Skip to main content
  • O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebrarase do 30 de setembro ao 31 de outubro!

 

O FIOT, que este ano festexará a súa 31ª edición, nesta xornada avanza dous dos pratos fortes deste 2022: o regreso á Costa da Morte de Leo Bassi, quen debutou en Galicia sobre as táboas do FIOT nunha actuación histórica para a localidade, e a estrea absoluta da nova creación de Mofa e Befa, o dúo conformado por Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, quen este ano recibe o galardón Xograr de Outono.

Carballo acollerá, o 16 de outubro, a estrea en Galicia de 70 años: Leo Bassi, peza na que o irreverente clown italiano fai balance da súa traxectoria de máis de 60 anos sobre as táboas á vez que esixe que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumuladas. A través da súa memoria, e do humor, descubre ao público a relevancia de volver ao humanismo e aos instintos.

Leo Bassi, pallaso, bufón e axitador de emocións, reinvindica a risa como a raíz existencial do seu desexo de provocar. O seu instinto creativo e o seu carácter transgresor foron os que, precisamente, marcaron un punto de inflexión na traxectoria do FIOT. Hai 25 anos, cando aínda era un gran descoñecido para a meirande parte do público, o festival convidou ao cómico a participar na súa programación, na que foi a súa primeira actuación en Galicia: naquela función, na que as e os asistentes saíron á rúa guiados por Bassi, agromou o compromiso do FIOT coa sorpresa e a innovación.

Outra das citas máis relevantes da programación do Festival Internacional Outono de Teatro será entrega do Premio Xograr de Outono 2022 e Evaristo Calvo e a estrea absoluta, o 7 de outubro, de ‘Pirolíticos’, unha coprodución do FIOT co dúo cómico Mofa e Befa. Co gallo da celebración do seu 30º aniversario, a compañía emprende o seu proceso creativo máis arriscado e experimental. Sobre as táboas, Calvo e Mosqueira lanzarán un convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, poñendo o foco dos que simpatizan coa teoría feminista e aspiran a vivir en consonancia con ela, pero que enfrontan unha cultura e unha sociedade profundamente machista. A obra, dirixida por Clara Gayo, conta coa dramaturxia de Lucía Aldao, a propia Gayo e María Lado, e contará cunha segunda función o sábado 8 de outubro.