Skip to main content

O Pazo da Cultura acollerá a residencia artística da creadora, que forma parte do programa Residencias Paraíso 2023, impulsado polo colectivo RPM e que conta coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Carballo, desde este luns 17 e até o domingo 30 de xullo

No seu proceso, Pampyn rende homenaxe ao traballo das intérpretes da danza, observando, cuestionando e poñendo en valor as posicións que as bailarinas ocupan nos marcos de traballo contemporáneos

Este proxecto terá unha apertura pública no marco do 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT no mes de outubro

Foto: Lukasz Michalak

Foto: Lukasz Michalak

A bailarina e creadora madrileña Clara Pampyn trae o seu proceso de investigación, mediación e creación Las bailarinas no tocan el cielo ao Pazo da Cultura de Carballo. A residencia artística da artista comeza este luns, día 17, e estenderase até o vindeiro 30 de xullo. No proceso, que forma parte do programa Residencias Paraíso 2023, impulsado polo colectivo RPM e que conta coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Carballo, Pampyn rende homenaxe ao traballo das intérpretes da danza, observando, cuestionando e poñendo en valor as posicións que as bailarinas ocupan nos marcos de traballo contemporáneos. Este proxecto terá unha apertura pública no marco do 32ª Festival Internacional Outono de Teatro – FIOT en outubro.

Las bailarinas no tocan el cielo traballa sobre a figura da intérprete en danza ou nas artes do movemento, en marcos contemporáneos. É un proxecto de investigación, mediación e creación. Por unha banda trata de abrir espazos de diálogo entre bailarinas que adoiten traballar para outros artistas a través de laboratorios, onde se propoñen dinámicas de discusión e prácticas físicas, e a través de entrevistas persoais. Paralelamente traballamos tamén nunha peza escénica, titulada As que bailan, que trata de facer visible as problemáticas deste lugar. Xuntas falamos da soidade, a fe, a autonomía, as relacións de poder, o diñeiro e o paso do tempo, en relación ao noso traballo.

Como parte deste proceso, Clara propón un laboratorio dirixido a bailaríns que traballan ou traballasen para outros artistas baixo o título Las bailarinas no tocan el cielo, que se desenvolverá no Pazo da Cultura de Carballo entre o 18 e o 29 de xullo 2023. As sesións colectivas marcaranse en relación á dispoñibilidade das interesadas. Os e as interesadas poden ampliar información e inscribirse no laboratorio na seguinte ligazón.

SOBRE CLARA PAMPYN

Clara Pampyn é bailarina e coreógrafa. Como creadora, funda en 2016, xunto a Alberto Alonso, o colectivo Laimperfecta, co que crearon varias pezas. A últimas foron: Twist (Teatros del Canal, 2018) e Fuga (Escena Patrimonio, 2021). Tamén traballa como coreógrafa para a cantante Silvana Estrada, coa que crea a coreografía de varios vídeos musicais e un concerto escénico, Marchita, estreado en xaneiro de 2023 no Prototype Festival de Nova York. Como asistente de coreografía traballa para Jesús Rubio Gamo en Danzas do Sur de Europa e para Alberto Alonso en Sudar Folclore, Sobrelajuventud e 262mil pasos de baile.

Como docente, imparte clases para a formación profesional en danza contemporánea no Estudo de Danza Carmen Senra e en BambúDanza, en Madrid. Como intérprete, traballa para Elena Córdoba en Y pareceremos árboles (2022) e en Criaturas del desorden (2021); para Jesús Rubio Gamo en Acciones sencillas (2021), Gran Bolero (2019), Danzas do Sur de Europa (2018) e Bolero (2017); para Lucía Marote en El ojo del huracán (2021) e Ela (2019); e para Poliana Lima en Las cosas se mueven pero no dicen nada (2020), entre outras. É candidata aos Premios Max como mellor intérprete feminina de danza en 2019 por Gran Bolero e en 2022 por Acciones sencillas.