Skip to main content

Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Pablo Remón, Paula Carballeira e Alberto Conejero, José Troncoso ou Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, María Salas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán, Talía Teatro ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo

Baixo o lema ‘Agora é sempre’, este FIOT33 achega ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre

O FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, de 3 países e 7 comunidades autónomas españolas, con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación

Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reunirá de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.

Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre.

Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.

Neste 2024, o FIOT regresa a Galicia para poñer o foco no concepto de revisión ou relectura contemporánea de obras clásicas, así como na vixencia dos clásicos e os grandes temas do teatro desde un punto de vista actual. Nesta nova edición do FIOT, interésanos descubrir o enfoque que adopta hoxe un creador ou unha creadora sobre un tema ou unha creación escénica a partir doutra, dotándoa de identidade propia a través dun código narrativo contemporáneo, mais mantendo a súa esencia: o rescate dunha obra do pasado cunha perspectiva actual.

Así, moitos dos espectáculos dos que o público poderá gozar este ano no FIOT remítennos a autores ou obras clásicas, coa idea de lanzar unha reflexión global: o que no século XXI nos parece actual e propio, xa foi exposto no pasado e, aínda que cambien as circunstancias, os grandes conflitos ou problemas das persoas ou sociedades son indisolubles da condición humana. E desta reflexión agroma o lema desta edición: Agora é sempre.

Este outono, por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.

Como avanza Alberto Sueiro, director do FIOT: “Pode que cambien os contextos, pero os temas que nos preocupan hoxe son os que o foron sempre, porque estes falan da humanidade. Así, neste FIOT, poñendo en valor os clásicos, obras inesgotables que permiten infinitas lecturas, seleccionamos propostas que se fixan en grandes autores de sempre que hoxe nos seguen interpelando”.

E continúa: “Moito máis alá de adaptacións ou revisións, as ricas miradas d@s dramaturg@s, director@s e intérpretes que presentamos no FIOT33 achéganse de maneira persoal e íntima aos clásicos, para alimentarse e dialogar con eles e coa súa esencia desde o presente máis doente, desde o hoxe; desde o agora. Con diferentes narrativas contemporáneas, formulan as preguntas axeitadas para obter, quizais, novas respostas ou imaxinar outros finais posibles”.

“O humano e a vulnerabilidade están no foco do FIOT neste 2024”, engade Sueiro. E conclúe: “a selección de obras programadas falan de sentimentos, de relacións humanas, de roles familiares ou de amizade; dos límites entre realidade e ficción, da memoria individual e colectiva, da identidade persoal e social, da beleza de amar e do terrible de non ser amado, de desexos insatisfeitos, ambicións e frustracións, de cal é o noso propósito ou de que personaxe somos na nosa vida. Son os temas de agora. E os de sempre”.

BONOS E ENTRADAS Á VENDA A PARTIR DO 12 DE SETEMBRO

A través da plataforma en liña Ataquilla, a venda anticipada dos bonos para @s soci@s da Asociación Cultural Telón e Aparte, impulsora do FIOT, activarase do 12 ao 19 de setembro, mentres que o público xeral poderá adquirir os seus bonos e entadas soltas a partir do 23 de setembro. Polo súa banda, os bonos e entradas da Rúa dos Contos estarán a disposición do público desde o día 16 de setembro.

Cartel do FIOT33 | Deseño: Patricia Portela (The Office Comunicación)