O novo reto da sustentabilidade.

Formulamos este compromiso coa sustentabilidade no 32 FIOT como un reto co comportamento ético e socialmente responsable no que ir avanzando pouco a pouco.

O FIOT é algo máis que un evento e reivindicamos a potencialidade do noso festival como xerador de redes e de vínculos coa comunidade, como promotor do desenvolvemento das persoas e do territorio. De Carballo, como o máis próximo, e do ecosistema das artes escénicas galegas, no que tamén pretendemos desempeñar un papel dinamizador.

Os proxectos FIOT reflicten este espírito e están en liña cos desafíos que na actualidade rexen as prioridades e formas de actuación a nivel mundial, que se recollen na Axenda 2030.

A denuncia e loita contra a intransixencia centra a liña argumental desta edición do FIOT, amosando, un ano máis, a nosa responsabilidade social a través do contido das obras, coas que buscamos a reflexión sobre a realidade. Están moi presentes temas que nos implican nos últimos anos, como a muller ou a mocidade, e tamén o racismo, a guerra, a violencia contra os nenos ou a sexual, as persoas con discapacidades, a discriminación de tipo sexual ou os problemas de entendemento na vida familiar ou na cotián, pero a a imaxe da 32 edición tamén reflicte que as solucións pasan pola comprensión, o afecto, a empatía ou a solidariedade.

O compromiso coa inclusión, continúa con novas accións. Apaga o candil, a coprodución do FIOT con Contraproducións, irá acompañada da tradución á linguaxe de signos a través dun vídeo, o que suporá que non só poderemos ofertar este servizo nas representacións do festival, senón que acompañará á obra na súa xira. Coa residencia de creación e estrea de É meu amigo! impulsamos unha proposta que combina simultaneamente a lingua de signos e a lingua oral, incorporando ambas na súa dramaturxia, á vez que trata a integración na súa temática.

Outro paso relevante é a incorporación ao Programa de Sala un espectáculo inclusivo, Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa, na que non só se abordará a problemática de persoas con discapacidades físicas, senón que se normaliza a presenza deste colectivo na escena.

Por outra parte, o énfase na utilización de recursos dixitais e en liña, a potenciación da páxina web e das redes sociais, e a redución paulatina no uso do papel en programas, información, entradas ou votacións son algunhas das medidas postas en marcha nos últimos anos encamiñadas á utilización de recursos máis accesibles económica e medioambientalmente máis responsables.

Intérprete de signos

Interpretación en lingua de signos.