o aburrimento.
A montaxe conta coa interpretación de Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto, co espazo escénico de Marcelino de Santiago «Kukas», o deseño lumínico de Octavio Mas e a dramaturxia e dirección de Carlos Santiago.
A estrea absoluta estará precedida dunha función escolar o xoves 22, ás 11.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura. Ademais, a función do venres acollerá ao seu remate a entrega do Xograr de Outono 2026 a Antonio Porteiro, un dos recoñecementos que forman parte da identidade do festival.
‘VENDRÁN LOS ALIENÍGENAS Y TENDRÁN TUS OJOS’ POR PRIMEIRA VEZ EN GALICIA
O sábado 24 de outubro, ás 20.00 horas, o Auditorio do Pazo da Cultura acollerá unha das citas máis agardadas da semana: Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos, da dramaturga e directora María Velasco, Premio Nacional de Literatura Dramática 2024. O espectáculo chega por primeira vez a Galicia avalado pola súa acollida crítica. El País definiuno como “un espectáculo vibrante y lúcido con dos intérpretes deslumbrantes” e “una obra redonda sobre el amor contemporáneo”.
A peza parte da historia dunha muller que chega á metade da vida apática e descreída. A irrupción dun novo amor convértese nun acontecemento extraordinario, comparable á aterraxe dun obxecto voador non identificado: unha experiencia capaz de devolvela ao pensamento máxico e de facela crer de novo nas grandes utopías.
Desde o humor e a medio camiño entre a autoficción e a ciencia ficción, Velasco reflexiona sobre o amor nunha sociedade marcada polo individualismo e pola procura de afectos sen riscos. Amar convértese nunha aventura cara ao descoñecido, capaz de alterar a maneira de mirar o mundo e de abrir novas posibilidades nun contexto no que semella difícil confiar nos demais.
A montaxe combina teatro, música en directo, danza e creación audiovisual nunha proposta de poderosa factura visual. María Jáimez e Carlos Beluga protagonizan o espectáculo, que conta con coreografía de Josefina Gorostiza, creación audiovisual e multimedia de Albert Coma, escenografía de Jose Novoa, espazo sonoro de Tagore González e deseño de iluminación de Pilar Valdevira. A produción é de Pecado de Hybris, en coprodución con Nave 10 Matadero.
HUMOR, RABIA E DANZA PARA CONTAR UNHA HISTORIA DE EXCLUSIÓN
O domingo 25 de outubro, ás 20.00 horas, o FIOT pechará a programación da semana con Solo quería bailar, de Olalla Hernández, unha proposta que chega a Carballo en estrea en Galicia dentro da liña OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado).
A partir da premiada novela de Greta García, a obra constrúe unha traxicomedia sevillana punk arredor de Pili, unha bailarina que, desde a cela na que cumpre unha condena de trinta anos de prisión, reconstrúe o camiño que a levou ata alí. A súa historia dá conta dunha vida na que o sistema parece empeñado en pechar todas as portas e convértese nun retrato da precariedade, da burocracia e das estruturas que exclúen.
Con retranca, rabia e unha fonda humanidade, Solo quería bailar mestura monólogo, palabra, humor e danza para dar voz a unha muller que reivindica o dereito a ocupar un lugar no mundo e a sentirse querida. A dirección, a escenografía e a coreografía son de Alberto Velasco, que acompaña a interpretación de Olalla Hernández nunha proposta intensa e irreverente na que a arte aparece tanto como un soño frustrado como un motor de resistencia.
O X CERTAME DE MICRO-ESCENAS M² TRANSFORMA CARBALLO EN ESCENARIO
O sábado 24 de outubro, o FIOT celebrará a última xornada do Certame de Micro-Escenas M², que alcanza a súa décima edición e leva o teatro a espazos cotiáns da vila, favorecendo o encontro directo entre artistas e espectadores a través de pezas breves e formatos de proximidade.
A programación inclúe A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez, con funcións ás 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30 horas en upa! Espazo barefoot. Mentres, a proposta Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas, poderá verse nos mesmos horarios en Sweet Spirit Moda Infantil.
O M² é unha das liñas máis singulares do FIOT: un laboratorio de creación e exhibición que explora as posibilidades do teatro fóra dos escenarios convencionais e achega a creación contemporánea a novos públicos. A entrada é gratuíta, pero debido á limitación dos espazos, recoméndase reservar praza escribindo a fiot.microteatroentrada@gmail.com indicando nome do espectáculo, horario, nome e apelidos da persoa espectadora e teléfono de contacto.
LIBROS, MEMORIA TEATRAL E PARTICIPACIÓN COMUNITARIA
A actividade paralela do xoves 22 comezará ás 19.00 horas coa presentación de A música dos desprazados. Teatro lírico e galeguidade durante o longo século XVIII, do investigador Javier Gándara Feijóo, no Pazo da Cultura. O autor estará acompañado por Ramon Pinheiro, editor de aCentral Folque. O libro ofrece unha lectura dunha Galicia interconectada, plural e culturalmente dinámica, e reflexiona sobre o papel das artes escénicas na construción da identidade cultural. A continuación, contra ás 20.00 horas, terá luagar unha segunda presentación literaria: NARF. Canto sentido. Cando se cumpren 10 anos do seu pasamento, amigos e outros músicos próximos a Fran Pérez “NARF” promoveron a edición dun libro-CD homenaxe a este importante músico, cantante e compositor galego, recoñecido pola orixinalidade e riqueza da súa obra e a incorporación de múltiples influencias sonoras ao rock. Tivo unha frutífera relación co teatro, compoñendo a música para máis de 30 espectáculos. Editado por a Central Folque, algúns dos autores desta publicación colectiva son Quico Cadaval, Xelís de Toro, Carlos Santiago, Uxía ou Pepe Sendón, ou Ramón Bermejo.
Pola súa banda, o sábado 24, ás 10.00 horas, desenvolverase no Pazo da Cultura o Coro Teatral LoitaMADRE, un laboratorio impulsado por ButacaZero con Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, en colaboración con Camino Escena Norte. A actividade forma parte dun proceso de creación escénica que toma como punto de partida a loita das nais contra a droga en Galicia e o papel das mulleres nos movementos de transformación social, e propón explorar a forza dunha voz colectiva a través do teatro.
Ese mesmo día, ás 18.00 horas, o festival celebrará unha conversa arredor do mestre Manuel Lourenzo, figura fundamental da escena galega e integrante da comunidade de honra dos Xograres de Outono. O encontro servirá para afondar no seu legado e na pegada que continúa deixando en varias xeracións de creadoras e creadores.
Durante toda a semana poderán visitarse tamén no Pazo da Cultura, de 17.00 a 21.00 horas, as exposicións Zoom FIOT 2025 e Manuel Lourenzo. A pegada que continúa, que convidan a percorrer a memoria visual do festival e a achegarse á dimensión artística e humana dun dos grandes nomes do teatro galego contemporáneo.





