Skip to main content

 O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) abre este sábado, 6 de outubro, a ‘Escola do espectador nas ondas’, unha iniciativa sonora que, en formato podcast, recuperará o espírito dun dos proxectos pioneiros na formación de públicos en Galicia: a ‘Escola do espectador’.

Esta nova ‘Escola do espectador nas ondas’ recolle as inquedanzas do proxecto pioneiro posto en marcha hai anos no marco da programación do FIOT coa intención de facilitar ao público as claves para comprender ou analizar os distintos espectáculos que forman parte da programación. Neste FIOT31, o festival incorpora unha serie de encontros guiados por xornalistas especializadas en artes escénicas, que conversarán coas artistas ou compañías participantes no certame arredor de diferentes liñas temáticas. Estes encontros, que serán de acceso libre, favorecerán a creación dun novo espazo de convivencia entre público e artistas e novas vías de difusión de coñecemento, pois os capítulos resultantes estarán dispoñibles, de forma estable, a través da web oficial do FIOT, www.fiot.gal.

O crítico teatral Camilo Franco será o primeiro xornalista que guiará a conversa, que xirará arredor da creación galega e na que participarán Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (Mofa e Befa, que abrirán este venres o Programa de Sala coa estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, a nova coprodución do FIOT e Producións Teatrais Excéntricas), e Tito Asorey e Xosé A. Touriñán, director e intérprete de ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, a obra do Centro Dramático Galego e Ainé Producións que pechará esta edición do FIOT o luns 31 de outubro. 

A primeira sesión celebrarase no Salón Social do Pazo da Cultura de Carballo entre as 13.00 e as 14.00 horas deste sábado e a entrada será libre até completar a capacidade do espazo. Ao longo dunha hora, o grupo departirá sobre as súas novas creacións teatrais ou a situación da escena galega, entre outras cuestións. Na última parte da conversa, o público asistente poderá participar coas súas consultas a calquera dos convidados.

Cada sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’ gravarase ao vivo e publicarase, posteriormente, no novo espazo web Onda FIOT’, un proxecto dixital que recolle os arquivos sonoros das iniciativas impulsadas polo Festival Internacional Outono de Teatro nos últimos anos. É o caso do innovador proxecto FIOT Fónico (coas pezas producidas polo FIOT ‘A lúa, válvula de spray’, de Rosalía Fernández Rial, e ‘O espello que arde’, de María Lado), ou das pezas gañadoras das últimas edicións do Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, que este 2022 celebra os seus 21 anos de traxectoria.