Skip to main content

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo regresará ás salas, ás rúas e a espazos singulares de Carballo para celebrar a súa 32ª edición do 28 de setembro ao 31 de outubro de 2023

A ilustradora carballesa Laura Tova firma o cartel deste #32FIOT, cunha ilustración que mostra unha aperta colectiva para avanzar a filosofía do festival nesta nova edición: a loita contra a intransixencia a través de personaxes que representan a empatía, o agarimo, o afecto… e que se funden nun abrazo no que a Cultura e Carballo son tamén protagonistas

O FIOT traerá a Galicia espectáculos como ‘El traje’, escrita e dirixida por Juan Cavestany, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo como protagonistas; ‘Forever’, estrea en Galicia da nova creación de Kulunka, unha das compañías máis celebradas do teatro contemporáneo español e internacional; e ‘O deus do pop’, que supón o regreso do performer galego Diego Anido ás táboas do FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) regresará ás salas, ás rúas e a espazos singulares de Carballo para celebrar a súa 32ª edición do 28 de setembro ao 31 de outubro de 2023, da man de figuras e formacións de referencia da escena actual como Javier Gutiérrez, Luis Bermejo, Juan Cavestany, Kulunka Teatro e Diego Anido, entre outras.

A ilustradora carballesa Laura Tova firma o cartel deste #32FIOT que acaba de presentarse, cunha ilustración que mostra unha aperta colectiva para avanzar a filosofía do encontro de artes escénicas de referencia de Galicia nesta nova edición: a loita contra a intransixencia a través de personaxes que representan a empatía, o agarimo, o afecto… e que se funden nun abrazo diverso no que a Cultura e Carballo son tamén protagonistas.

O FIOT traerá a Galicia espectáculos como El traje, escrita e dirixida por Juan Cavestany, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo como protagonistas; Forever, estrea en Galicia da nova creación de Kulunka Teatro, unha das compañías máis celebradas do teatro contemporáneo español e internacional; e O deus do pop, que supón o regreso do performer galego Diego Anido ás táboas do FIOT.

O Dubra Café (novo espazo colaborador do FIOT) acolleu a mañá deste martes, 4 de xullo, ás 11.00 horas, a presentación das datas, o cartel e este avance do 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. O acto contou coa participación do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director do FIOT, Alberto Sueiro; e a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez Cotelo, que estiveron acompañados pola ilustradora carballesa Laura Tova, autora do cartel.

O director do FIOT, Alberto Sueiro, quixo poñer en valor a celebración dunha nova edición do FIOT, unha cita escénica que leva a singularidade no seu ADN. Tamén destacou a vontade de crecemento e de continúa evolución e mellora do FIOT, en consonancia coa atención e o coidado dos seus públicos diversos. “Froito desta vontade -dixo- é este avance informativo a comezos do verán, para facilitar o acceso ao festival a todas as persoas que desexen vir ao FIOT e que deste xeito poderán planificar as súas axendas coa antelación necesaria, ao estilo das grandes citas escénicas e culturais do estado”.

Sueiro explicou que este ano o FIOT “quixo ‘vestirse de largo’ e darlle un valor engadido ao seu cartel, tratándoo como una peza artística en si mesma, firmada por una ilustradora recoñecida de orixe carballés, Laura Tova”. O director do FIOT apuntou que “a vontade do festival é abrirse e poñer en valor as diferentes manifestacións artísticas, entre elas, a ilustración, que ten un peso moi importante en Carballo, coa súa canteira de artistas de interesante proxección”. “A colaboración de Laura Tova co FIOT este 2023 cristaliza a aposta do festival pola transversalidade e a converxencia entre as diferentes artes, o feminismo, o apoio ao talento emerxente, a inclusión e o impulso da creación local”, concluíu.

O letivmotiv do FIOT este 2023 será a loita contra a intransixencia. Ese ‘INTRANSIXENTES’ plasmado no cartel fala da identidade do FIOT, da súa inquietude, transixencia, transformación, xenerosidade, cambio, respecto, afectos, coidados, empatía, tolerancia, diálogo, inclusión e defensa da diversidade persoal e cultural. Alberto Sueiro avanzou que “todo isto é o que transmitirán os espectáculos programados na 32ª edición do FIOT e é, tamén, o que trata de reflectir o abrazo colectivo que protagoniza o cartel que hoxe presentamos. Un abrazo colectivo como mostra de afecto, apoio, felicidade, unidade, colaboración, solidariedade e superación, con xentes diversas en conexión, coidándose e arroupándose nun xesto de respecto e amor”.

A nova concelleira de Cultura e Festas do Concello de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo, que fora antiga voluntaria do festival, destacou na súa intervención que “o FIOT é un proxecto pioneiro e clave da cultura en Carballo”. “Para min, é unha honra traballar agora desde o outro lado, desde a institución, para a boa consecución e a continúa expansión do FIOT, co noso compromiso firme co proxecto, que se traducirá no seu impulso, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e de acompañamento artístico”.

Pola súa banda, a ilustradora Laura Tova, presente tamén no acto, quixo expoñer o seu agradecemento por ser a artista escollida como responsable da nova imaxe do festival e avanzou as claves da súa proposta creativa para este #32FIOT: “No meu proceso creativo, a imaxe sempre nace da palabra. Pensei que o que fai que as persoas nos coidemos e respectemos unhas ás outras son a empatía, o agarimo, o afecto… co cal busquei representar estas emocións en forma de diferentes personaxes e compoñer con elas un ‘tetris’ de abrazos e coidados. Ademais, busquei xogar con esa ambigüedade de que non se sabe se son personaxes imaxinarias ou persoas disfrazadas, nunha sorte de xogo entre a realidade e o mundo imaxinativo que tan ben plasma o teatro”. E engadiu: “No cartel non podían faltar as referencias a Carballo, berce do FIOT. O edificio do Pazo da Cultura, que acolle os espectáculos, representa esa Cultura con maiúsculas impulsada polo festival. E está tamén presente o Río Anllóns: quería reivindicalo porque, para min, reflicte como ningunha outra cousa a transformación e a evolución pola que sempre aposta o FIOT”.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tomou finalmente a palabra para despedir o acto, recordando o compromiso do concello coas artes escénicas a través do FIOT, “unha cita pioneira que este 2023 cumpre 32 anos tras ser recoñecido pola Fundación Contemporánea como a iniciativa cultural máis destacada de Galicia en 2022”. Ferrero expresou a súa vontade de continuar apoiando a creación escénica a través do festival, “un proxecto consolidado, con proxección e de futuro”. “Quero agradece o apoio incondicional da cidadanía ao FIOT e convido a todas e todos a non perder esta nova edición de gran calidade prevista para este outono”.

PRIMEIROS NOMES CONFIRMADOS E OUTRAS NOVIDADES DO #32FIOT

Para abrir boca, o FIOT ven de anunciar xa os primeiros nomes destacados que formarán parte do seu programa este outono: os intérpretes Javier Gutiérrez e Luis Bermejo protagonizarán El traje, obra escrita e dirixida por Juan Cavestany, autor de referencia do teatro español, quen xa visitara o FIOT en 2012 co súa obra ‘El Montaplatos’, da man da mítica compañía Animalario.

Pola súa banda, o creador e performer galego Diego Anido achegará a súa celebrada creación ‘O deus do pop’, como un dos pratos fortes do OTNI. O artista, en pleno auxe de popularidade tralo éxito do filme As bestas, do que el é un dos protagonistas, regresa ao FIOT como mostra da confianza artística do festival cara un creador con futuro e con identidade, a quen xa apoiara coa coprodución da súa peza ‘Symon Pédícrí’, que puido verse no FIOT en 2017.

Finalmente, a reputada compañía Kulunka Teatro presentará o seu novo espectáculo Forever, na que será a estrea en Galicia da peza. Forever é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, que chegará a Carballo antes da súa presentación en Madrid no mes de decembro. Trátase da terceira vez que Kulunka -unha das formacións máis sólidas, esperadas e queridas do circuíto escénico internacional- visita o FIOT.

Estas tres primeiras propostas desveladas polo FIOT como parte do programa da súa 32ª edición dan boa conta da identidade do festival: a súa aposta polas voces singulares e únicas; o seu gusto pola autenticidade e o compromiso social; a apertura a propostas de xéneros e linguaxes diversos -teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos…-; a busca da calidade; e a vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional. O FIOT quere ser, ante todo, un lugar de encontro, que avoga polas artes escénicas inclusivas e sustentables; por un teatro vital, comprometido e conectado coa realidade e as xentes.

A principios do mes de setembro, o FIOT presentará o programa completo da súa 32ª edición, con todas as liñas habituais que conforman cada ano o festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de actividades paralelas como exposicións, as gravacións de OndaFIOT, a celebración de xornadas profesionais, etc.

Dentro das novidades desta 32ª edición, cabe destacar o acordo do festival coa corporación RTVE, que este 2023 convértese no medio oficial do FIOT. Esta colaboración entre o festival e RTVE supón a gravación e emisión de programas de referencia do eido cultural desde Carballo, con contidos especiais sobre o FIOT: ‘La Sala’, de RNE; ‘Culturas 2’, de La 2; e ‘El Ojo Crítico’, con Laura Barrachina, ou ‘No es un día cualquiera’, con Pepa Fernández. Do mesmo xeito, Cafés Lúa súmase como novo colaborador do FIOT e o seu Dubra Café será o espazo gastronómico oficial do festival este outono, para acoller accións como encontros con compañías, artistas e xornalistas e outras iniciativas que pouco a pouco se irán desvelando.

SOBRE A ILUSTRADORA LAURA TOVA

Laura Tova é una contadora de historias e a súa ferramenta preferida é a ilustración. A través dun estraño equilibrio entre o doce e o salvaxe consegue converter o cotiá en onírico. Nas súas ilustracións hai unha posta en valor das cousas comúns, a natureza e a alegría. Gústalle transformar as ideas en historias que emocionen e fagan conectar ao ser humano co mundo ao que pertence para poder velo cunha mirada máis inocente. Crea desde a súa casa en Ourense, no seu pequeno estudio con vistas ao xardín, sempre acompañada por un dos seus gatos e unha boa cunca de café. Graduada na EASD Pablo Picasso da Coruña en 2014, está implicada en diferentes iniciativas, sempre contando historias, en proxectos de ilustración publicitaria e editorial, ilustracións para libros e carteis, ilustración aplicada a produtos… ou, tamén, impartindo talleres.