O espectáculo ‘Casting Lear’, de Andrea Jiménez, alzouse co Premio do Público do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, na súa 33ª edición. A obra, producida por Andrea Jiménez, Barco Pirata e Teatro de La Abadía, foi a peza mellor valorada polos espectadores neste #FIOT33, cunha puntuación de 4,85 sobre 5 (unha das notas máis altas do Premio do Público na historia do FIOT). A moi curta distancia quedou IRIBARNE, de Butacazero, que obtivo o segundo lugar, cunha puntuación de 4,81 sobre 5. A porcentaxe de ocupación de sala foi dun 93,3%.
Este #FIOT33 botou o pano da súa 33º edición o pasado 31 de outubro nun ano no que contou con preto de 12.000 asistentes ao longo de cinco semanas de programación, con 37 espectáculos, 56 funcións e máis de 20 actividades de mediación e promoción das artes escénicas, das que se celebraron un total de 200 sesións. O Programa de Sala acadou unha puntuación global de 4,33 sobre 5, mentres que a nota media das diferentes liñas de programación do FIOT foi dun 4,27, cun total de 2.162 votantes rexistrados. Cabe destacar a grande acollida non só do Programa de Sala, senón tamén de outras liñas de programación como o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), que encheu todas as representacións.
Pola súa banda, Respira, da Compañía Sempre Arriba, recibiu o recoñecemento como mellor espectáculo no Certame Micro-escenas M2, cunha puntuación de 4,79 sobre 5 outorgada, tamén, polo público asistente, mentres que Laura Villaverde, de Artesa Cía., foi a galardoada co premio á mellor interpretación do Certame Micro-escenas M2 polo espectáculo Panos de vinaghre, cunha puntuación de 4,58 sobre 5.
Neste FIOT33, cabe destacar a alta participación e a conexión do público en todas as propostas do festival, xa fosen espectáculos, encontros e todo tipo de actividades. Pode constatarse o interese da audiencia do FIOT polas propostas máis contemporáneas e arriscadas. Este 2024, o FIOT consolidouse como unha das propostas de artes escénicas máis destacadas de Galicia e un dos eventos máis relevantes de Carballo.
Un ano máis, a Asociación Telón e Aparte, organizadora do FIOT, quere transmitir a todos os públicos un sentido agradecemento polo apoio incondicional, o cariño e a ilusión recibidos: “aos artistas e compañías que participan no festival, porque nos transmiten a súa satisfacción por formar parte dun programa de prestixio, que perciben como diferenciador pola calidade e o mimo con que en Carballo se tratan todas as súas facetas; ás institucións, polo seu respeto a un proxecto ambicioso, riguroso e honesto co ecosistema cultural; aos voluntarios e numerosos colaboradores, base na que nos sustenatamos e dos que sentimos unha entrega única, e que son os mellores embaixadores do FIOT; e aos espectadores, que nos apoian día a día, función a función e actividade a actividade, porque participan, opinan, animan, critican e, sobre todo, viven con nós a ilusión polo FIOT”.
SOBRE ‘CASTING LEAR’, ESPECTÁCULO GAÑADOR DO PREMIO DO PÚBLICO DO FIOT33
Esta versión-simulacro é unha autoficción a partir dun clásico (ou un clásico autoficcionado) que investiga os cruces entre ficción e realidade para reflexionar sobre a paternidade, o amor e o perdón, nun brillante exercicio teatral tan valente como lúdico. Unha porta aberta para pensar sobre como nos relacionamos cos nosos pais, tanto os biolóxicos como os metafóricos, mesmo o propio Shakespeare, abordando a influencia do pasado e como os que nos preceden nos constrúen.
Na adaptación contemporánea de Andrea Jiménez do Rei Lear de Shakespeare, teatro e performance mestúranse con humor e tenrura nunha proposta irreverente e innovadora, emocionante e intensa que abre un espazo de encontro con toda unha xeración de actores e homes, permitindo unha profunda reflexión sobre as relacións humanas e os roles paternos.
En Casting Lear o actor protagonista na pel do Rei Lear é unha incógnita, xa que cambia en cada unha das representacións do espectáculo, polo que o nome do intérprete -que non coñece o texto ata unhas horas antes do inicio da función- foi unha sorpresa para o público que a que acudiu ao FIOT a ver a obra, feito que supón toda unha experiencia escénica e que converteu á peza nunha das revelacións da temporada en España.
En Carballo, Lear foi interpretado polo queridísimo Quico Cadaval, fito que provocou unha máxica conexión co público e converteu a este espectáculo contemporáneo e experimental de gran calado no éxito indiscutible do Programa de Sala, cun entusiasta patio de butacas que rompeo en aplausos e alzouse en pé en bloque nada máis rematar a función. A súa creadora, Andrea Jiménez, é un valor en alza da creación escénica actual, directora de obras para importantes institucións teatrais e galardoada con premios como o Ojo Crítico de Teatro no 2019 pola compañía Teatro en Vilo, da que é fundadora.