Skip to main content

O Festival Internacional Outono de Teatro prepara a súa terceira fin de semana de programación ateigada de humor, creación emerxente e ‘VocesFIOT’ de marcado carácter. As estreas en Galicia de ‘Búho’, de Titzina Teatro, e ’70 años: Leo Bassi’, do mítico clown italiano, centran a programación do Programa de Sala e da Escola do espectador nas ondas; mais non serán os únicos pratos fortes da fin de semana: este sábado 15 comeza a sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Ademais, os humoristas Pablo Meixe e Adrián do Regenco serán protagonistas dunha noite da Rúa dos Contos no Mercado municipal. O programa completarase coa última función do Teatro de Rúa na praza do Concello da man do malabarista Fran Boza e unha segunda cita co ciclo OTNI, que acollerá a estrea galega de ‘Conferencia espectacular’, de David Espinosa. 

As VocesFIOT falarán alto e claro esta fin de semana en Carballo. No ecuador do certame chega a estrea en Galicia de ‘Búho’, da compañía catalá Titzina, unha das máis destacadas do teatro contemporáneo en España grazas as súas propostas afinadas, fondas e poéticas. Titzina Teatro crea as súas obras a partir dun longo traballo de investigación antropolóxica, de entrevistas e convivencias, explorando con gran sensibilidade as relacións e os conflitos cotiáns, que elevan a unha dimensión cómica e tráxica. Desta quenda presenta en primicia en Galicia un espectáculo visualmente suxerente, onírico e cunha linguaxe trepidante que combina diversas artes escénicas. A través da música, da interpretación e da escenografía, ‘Búho’ constrúe un relato dirixido a todo tipo de públicos que se mergulla na busca interior da memoria do protagonista á fin de recuperar os seus recordos e a súa identidade logo de sufrir un ictus que lle provoca amnesia severa. 

Outra das VocesFIOT será a de Leo Bassi, quen regresa a Carballo 25 anos despois da súa primeira actuación en Galicia e que, precisamente, tivo lugar no FIOT. Pallaso, bufón e axitador de emocións, Bassi reinvindica a risa como a raíz existencial do seu desexo de provocar. O seu instinto creativo e o seu carácter transgresor foron os que, precisamente, marcaron un fito na traxectoria do FIOT hai 25 anos. Cando aínda era un gran descoñecido para a meirande parte do público, o festival convidou ao cómico a participar na súa programación: naquela función, na que as e os asistentes saíron á rúa guiados polo artista, agromou o compromiso do FIOT coa sorpresa e a innovación. Agora volve para estrear ’70 años: Leo Bassi’, peza na que fai balance sobre os seus máis de 60 anos sobre as táboas, á vez que esixe que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumuladas. A través da súa memoria e do humor, descubrirá ao público do Pazo da Cultura a relevancia de volver ao humanismo e aos instintos.

Precisamente tanto Titzina coma Leo Bassi participarán na nova edición da Escola do Espectador nas ondas, que esta fin de semana celebrarase os días 15 e 16 de outubro da man do xornalista de RNE especializado en artes escénicas Daniel Galindo (presentador e director de La Sala en RNE). A conversa, que se gravará ao vivo, estará dispoñible á semana seguinte no espazo Onda FIOT da web oficial www.fiot.gal. 

Comeza o Metro Cadrado

Outro dos fitos máis significativos desta fin de semana do FIOT chegará o sábado 15, pois dará comezo a sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. O sábado poderanse ver ata catro funcións de dous espectáculos de breve duración: ‘Menú-do día’, do Colectivo #ChamizoBelloVila, e ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’, de Sr. Lili.

O primeiro deles, que se poderá ver no Mercado municipal, pon o foco nas violencias continuadas que vive o colectivo LGTBQI+. O colectivo creado por Alberte Bello e Diego Chamizo tece unha historia que confronta odio e disidencia, escuridade e luz, tristura e aceptación. #ChamizoBelloVila busca amosar unha realidade posible capaz de romper a norma e xerar unha sociedade máis avanzada e inclusiva. Pola súa banda, Fernando Pujalte levará até o Estudio de fotografía Criss Becerra a súa singular ‘Cinecleta’, un proxecto de recuperación e exhibición de películas de cinema doméstico en formato 8mm, Super8 e 16mm. Con humor, Sr. Lili presentará nun formato didáctico e entretido algúns destes documentos cinematográficos recuperados. 

Tal e como é habitual no Certame Metro Cadrado, o acceso será libre e gratuíto ata completar o número de prazas de cada función, mais recoméndase facer reserva previa a través de fiot.microteatroentrada@gmail.com, indicando o nome do espectáculo, horario no que se queira asistir, nome e apelidos das ou dos asistentes e teléfono de contacto.

Despedida do FIOT en ruta e Teatro de Rúa

A programación do FIOT desta semana comezará o mércores 12 no Centro Social de Ardaña, coa segunda e última cita do FIOT en ruta, a liña de programación que expande as artes escénicas pola comarca bergantiñá. A compañía Empatía Teatro presentará ‘Esas cousas marabillosas’, unha divertida e conmovedora comedia sobre a depresión, o suicidio e todo o que unha persoa está a disposta a facer polas persoas que quere. A cita con esta obra, unha adaptación de Avelino González a partir do fenómeno teatral mundial escrito por Duncan Macmillan, será ás 19.00 horas. 

Na tarde do venres 14 chegará a quenda do rei galego dos malabares: Fran Boza. A mocidade do artista, que xirou internacionalmente con distintos circos, sorprenderá ao público carballés: humor, malabares con bolas ou mazas serán algúns dos ingredientes do espectáculo ‘Malabarabilidades’, dirixido por Fran Rei, e que pechará o ciclo Teatro de Rúa do FIOT a partir das 19.30 horas na Praza do Concello. Xa en horario nocturno, contra ás 21.00 horas, terá lugar a estrea en Galicia de ‘Conferencia espectacular’, de David Espinosa, na que o artista -con longo percorrido a nivel internacional coas súas montaxes, nas que achega a escena experimental ao público- combina a palabra con obxectos, maquetas e sombras nun parladoiro sobre o xurdimento doas novas escenas ou dos formatos teatrais máis innovadores. O XII Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) acolle así unha divertida clase maxistral sobre a vangarda teatral, na que non faltarán referencia a creacións de Peter Brook, Fura dels Baus, Mal Pelo, Needcompany ou Els Joglars, entre outras voces singulares.  

Pola noite a creación emerxente seguirá tendo especial protagonismo, coa participación na Rúa dos Contos de dúas das voces novas máis virais do momento en Galicia: os humoristas Pablo Meixe e Adrián do Regenco. Ambos presentarán os seus espectáculos ‘Quen aguanta isto?’ e ‘Así son’ no Mercado municipal, contra as 23.00 horas, nunha noite na que ambos cómicos darán boa conta do porque do seu éxito no eido virtual.