O Fiotiño é a vertente do FIOT para os nenos e as nenas. Son propostas moi especiais para que os máis cativos tamén poidan vivir o teatro. Desde a radio, pasando unha noite no teatro, gozando do teatro de rúa xunto coa súa familia ou, esta edición, coa estrea do espectáculo Contos de Michos (27 de setembro).
FiotEEN
O FioTEEN reúne propostas específicas para os adolescentes. Con elas, iremos aos institutos, presentarémosvos primicias e traerémosvos ao auditorio funcións só para vós.
Coa alianza dos institutos, manterémosvos informados de todo o que pasa no FIOT a través da compañía carballesa Galeatro. Alba Bermúdez e Tone Martínez visitarán periodicamente os centros de ensino con píldoras informativas, presentando os espectáculos que vos poden interesar.
Escola do espectador
Aprender a mirar, aprender a ver. A Escola do espectador do FIOT é unha iniciativa que se dirixe aos amantes do teatro que queiran ampliar a súa mirada. Outro xeito de achegarse ao feito teatral para os espectadores aos que non lles basta quedarse na súa butaca.
Con esta Escola, o FIOT pretende achegar as claves que faciliten a comprensión e a análise dos espectáculos, reparando nos distintos discursos que ten unha función de teatro: o textual, o xestual, o lumínico, a dirección, a interpretación. Acompañadas dun vermú ou aperitivo, as persoas asistentes escoitarán a visión dun crítico teatral co que intercambiarán opinións sobre os espectáculos que configuran este festival.
Café con...
Encontros que pretenden achegar o proceso creativo, a linguaxe e os códigos de interpretación dun espectáculo ao público, amosando de primeira man o proxecto artístico da compañía e da obra, resolvendo dúbidas e curiosidades ou intercambiando opinións.
Os Café con… son eventos abertos a todos os espectadores, sen necesidade de inscrición e levaranse a cabo os días das representacións, sempre que as circunstancias das compañías e da montaxe dos espectáculo o permitan, agás nas datas das estreas absolutas, cuxos encontros terán lugar nos nos días previos.
Concretarase nas redes sociais do festival en función das condicións da montaxe de cada un dos espectáculos
Camiño Escena Norte Idea Carballo
Un proxecto de intercambio entre compañías teatrais de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco. Camiño Escena Norte é un proxecto deseñado ao redor dun novo itinerario cultural que toma como referencia a histórica ruta do Camiño de Santiago do Norte para desenvolver unha intensa programación escénica.
No marco deste proxecto, en Carballo celebrarase a xornada Escena Norte Idea durante a presente edición do FIOT. Como parte deste evento, tamén terá lugar unha experiencia colectiva de creación exprés.
Máis información sobre os dous eventos nos seguintes apartados.