Sobre a actividade

Coa vontade de ir un paso máis alá da difusión e dinamización teatral, o FIOT manifesta a súa inquedanza pola creación escénica colaborando con compañías na xeración de propostas, implicándose na súa produción ou residencia ou ofrecendo o seu marco para a presentación e estrea de espectáculos.

Xa falamos dun dos proxectos máis relevantes desta edición para o FIOT, a iniciativa do festival de coproducir coa compañía Contraproducións dunha obra sobre Carlos O Xestal, Apaga o candil. Esperamos que este espectáculo xire por toda Galicia e recupere a merecida fama da que gozou este persoeiro “carballés”, pioneiro na narración oral, folclorista, músico e activista e figura destacada da cultura popular galega máis recente.

Cinco serán as compañías que acompañamos no seu proceso de creación acolléndoas en residencia artística, técnica ou ambas: Contraproducións, A Trastenda dos Contos, Redrum, Quico Cadaval, Celso Sanmartín, Guti e Clara Pampyn. Todas presentarán as súas obras no festival realizando a estrea absoluta da mesma. A estas, únense outras 5 estreas galegas, configurando un total de 10 e a participación doutras 8 supón a estrea en Galicia do seu espectáculo. Así, o FIOT cumpre co obxectivo de presentar novidades ao noso público e de promocionar os novos traballos tanto no panorama teatral galego como no exterior, a través do esforzo comunicativo que realizamos e do valor de prestixio do FIOT.

Certame de Micro-Escenas M² convocado pola AC Telón e Aparte é un dos piares do apoio á creación, xa que con el pretendemos detectar e facer visibles a creadores emerxentes que investigan novos formatos e espazos, acolléndoos na programación do festival. Seis son as propostas site-specific seleccionadas por un xurado, que se realizarán en diversos espazos públicos e privados de Carballo.