Sobre o espectáculo

A inspectora Taxes quere volver sobre os pasos de Leo (A lúa, válvula de spray na tempada 2020), de quen se sabe que foi unha das últimas persoas en ver con vida a Merche Valiño; estaban de festa xuntos antes de ela desaparecer entre as sombras para sempre. Non sabe exactamente que, pero hai algo que non lle encaixa á inspectora…

Ti, como público deste FIOT Fónico, vas prestar o teu corpo á axente Leis. Este é un dos teus primeiros traballos como poli e semella sinxelo. Unha reconstrución da noite de San Xoán na que apareceu asasinada Merche. Pero… é posible que camiñando por Carballo poidas ver algo que permanecía oculto?

Os gregos antigos empregaban grandes espellos cóncavos nas batallas: concentraban a luz solar e facían arder o punto ao que a dirixían. A inspectora Taxes vai facer o mesmo co cerebro de Leo: por veces percibimos detalles dos que non somos conscientes, son recordos aos que hai que quitar o po para velor, coma se fosen trastos agochados no noso cerebro. E para iso volvemos unha e outra vez facer o mesmo camiño.

De novo, as rúas de Carballo converteranse no insólito escenario de FIOT Fónico. Os espectadores transitan polo espazo urbano nunha experiencia teatral en formato de podcast, unha publicación dixital en audio que podes escoitar desde o teu móbil a través da aplicación Carballo a un paso.

Este 2021, o FIOT dá continuidade ao proxecto iniciado o ano pasado, cunha nova produción propia realizada en colaboración con LIDIS, coa que pretendemos explorar a hibridación das artes escénicas coas ferramentas tecnolóxicas innovadoras, poñendo en valor o noso territorio, Carballo. A nosa contorna como desencadeante dunha ficción teatral.

Ficha

Dramaturxia: María Lado
Dirección:
Marcos PTT Carballido
Asistente á dirección:
Quico Cadaval
Intérpretes:
Santi Romay, Mónica Caamaño, Rocío González
Espazo sonoro:
Marcos PTT Carballido
Gravación e mastering:
Iván Mera