Skip to main content
Novas

‘Libres!!!’, de Esther Carrodeguas, con dirección de Andrés Lima e protagonizada por Alba Flores, gaña o Premio do Público

By 27/11/2026No Comments

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo botou con éxito o pano da súa 35º edición o pasado 31 de outubro, nun ano no que contou con preto de 13.000 asistentes ao longo das súas 6 semanas, con 43 espectáculos e 25 actividades paralelas, que sumaron 164 sesións, e unha porcentaxe de ocupación do Programa de Sala dun 100%

O Programa de Sala acadou unha alta valocación por parte do público, cunha puntuación de 4,27 sobre 5, mentres que a nota media da programación global do FIOT (que inclúe o Programa de Sala, o OTNI, a Rúa dos Contos, o FIOTiño e o FIOT en Ruta) foi dun 4,37 sobre 5, cun total de 2.359 votantes rexistrados

Libres!!!, de Teatro del Barrio, foi o espectáculo máis valorado polo público neste #FIOT35, cunha puntuación de 4,88 sobre 5, a moi curta distancia de Las gratitudes, adaptación do fenómeno editorial de Delphine de Vigan, dirixida por Juan Carlos Fisher e protagonizada por Gloria Muñoz, que obtivo a segunda posición, cunha puntuación de 4,83 sobre 5

Outra das grandes estreas en Galicia moi celebradas polo público foi La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, de Rafael Álvarez, El Brujo, que obtivo a terceira posición cun 4,81 sobre 5

Pola súa banda, A vergonza era verde e comeuna a vaca, da compañía de Alicia López, foi seleccionado como o Mellor Espectáculo do Certame de Micro-Escenas M2, mentres que Abril González, da Compañía La Tercera, coa peza Fogar, foi a gañadora do Premio do Público á Mellor Interpretación nesta X edición do certame

 

O espectáculo Libres!!!, de Esther Carrodeguas, con dirección de Andrés Lima e protagonizado por Alba Flores, gaña o Premio do Público da 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, que botou con éxito rotundo o pano o pasado 31 de outubro, cun balance moi positivo en canto á asistencia, ventas, participación, valoración de público, críticas e sensacións vividas. ‘O corazón do teatro en Galicia’ reuniu preto de 13.000 persoas ao longo das súas seis semanas de programación, nas que ofreceu 43 espectáculos e 25 actividades complementarias, cunha ocupación do 100 % no Programa de Sala, a súa principal liña de exhibición.

O Programa de Sala acadou unha puntuación media do público dun 4,27 sobre 5, mentres que a valoración global da programación do FIOT —que abrangue o Programa de Sala, o OTNI, a Rúa dos Contos, o FIOT en Ruta e o FIOTiño— foi dun 4,37 sobre 5. Unha valoración especialmente significativa, tendo en conta a participación de 2.359 votantes rexistrados, que amosa a implicación do público e a excelente acollida das propostas desta edición.

Deste xeito, Libres!!!, da compañía Teatro del Barrio, foi o espectáculo máis valorado polo público neste #FIOT35, cunha puntuación de 4,88 sobre 5. A segunda posición foi para Las gratitudes, adaptación da novela de Delphine de Vigan, dirixida por Juan Carlos Fisher e protagonizada por Gloria Muñoz, que obtivo un 4,83 sobre 5. Pola súa banda, La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, de Rafael Álvarez, El Brujo, acadou a terceira posición cun 4,81 sobre 5.

Pola súa banda, A vergonza era verde e comeuna a vaca, da compañía de Alicia López, foi seleccionado como o Mellor Espectáculo do Certame de Micro-Escenas M2, mentres que Abril González, da Compañía La Tercera, coa peza Fogar, foi a gañadora do Premio do Público á Mellor Interpretación nesta X edición do certame.

‘A vergonza era verde e comeuna a vaca’ de Alicia López, foi seleccionado como o Mellor Espectáculo do X Certame de Micro-Escenas M2

Abril González, da Compañía La Tercera, coa peza ‘Fogar’, foi a gañadora do Premio do Público á Mellor Interpretación no X Certame de Micro-Escenas M2

En palabras de Alberto Sueiro, presidente da Asociación Telón e Aparte, entidade organizadora do FIOT coa colaboración do Concello de Carballo: “Celebrar 35 edicións é, sobre todo, celebrar unha comunidade que medra arredor do teatro. O balance desta edición confirma que o FIOT é moito máis ca unha programación de espectáculos: é un proxecto cultural colectivo, construído durante décadas co compromiso do público, das compañías, das institucións, das entidades colaboradoras e dun equipo humano que fai posible que Carballo se converta cada outono nun punto de encontro único para as artes escénicas”.

E engade: “Estamos especialmente satisfeitos coa resposta á programación, cun público fiel e volcado desde a mesma presentación do programa, pero tamén coa capacidade de seguir abrindo novos espazos de participación, acompañar os procesos de creación e achegar o teatro a espectadores e espectadoras cada vez máis diversos. O FIOT mantén viva a súa vocación de ser motor da cultura galega desde o territorio, de crear oportunidades para o talento e de facer da cultura unha experiencia compartida. Grazas a todas as persoas que forman parte deste camiño e que fan posible que, 35 anos despois, o corazón do teatro en Galicia siga latexando con forza. A resposta tan positiva e incondicional na asistencia, na prensa, na sala e na rúa fainos querer seguir con gañas e forza cara unha nova entrega do FIOT en 2027”.

GRAN RESPOSTA DO PÚBLICO E UNHA VALORACIÓN ARTÍSTICA MOI POSITIVA

O FIOT35 pecha unha edición marcada pola excelente acollida das súas propostas e pola consolidación dos seus diferentes ciclos de programación. A resposta foi especialmente destacada no Programa de Sala, que acadou o 100 % de ocupación, e no OTNI, cun 97,67 %, confirmando o interese do público por unha programación que combina grandes nomes da escena contemporánea, creacións innovadoras e propostas que exploran novas linguaxes escénicas.

No conxunto dos espectáculos con aforo, a ocupación foi do 83,10 %, mentres que nos espectáculos de entrada de pago alcanzou o 80,80 %. Tamén salientan os resultados do Certame de Micro-Escenas M², cunha ocupación do 98,98 %, e do FIOTeen, que chegou ao 96,22 %.

A satisfacción coa programación reflíctese tamén nas valoracións do público, que situou a media global do festival nun 4,37 sobre 5. Xunto ao recoñecemento das propostas do Programa de Sala, destacan as puntuacións do OTNI, cunha media de 4,44, e da Rúa dos Contos, cun 4,30. Unha resposta que avala a aposta por unha programación plural, que combina espectáculos de referencia con propostas de risco, formatos non convencionais e experiencias dirixidas a diferentes públicos e sensibilidades.

UN FESTIVAL DIVERSO, INCLUSIVO E CONECTADO COA COMUNIDADE

A programación desta 35ª edición combinou 43 espectáculos, con 8 estreas absolutas e 9 estreas en Galicia, ademais de 2 coproducións e 4 residencias artísticas. Unha selección que reuniu compañías e creadoras de 8 comunidades autónomas —Andalucía, Aragón, Castela e León, Cataluña, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Galicia e Illas Baleares— e de dous países, España e Portugal. O cartel contou con figuras imprescindibles da escena actual, como Alba Flores, Alberto Velasco, almealera, Andrés Lima, Carles Sans, Chévere, a Companhia do Chapitô, Esther Carrodeguas, Gloria Muñoz, Lúa Mosquetera, María Velasco, Mofa e Befa, Rafael Álvarez, El Brujo, Spinish Circo ou Titzina, entre outras.

O festival volveu apostar por unha oferta aberta a públicos de todas as idades e por unha ampla diversidade de formatos e espazos. Ás propostas do Programa de Sala sumáronse o OTNI, a Rúa dos Contos, o Teatro de Rúa, o FIOT en Ruta, o FIOTeen, o FIOTiño e o Certame de Micro-Escenas M². Unha estrutura que permite achegar as artes escénicas tanto ao público habitual como a novos espectadores, con especial atención á infancia, á mocidade, aos centros educativos e a outros colectivos da comunidade.

Un dos grandes valores desta edición foi, unha vez máis, a súa capacidade para estender a experiencia teatral máis alá da exhibición. O FIOT desenvolveu 25 actividades complementarias, que sumaron 164 sesións e reuniron 5.412 participantes. Un amplo programa de mediación, formación, divulgación e dinamización cultural que incluíu exposicións, encontros con compañías, presentacións de libros e espectáculos, lecturas dramatizadas, conversas, accións nos centros educativos, o podcast de OndaFIOT, o Certame de Teatro Lido e diferentes iniciativas arredor dos procesos de creación. Estas propostas constitúen unha parte esencial da identidade do festival, ao xerar espazos de encontro, reflexión e participación e reforzar os vínculos entre artistas, profesionais, espectadores e comunidade.

Entre as novidades desta edición destacou especialmente Levedando, unha nova liña de participación en procesos creativos que permite ao público achegarse ás obras antes da súa estrea e coñecer de primeira man os percorridos e as ferramentas da creación escénica. A través de obradoiros, laboratorios e espazos de experimentación arredor de propostas como Manchas de sangue, Morder a lingua e LoitaMADRE, o FIOT amplía o seu compromiso co acompañamento artístico e coa creación de novas relacións entre os procesos escénicos e a cidadanía. Unha aposta que reforza o papel do festival non só como espazo de exhibición, senón tamén como plataforma de impulso e apoio á creación contemporánea.

A diversidade de escenarios foi outro dos sinais de identidade do #FIOT35. A programación estendeuse por 29 espazos diferentes, desde o Auditorio do Pazo da Cultura ata o Paseo do Anllóns en Bértoa, a Praza do Concello, a Residencia da Terceira Idade, os centros de educación secundaria de Carballo, bares, pubs e establecementos comerciais. Esta ocupación de espazos convencionais e non convencionais reflicte a vontade do festival de achegar o teatro á cidadanía, saír ao encontro dos públicos e converter a vila nun gran escenario compartido.

O compromiso coa accesibilidade e a inclusión tamén estivo presente nesta edición, con propostas adaptadas e medidas específicas para facilitar a asistencia de persoas con dificultades físicas, auditivas ou visuais, entre elas a reserva de localidades nos diferentes espazos de exhibición. Unha liña de traballo que se integra na vocación do FIOT de garantir que as artes escénicas sexan unha experiencia aberta e accesible para o conxunto da cidadanía.

O festival contou, un ano máis, coa implicación e colaboración dunha trintena de entidades e colectivos de ámbito galego, comarcal e local. Institucións, administracións, compañías, centros educativos, asociacións culturais, centros sociais, establecementos de hostalaría e diferentes servizos municipais contribuíron ao desenvolvemento dunha programación que involucra o tecido cultural e social de Carballo e da súa contorna. Entre as colaboracións destacan a Deputación da Coruña, Camiño Escena Norte, Radio Nordés – Cadena SER, os centros de ensino, o Centro da Terceira Idade e os distintos colectivos e servizos municipais que fan posible a chegada do festival a tantos espazos e públicos.

AGRADECEMENTOS

Ao pechar esta 35ª edición, o FIOT quere expresar o seu agradecemento a todas as persoas e entidades que fan posible o desenvolvemento dun proxecto cultural destas características e que contribúen, edición tras edición, a consolidar Carballo como un referente das artes escénicas en Galicia.

A organización destaca especialmente o compromiso do público, que acompaña e dá sentido á programación, participa nas actividades e contribúe activamente á vida do festival; o traballo das compañías, artistas e profesionais que confían no FIOT para presentar os seus proxectos; o apoio das institucións e patrocinadores; e a implicación do voluntariado, das entidades colaboradoras, dos centros educativos e do conxunto do tecido social e cultural do territorio.

Un agradecemento especial merece tamén o recoñecemento a Antonio Porteiro, responsable técnico do festival, como Xograr de Outono, unha distinción que foi recibida con numerosas mostras de afecto e apoio e que puxo en valor unha traxectoria profesional e humana fundamental para o FIOT.