Skip to main content
Novas

O OTNI e Chévere protagonizan a segunda semana do FIOT de Carballo

By 30/09/2026No Comments

Carlota Mosquera presenta este xoves, 1 outubro, ás 21.00 horas, Ninguén tira fotos nos enterros, a súa creación nacida no Certame Micro-Escena M² do FIOT, mentres que Chévere inaugura o sábado 3, ás 20.00 horas, o Programa de Sala do festival coa súa última creación ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao)

A programación complétase con 5.0 e Tavole no Teatro de Rúa; O que non estaba escrito, Poesía acústica, As ben dadas e A historia vaxenial na Rúa dos Contos; ademais da exposición ‘Zoom FIOT 2025’ ­–cuxa inauguración terá lugar mañá xoves, 1 de outubro, ás 19.30h, no Pazo da Cultura– e un ‘Café con…’ para conversar con Chévere o sábado 3, contra ás 18.00 horas, no Salón da TV do Pazo, antes da función

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, continúa esta semana a andaina da súa 35ª edición cunha segunda semana de programación, que, do xoves 1 ao domingo 4 de outubro, volverá levar as artes escénicas a diferentes espazos da vila. O OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) será un dos grandes focos desta segunda semana coa presentación de Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota e Compañía, a formación de Carlota Mosquera, mentres que o Programa de Sala botará a andar este sábado con Chévere e ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao).

A programación da semana complétase con propostas de circo contemporáneo, narración oral, poesía e humor, da man de artistas e compañías como Sue Moreno, Zirko Txosko, Carmen Conde, Lúa Mosquetera, Atenea García e Raquel Nogueira e Iván Marcos. A través da plataforma en liña Ataquilla.com poden adquirirse todavía as últimas entradas e bonos para o OTNI do FIOT, con prezos desde 5 euros, unha oportunidade para gozar dunha programación que reúne diferentes linguaxes, formatos e miradas sobre o presente.

O OTNI, UNHA DAS APOSTAS MÁIS SINGULARES DO FIOT

O xoves 1 de outubro, ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura, o FIOT dará comezo á segunda semana coa proposta Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota e Compañía, dentro do ciclo OTNI. Antes, no mesmo Pazo da Cultura, NO ANDAR -1, contra ás 19.30 horas, terá lugar a inauguración da exposición Zoom FIOT 2025.

Unha voda e un enterro celebrados o mesmo día son o punto de partida desta autoficción que aborda a morte desde a mirada dunha nena de 11 anos. A obra recrea as fotografías que esa nena tirou durante aquela xornada e constrúe, a través da fotografía en vivo e de efectos analóxicos, un universo que transita entre a memoria da infancia, a perda, a despedida e a necesidade de conservar aquilo que o tempo ameaza con borrar.

A proposta ten, ademais, unha estreita relación co propio FIOT: naceu no Certame Micro-Escena M² do festival en 2023, onde obtivo o premio á mellor interpretación, e agora chega a Carballo nunha versión de gran formato. É o debut da compañía de recente creación encabezada por Carlota Mosquera, que comparte escenario con Sol Álvarez.

Ninguén tira fotos nos enterros representa á perfección o espírito do OTNI, unha das liñas de programación do FIOT dedicada a descubrir novas creadoras e creadores e achegar ao público propostas pouco convencionais que exploran outras formas de entender a escena.

CIRCO CONTEMPORÁNEO NAS PRAZAS DE CARBALLO

O venres 2 de outubro será unha xornada especialmente intensa coa presenza do Teatro de Rúa en dous puntos de Carballo. Ás 18.00 horas, na Praza da Cruz Vermella, Sue Moreno presentará 5.0, un espectáculo no que circo, música, danza, flamenco e humor se poñen ao servizo dunha reflexión sobre o paso do tempo e a transformación do corpo.

Unha diva que se achega aos 50 e unha pregunta —canto tempo máis pode ser trapecista?— son o punto de partida dunha proposta que combina aéreos, equilibrios, danza, percusión e flamenco. Sue Moreno parte da súa propia experiencia para reivindicar a madurez e falar de cambios, transformación e envellecemento.

Ás 19.30 horas, na Praza do Concello, será a quenda de Tavole, de Zirko Txosko, un espectáculo de circo contemporáneo para todos os públicos no que unha mesa se converte en territorio de xogo, conflito e acrobacia.

Dous personaxes curiosos e apaixonados enfróntanse, desde o absurdo e o humor, a cuestións como o bullying, a rivalidade, os egos ou as guerras. Clown, portés, slapstick, maxia, aéreos e obxectos mestúranse nunha proposta de ritmo vertixinoso e moita complicidade co público.

A RÚA DOS CONTOS ENTRE A MEMORIA ORAL E A POESÍA

A Rúa dos Contos terá tamén un especial protagonismo o venres. Ás 21.00 horas, no Café Colón, Carmen Conde presentará O que non estaba escrito, unha proposta construída a partir de historias e relatos que a narradora foi recollendo durante dúas décadas percorrendo Galicia.

Relatos sobre curas que se namoran, bebés nacidos de hortas, mulleres evanxelizadoras do pracer ou fortunas imposibles forman parte dunha sesión na que a realidade e a imaxinación se mesturan e na que cada función pode ofrecer un repertorio diferente.

A noite continuará ás 23.00 horas, no Casino 1889, con ‘Poesía acústica’, de Lúa Mosquetera, unha proposta que transita entre o spoken word, o rap e a poesía recitada, acompañada pola música de Pablo Seijas.

A artista, campioa da Poetry Slam de Compostela e Premio ARitmar, presenta unha proposta na que a palabra se converte en ferramenta para falar de feminismo, precariedade, empoderamento e das contradicións da sociedade contemporánea.

CHÉVERE ABRE O PROGRAMA DE SALA CON SUE ÚLTIMO ESPECTÁCULO

A gran cita do sábado 3 de outubro será a apertura do Programa de Sala do #FIOT35. Ás 20.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, Chévere presentará ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao).

A partir do emblemático cadro de Castelao A derradeira leición do mestre, a compañía constrúe unha peza de teatro documental que explora a relación entre a memoria persoal e a memoria colectiva. A historia dunha muller que intenta reconstruír os seus recordos despois de sufrir un ictus convértese nunha viaxe cara a un pasado cheo de preguntas sobre o esquecemento, a identidade e a nosa historia recente.

Documento e ficción, testemuño e teatro entrelázanse nunha proposta que formula tamén unha cuestión central: como se constrúen —e como se disputan— as narrativas da memoria?

Premio Nacional de Teatro en 2014, Chévere leva décadas desenvolvendo unha linguaxe escénica propia na que dialogan investigación, creación contemporánea e compromiso social. A peza é unha coprodución co Centro Dramático Nacional.

ICTUS incorpora, ademais, importantes medidas de accesibilidade, con lingua de signos integrada na escena e audiodescrición en directo, así como outras ferramentas destinadas a facilitar o acceso á obra a persoas con diferentes necesidades.

‘AS BEN DADAS’, ESTREA ABSOLUTA NA RÚA DOS CONTOS

O sábado, ás 23.00 horas no Salón Social do Pazo da Cultura, a Rúa dos Contos acollerá a estrea absoluta de As ben dadas, de Atenea García. Esta proposta percorre as disidencias sexuais en Galicia ao longo do tempo a través da narración oral e das historias de vida. Cun humor afiado e moita retranca, Atenea García convida a visitar aquelas marxes que poucas veces ocuparon o centro dos relatos e cuestiona algúns dos grandes mitos arredor da diversidade sexual: desde a idea de que é algo recente ata a crenza de que o rural foi sempre un espazo máis hostil ca a cidade.

Un espectáculo para revisar o pasado, desmontar tópicos e lembrar que tamén desde as marxes se constrúe a historia.

‘A HISTORIA VAXENIAL’ PECHA A SEGUNDA SEMANA

A programación desta segunda semana rematará o domingo 4 de outubro, ás 20.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, con A historia vaxenial, de Raquel Nogueira e Iván Marcos.

A proposta parte do fenómeno viral Historias Vaxeniales, gañador dun Premio Mestre Mateo, para emprender unha viaxe desde a prehistoria ata os nosos días e investigar como se representaron os órganos sexuais da muller e que relación gardou esa imaxe co seu lugar no mundo.

Relixión, medicina, histeria ou o “Panteón de machirulos ilustres” forman parte desta comedia irreverente que transforma séculos de prexuízos, silencios e inxustizas nun espectáculo cargado de humor, retranca e enxeño visual.

O FIOT TAMÉN SE VIVE EN PARALELO

A programación da semana complétase con dúas propostas que permiten achegarse ao festival desde outras perspectivas. O xoves 1 de outubro, ás 19.30 horas, inaugurarase na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura a exposición ‘Zoom FIOT 2025’, que poderá visitarse durante os días da programación.

O sábado 3, ás 18.00 horas, terá lugar no Salón TV do Pazo da Cultura unha nova edición de ‘Café con…’, neste caso cun encontro co equipo de Chévere, que permitirá ao público coñecer máis de preto o proceso creativo de ICTUS e conversar cos seus protagonistas antes da función. O FIOT mantén así a súa aposta por crear espazos de encontro entre artistas e espectadores e por achegar os procesos de creación ao

COMPRAR ENTRADAS