Skip to main content

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) foi distinguido polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como o mellor proxecto cultural galego de 2022. O FIOT recibiu, ademais, a distinción de ‘Insignia Cultural’ de honra da comunidade galega e sube nove postos respecto da clasificación do pasado ano, superando así outros destacados proxectos culturais do país, como Festival Sinsal, Cidade da Cultura, Cineuropa, CGAC, Festival de Cans ou WOS Festival, entre outros.

As ‘Insignias Culturales’, que recoñecen as propostas máis salientables en cada comunidade autónoma, conforman un cuadro de honra nesta edición con 17 proxectos: o Museo del Prado en Madrid; o Festival de Almagro en Castilla-La Mancha; o Festival de Cine de San Sebastián no País Vasco; o Festival de Málaga en Andalucía; Periferias, que comparte a distinción co Festival Asalto en Aragón; o Festival de Cine de Xixón en Asturias; Es Baluard en Baleares; Temporada Alta en Cataluña; o Museo Helga de Alvear en Extremadura; o FIOT de Carballo en Galicia; o Festival Actual e a Sala Amós Salvador na La Rioja; o Festival de Molina del Segura en Murcia; o Phe Festival en Canarias; o Centro Botín en Cantabria; a Seminci en Castilla y León; o IVAM na Comunidade Valenciana e Baluarte en Navarra.

 

‘OBSERVATORIO DE LA CULTURA’

O mellor da cultura 2022


Fundación Contemporánea presentou este 31 de xaneiro os resultados da súa consulta anual correspondente ao ano 2022. O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora desde 2009 unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, ás institucións e acontecementos culturais máis destacados do ano.

O obxectivo principal de ‘Observatorio de la Cultura’ é visualizar a unha oferta cultural moi ampla, diversa e de gran calidade ao longo de toda a xeografía española e en constante renovación, achegando o aval das e dos profesionais máis destacados do sector. Para facer esta consulta, enviouse un cuestionario a un panel conformado por 1.040 profesionais e figuras de primeiro nivel: escritoras, artistas, directoras e creadoras de todos os campos; responsables de fundacións, directoras de institucións culturais; produtoras e responsables de industriais culturais, comisarias de exposicións, directoras de festivais, xestoras culturais e profesionais do sector; así coma responsables de áreas e institucións culturais da administración pública central, autonómica e municipal.

O informe completo ‘Lo mejor de la cultura 2022’ pódese descargar aquí:
https://www.lafabrica.com/wp-images/Informe-Observatorio-de-la-Cultura_2022.pdf

 

O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT)

Máis de tres décadas creando teatro

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 31 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha progrmación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas 31 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, perto de 300 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais desta recente ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.