Skip to main content
Novas

Titzina e El Brujo poñen o broche de ouro á 35ª edición do FIOT

By 29/10/2026No Comments

A compañía catalá Titzina iniciará no festival a xira estatal de Disección de la bondad en tres actos, unha farsa de investigación sobre os límites entre a verdade, a memoria, a identidade e a mentira; será o venres 30, ás 21.00 horas

Rafael Álvarez, El Brujo, pechará o sábado 31 a programación escénica coa estrea en Galicia de La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, un monólogo que combina humor, improvisación, música en directo e reflexión espiritual

Esta última semana do FIOT35, do xoves 29 ao sábado 31 de outubro, inclúe un Onda FIOT de Titzina con Daniel Galindo, xornalista cultural de RNE, con entrada libre para todos os públicos, este xoves 29, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, e as exposicións Zoom FIOT 2025 e Manuel Lourenzo. A pegada que continúa

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, afronta a súa sexta e última semana de programación coa que será a despedida dunha 35ª edición marcada pola diversidade de linguaxes, a presenza de grandes nomes da escena e o apoio á creación contemporánea. Do xoves 29 ao sábado 31 de outubro, o festival reunirá dúas propostas destacadas: Disección de la bondad en tres actos, da compañía Titzina, que iniciará en Carballo a xira estatal da súa nova montaxe, e La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, a estrea en Galicia do novo espectáculo de Rafael Álvarez, El Brujo.

A recta final do FIOT comezará este xoves cun encontro de Titzina con Daniel Galindo, xornalista cultural e director do programa La Sala, de RNE, no marco de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas. Será ás 2000 horas, no pazo da Cultura de Carballo. O venres, a compañía catalana presentará no Auditorio do Pazo da Cultura a súa nova creación, ás 21.00 horas, unha farsa en tres actos que explora os mecanismos da bondade, o engano e a construción da verdade. O sábado 31 ás 20.00 horas, será a quenda de El Brujo, que pechará o Programa de Sala cun monólogo no que dialogan os evanxeos, a filosofía oriental e a tradición do ioga. A programación completarase cun novo espazo de encontro entre público e compañía e coas exposicións que acompañaron esta edición. Paralelamente, o FIOT acollerá una nova actividade sectorial no marco de festival: una reunión da comisión artística da Rede Galega de Teatros no FIOT, que levarase a cabo en Carballo o venres 30, convocada pola Agadic, coa participación da directora artística do FIOT Carmen Castro, integrante da comisión.

TITZINA REGRESA AO FIOT CON ‘DISECCIÓN DE LA BONDAD EN TRES ACTOS’

A compañía catalá Titzina, referente dunha creación escénica construída a partir da investigación da realidade e dunha mirada poética sobre o comportamento humano, chegará ao FIOT o venres 30 de outubro, ás 21.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, con Disección de la bondad en tres actos. A montaxe, que se estrea en Galicia, marca o inicio da xira do novo espectáculo da compañía, que regresa a Carballo despois de que o público do festival puidese achegarse ao seu proceso creativo na pasada edición a través dunha lectura dramatizada.

A obra presenta unha farsa en tres actos arredor da cambiante natureza da verdade. Un mago e o seu axudante recorren a métodos cada vez máis disparatados para cobrar a pensión dunha nai falecida; un agricultor manipula a súa memoria para conseguir unha indemnización millonaria; e un defraudador encantador, que vive baixo múltiples identidades, saquea o seu contorno máis próximo. Tres historias nas que a realidade e a ficción se confunden e nas que os personaxes desafían os límites entre o que aconteceu, o que lembran e o que están dispostos a facer crer.

Fieis ao seu inconfundible estilo, Diego Lorca e Pako Merino constrúen unha viaxe escénica que combina investigación, ironía e poesía para interrogar o público sobre a memoria, a identidade, a mentira e a verdade. A proposta deixa abertas máis preguntas das que resolve e invita a observar ata que punto a bondade, a honestidade e a propia versión dos feitos poden transformarse segundo as circunstancias.

A creación, dirección e interpretación corresponden a Diego Lorca e Pako Merino, con dramaturxia de Lorca, escenografía de Luis Crespo, vestiario de Sergi Cerdán, deseño de iluminación de Jordi Thomàs e música e espazo sonoro de Arnau Obiols.

UN ENCONTRO CO PROCESO CREATIVO DE TITZINA

Como antesala da función, o xoves 29 de outubro, ás 20.00 horas, o Salón TV do Pazo da Cultura acollerá unha nova sesión de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas, con Titzina e Daniel Galindo, xornalista cultural e director de La Sala, de RNE. O encontro, aberto ao público ata completar a capacidade e sen necesidade de inscrición, permitirá coñecer de primeira man os detalles e os segredos do proceso de creación de Disección de la bondad en tres actos.

A conversa gravarase en directo en formato podcast e incorporarase ao arquivo dixital de Onda FIOT, a iniciativa coa que o festival amplía os seus espazos de mediación e formación de públicos máis alá das funcións presenciais.

ESTREA EN GALICIA DO ÚLTIMO ESPECTÁCULO DE EL BRUJO

O sábado 31 de outubro, ás 20.00 horas, Rafael Álvarez, El Brujo, será o encargado de pechar a programación escénica da 35ª edición do FIOT con La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, unha proposta que chega por primeira vez a Galicia e que combina humor, palabra, xesto, improvisación, música en directo e reflexión espiritual.

Poucos intérpretes son capaces de converter un escenario baleiro nun universo enteiro. Desde a súa longa experiencia sobre as táboas e a súa conexión directa co público, El Brujo revisita a figura de Xesús desde unha perspectiva pouco habitual, poñendo en diálogo os evanxeos coa filosofía oriental e a tradición do ioga. O espectáculo abre así un espazo para as grandes preguntas sobre a conciencia, a espiritualidade e a condición humana, sen renunciar ao humor nin ao carácter festivo do teatro.

A proposta bebe da tradición dos antigos xograres e da influencia de Dario Fo, combinando reflexión e comicidade nun monólogo no que a palabra, o xesto e a improvisación constrúen un universo escénico propio. A música en directo, a cargo de Javier Alejano, completa unha experiencia que invita a mirar desde outro lugar unha figura esencial da tradición cultural e espiritual.

Rafael Álvarez asume a interpretación, a creación e a dirección do espectáculo, acompañado pola composición musical e a interpretación en directo de Javier Alejano. A montaxe propón unha aposta arriscada na que o coñecemento, a risa e o xogo escénico conviven para celebrar o poder transformador do teatro.