• A iniciativa, enmarcada na programación infantil de O Fiotiño pretende achegar ás nenas e aos nenos de entre 6 e 12 anos o mundo das artes escénicas a través de divertidos obradoiros e unha experiencia única como é durmir nun teatro
  • O prazo de inscrición para a actividade, que se celebrará na noite do venres 27 de setembro, estará aberto entre os días 16 e 25 de setembro no Pazo da Cultura

O Festival Internacional Outono de Teatro abrirá, un ano máis, as portas do teatro aos máis pequenos da casa. A nova edición do FIOT ofrecerá a posibilidade de coñecer e experimentar o mundo das artes escénicas a través dunha vivencia única como é un campamento nun teatro. A iniciativa, nomeada Noite branca no teatro, enmárcase na programación infantil O Fiotiño, que pretende, a través de propostas singulares e especiais, que as máis cativas e cativos tamén poidan gozar do teatro.

A Noite branca no teatro diríxese, fundamentalmente, a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos de idade. A actividade celebrarase entre as 19.30 horas do venres 27 e as 11.00 horas do sábado 28 polo que a cea, noite nos sacos de durmir e o almorzo da mañá seguinte formarán parte dunha aventura chea de xogos, sorpresas e, sobre todo, moito teatro. Durante este emotivo campamento, as e os participantes achegaranse ao mundo do espectáculo e aos seus segredos, coñecerán como é a escena por dentro e participarán en divertidos obradoiros ateigados de maxia sobre as táboas.

O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 16 e estará activo até o mércores 25 de setembro e as solicitudes poderanse entregar no Pazo da Cultura ou no enderezo electrónico fiot@fiot.gal. En total, o campamento teatral que organiza a Asociación Cultural Telón e Aparte contará cun total de 25 prazas, e o prezo por participante é de 20 euros.