Skip to main content

Carballo prepárase para celebrar no vindeiro outono a gran festa das artes escénicas de Galicia: regresa o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que este 2022 festexará a súa 31ª edición. No marco da súa programación habitual, o FIOT lanza a convocatoria do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, unha das liñas de programación máis queridas polo público local ao ofrecer creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.

Neste mes de maio, o FIOT abre a inscrición da sexta edición do certame, no que convida ás compañías ou artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 7 e o 29 de outubro de 2022. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 30 de xuño.

Este ano os espazos ofertados serán o despacho do alcalde, un posto do mercado de abastos, unha pista de skate, unha aula empresarial, o balcón do Concello de Carballo para ver desde a rúa, un parque ximnasio para maiores, o espazo debaixo dunha ponte ao lado do río, un espazo cultural, un estudo de fotografía, unha tenda-fábrica de chocolate artesanal, unha tenda de zapatillas deportivas e moda urbana, e o o escaparate dunha tenda de zapatillas deportivas

As propostas poderán ser tanto pezas orixinais como pezas xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, procurarase seleccionar cando menos unha proposta que se desenvolva ou no que teña un peso moi claro os medios en liña ou virtuais.

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. A dotación en premios do certame é dun total de 3.000€.

Sobre o Certame

Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, nace ao abeiro do FIOT como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. Á vez que se difunde e visibiliza o seu traballo, as artistas son quen de xerar, no marco dun festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra nos que un número moi limitado de asistentes se situará a curta distancia dos intérpretes. Así, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.