Skip to main content

As VocesFIOT toman de novo Carballo esta fin de semana para ofrecer coidadas propostas escénicas para os públicos e gustos máis diversos, onde non faltarán a diversión e a reflexión, dous elementos centrais da programación deste FIOT31. Así, este venres o Festival Internacional Outono de Teatro inaugura o seu esperado Programa de Sala e irrompe con humor cun marcado selo galego: Mofa e Befa presentan a estrea absoluta da súa nova creación, ‘Pirolíticos’. As risas tamén estarán presentes na Rúa dos Contos, coa estrea en Galicia de ‘SEXperiencias en clave de humor’, ou mesmo no espazo público grazas ao Teatro de Rúa, co ‘Carman’ de Javier Ariza. Ademais, o ciclo OTNI inicia a súa andaina coa visita da compañía navarra La Caja Flotante, que presenta por primeira vez en Galicia ‘Beautiful Stranger’, unha singular proposta sobre as lembranzas. E sobre a memoria tamén xirará outra das propostas máis especiais desta 31ª edición do festival: Paula Carballeira e Berrobambán protagonizan o primeiro espectáculo do FIOT en ruta coa súa proposta ‘Facer memoria’, coa que está a percorrer estes días a comarca para conversar coa veciñanza.

Mañá bota a andar o Programa de Sala, un dos eixos principais da programación de funcións do FIOT e que propón espectáculos das compañías máis destacadas do panorama escénico. Precisamente destas representacións, que decorrerán desde o venres 7 e até o luns 31 de outubro, sairá o espectáculo merecedor do Premio do Público 2022, que outorgarán cos seus votos as e os asistentes do festival. Na anterior edición do festival a obra gañadora foi ‘Cigarreiras’.

O Programa de Sala abrirase co humor de Mofa e Befa por partida dobre: o venres 7, ás 21.00 horas terá lugar a estrea absoluta de ‘Pirolíticos’ -coa entrega do premio Xograr de Outono a Evaristo Calvo ao remate- e, ao día seguinte, celebrarase unha segunda función ás 20.30 horas. A obra, unha coprodución de FIOT e Producións Teatrais Excéntricas dirixida por Clara Gayo e asinada pola propia Gayo, María Lado e Lucía Aldao, propón unha revisión feminista do impacto que o patriarcado ten sobre os propios homes. 

A fin de semana no espazo público abrirase co humor de Javier Ariza e o seu ‘Carman’ no marco do ciclo Teatro de Rúa. Un excéntrico showman e un Seat 600 son os protagonistas desta comedia urbana de rúa na que o mítico vehículo cobrará vida. Música, circo, humor,  obxectos e superpoderes encherán de sorrisos e ilusión a Praza do Concello a partir das 19.30 horas do venres 7.

O sábado 8 terá lugar a apertura do XII Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), a liña de programación na que o público atopará as voces máis singulares do FIOT. Experimentación e innovación sen límites definen a proposta máis alternativa do festival, que comezará coa estrea en Galicia de ‘Beautiful Stranger’, da compañía navarra La Caja Flotante. Trátase dunha comedia de autoficción existencial e linguaxe cinematográfica que aborda as múltiples identidades que habitan nunha soa persoa, e como a memoria é invadida, constantemente, pola imaxinación. A creación chega ao FIOT31 da man do proxecto de intercambio cultural Camiño Escena Norte, que apoia a visualización e o estabelecemento de sinerxías entre as compañías de artes escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Como parte do programa de actividades, após a función -que comezará ás 20.45 horas no Salón de Actos do Pazo da Cultura- celebrarase un encontro co público asistente, no que tamén participará Sonsoles Cordón, da compañía galega Olivas Negras. 

Xa en horario nocturno, no marco da Rúa dos Contos, chegará a quenda doutra das estreas en Galicia que ofrecerá o FIOT31: ‘SEXperiencias en clave de humor’, da compañía vasca Good Sex Maritxu. Tres mulleres (interpretadas por Susana Soleto, Itxaso Kintana e Gurutze Beitia) recrearán as súas experiencias e contarán ‘a primeira vez’ dunha delas nunha comedia de enredos e reaccións inesperadas. O humor e as risas están garantidas nesta adaptación que fai José Cruz Gurrutxaga a partir da obra de Yolanda García Serrano (‘Todos los hombres sois iguales’). 

 

FIOT en ruta

Por segundo ano consecutivo o FIOT levará as artes escénicas ás parroquias da comarca co seu FIOT en ruta. O domingo 9 chegará ao Centro Social de Verdillo ‘Facer Memoria’, de Berrobambán, na que a narradora e Xograresa de Outono Paula Carballeira recupera lembranzas de Carballo. Trátase dunha experiencia participativa que se compón de tres espectáculos-encontros que Carballeira está a ter esta semana con persoas de distintas parroquias do municipio, e no que se esvaecen os límites entre o escenario e o patio de butacas, dándolles voz ás lembranzas do público. Na función final do domingo 9 (19.00 horas), Berrobambán compartirá as conversas mantidas ao longo destes días e a súa particular reconstrución da historia local e lembranzas dos lugares que visitaron. 

Xa pasada a fin de semana, e aproveitando a festividade do 12 de outubro, FIOT programa no Centro Social de Ardaña (19.00 horas) unha función de ‘Esas cousas marabillosas’, de Empatía teatro, unha divertida e conmovedora comedia sobre a depresión, o suicidio e todo o que unha persoa está a disposta a facer polas persoas que quere.