A compañía catalá Titzina estrea este sábado en Galicia, no marco do Festival Internacional Outono de Teatro, a súa nova creación: Búho. O recinto carballés será o primeiro escenario que o espectáculo visite en xira logo da súa estrea absoluta esta mesma semana. Búho, unha creación de Diego Lorca e Pako Merino (que asumen tamén a dirección e interpretación) é un espectáculo visualmente suxerente, onírico e cunha linguaxe trepidante que combina diversas artes escénicas. A través da música, da interpretación e da escenografía, Titzina constrúe un relato dirixido a todo tipo de públicos que se mergulla na busca interior da memoria do protagonista á fin de recuperar os seus recordos e a súa identidade logo de sufrir un ictus que lle provoca amnesia severa.
Para coñecer as claves desta nova creación, o FIOT propón para este sábado 15, ás 13.00 horas, unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas, que terá lugar no Salón social do Pazo da Cultura, que conducirá o xornalista Daniel Galindo (presentador de La Sala, de RNE). O encontro, aberto ao público, contará coa participación da compañía e con petiscos e grolos para as e os asistentes.
A de Titzina será a primeira das dúas conversas que o FIOT promoverá esta fin de semana no marco da nova Escola do espectador nas ondas, os encontros entre público, artistas e xornalistas especializadas en artes escénicas para favorecer a comprensión e o análise dos espectáculos que conforman a programación do festival. As conversas, gravadas en formato podcast, pódense escoitar desde a web https://fiot.gal/ondafiot/, na que xa está dispoñible a sesión do sábado pasado, na que participaron Mofa e Befa (‘Pirolíticos), Tito Asorey e Xosé A. Touriñán (‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, e que conduciu Camilo Franco.
O domingo 16 a partir das 18.00 horas, terá lugar a segunda sesión da Escola do espectador das ondas desta semana e será con Leo Bassi. O clown e axistador de emocións regresa a Carballo 25 anos despois da súa primeira visita a Galicia e ao FIOT para estrear, no país, o seu último espectáculo: ’70 años: Leo Bassi’. Antes desta función, Galindo falará co bufón italiano sobre a súa traxectoria escénica e esta nova creación, na que esixe, a través da memoria e do humor, que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumulados.
De cara á semana seguinte, o sábado 22, celebrarase a seguinte sesión da Escola, que desta quenda dirixirá a xornalista Machús Osinaga (La Mandrágora, Atención Obras ou Cine de Barrio). A cita, que comezará ás 13.00 horas, contará con Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, de Chévere -Premio Nacional de Teatro 2014-, e Pont Flotant. No primeiro caso, Patricia de Lorenzo (Xograresa de Outono 2019), presentará o venres 28, no marco do ciclo OTNI, a súa conferencia performativa ‘Pequenas mentiras para contar grandes verdades’, na que aborda o proceso de creación dalgúns dos personaxes que interpretou con Chévere. Pola súa banda, a veterana compañía valenciana Pont Flotant estreará o sábado 22 de outubro en Galicia, no marco do FIOT31, a súa nova creación: ‘Eclipse total’, peza que se enreda nos fíos da memoria para reflexionar sobre a morte, o legado e o misterio desde o característico universo artístico do colectivo. O encontro, aberto ao público, porá en relación o traballo das compañías e dos seus procesos de investigación e documentación.
Esta nova Escola do espectador nas ondas pecharase o sábado 29 de outubro co protagonismo absoluto de ‘La voluntad de creer’, a nova creación de Pablo Messiez, unha das propostas máis recoñecidas da tempada escénica e que, ao igual que Titzina, fará a primeira parada da súa xira no FIOT. O encontro, que conducirá Paloma Cortina (Dramedias, de RNE) terá lugar o 29 de outubro, a partir das 14.00 horas, no Salón social do Pazo da Cultura e contará coa participación cds intérpretes Rebeca Hernando, José Juan Rodríguez e do propio Messiez, neste último caso a través de videochamada.