Skip to main content
  • O galardón, que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas co recoñecemento de figuras imprescindibles do sector de xeito anual, entregarase durante a celebración da nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo en outubro
  • O xurado destacou que “Calvo é un histrión de carácter e selo propio que, coa súa enerxía actoral peculiar, a súa agudeza creativa e o seu dilatado oficio, soubo dar vida ás máis inesquecíbeis e orixinais criaturas escénicas, sendo un dos cómicos de referencia no teatro galego”

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2022 o premio Xograr de Outono a Evaristo Calvo. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas.

Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar ao cómico Evaristo Calvo. No seu fallo, o xurado destacou que “Calvo é un histrión de carácter e selo propio que, coa súa enerxía actoral peculiar, a súa agudeza creativa e o seu dilatado oficio, soubo dar vida ás máis inesquecíbeis e orixinais criaturas escénicas, sendo a día de hoxe un dos cómicos de referencia no teatro galego”. O artista recollerá este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, o testigo da actriz Casilda García Alfaro, galardoada en 2021.