Skip to main content

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo,  (FIOT), a gran celebración das artes escénicas de Galicia, renderá homenaxe esta semana ao dúo cómico Mofa e Befa, conformado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. Serán os protagonistas da estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, a nova coprodución de FIOT e Producións Teatrais Excéntricas, presentada esta mañá no Pazo da Cultura de Carballo. 

Con esta obra, o dúo emprende oseu proceso creativo máis arriscado e experimental. Un dos elementos máis destacados da proposta é que ‘Pirolíticos’ conta con tres mulleres na dirección e no texto: Clara Gayo, María Lado e Lucía Aldao. Elas asinan este convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, que pon o foco no home que simpatiza coa teoría feminista, pero que se ten que enfrontar á cultura machista profundamente instalada na nosa sociedade.

Antes da estrea absoluta do venres 7, ‘Pirolíticos’ pre-estrearase para o alumnado de secundaria dos centros escolares de Bergantiños cunha función o xoves 6, ás 11.00 horas, no Pazo da Cultura, no marco da liña de programación dirixida a público adolescente: FIOTeen.

A programación de actividades vinculada á celebración do 30 aniversario do dúo acompañarase da inauguración dunha exposición (comisariada por Natasha Lelenco) sobre as tres décadas de traxectoria conxunta de Calvo e Mosqueira, e da creación dun mural en Carballo asinado polo artista plástico galego Yoseba MP coa colaboración do proxecto “Deburrando Muros”que impulsa a Concellería de Turismo. O autor está a traballar estes días no mural, situado na rúa Barcelona -moi próxima ao Pazo da Cultura- e que inmortalizará a dúas figuras imprescindibles da escena galega.