Skip to main content

O galardón, que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas co recoñecemento de figuras imprescindibles do sector de xeito anual, entregarase en outubro durante a celebración da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo

O xurado destacou ao artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “porque representa as características dun auténtico xograr, pola diversidade artística do seu perfil, xa que Avelino é, ademais de actor, un pioneiro da narración oral e un dos narradores máis relevantes da nosa terra, así como un recoñecido tradutor”

O xurado remarcou tamén que Avelino González “é unha das personalidades máis carismáticas e queridas da cultura galega, cun espírito implicado e inquedo, apaixonado do teatro galego e moi coñecido e aplaudido polo público do FIOT e de Carballo, pola súa presenza habitual nos nosos escenarios, tanto no Auditorio do Pazo da Cultura como no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproduccións; e, tamén, da Rúa dos Contos do FIOT, cos seus espectáculos propios”

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), outorgará este 2024 o premio Xograr de Outono a Avelino González. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas.

Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar o actor e narrador Avelino González. No seu fallo, o xurado destacou ao artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “porque representa as características dun auténtico xograr, pola diversidade artística do seu perfil, xa que Avelino é, ademais de actor, un pioneiro da narración oral e un dos narradores máis relevantes da nosa terra, así como un recoñecido tradutor”. Como o propio artista indica “son actor, contador, monologuista, tradutor; son… o que faga falta. Empecei nisto por casualidade e agora gústame, mesmo, picar entradas. Gústame entreter á xente con personaxes e historias que emocionen e divirtan, porque a min tamén me gusta que me emocionen e divirtan”.

O xurado remarcou, tamén, que Avelino González “é unha das personalidades máis carismáticas e queridas da cultura galega, cun espírito implicado e inquedo, apaixonado do teatro galego e moi coñecido e aplaudido polo público do FIOT e de Carballo, pola súa presenza habitual nos nosos escenarios, tanto  no Auditorio do Pazo da Cultura como no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproduccións; e, tamén, da Rúa dos Contos do FIOT, cos seus espectáculos propios”.

Avelino González recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo da comunicadora cultural e escritora Ana Romaní, premiada en 2023.

Avelino González é un habitual do FIOT, onde en 2023 protagonizou o espectáculo sobre O Xestal ‘Apaga o candil’

Avelino González é un habitual do FIOT, onde en 2023 protagonizou o espectáculo sobre O Xestal ‘Apaga o candil’

 

SOBRE AVELINO GONZÁLEZ

Aquí compartimos o texto que nos enviou Avelino González:

“A primeiros dos anos 80 do século pasado suspendín a proba de selectividade e as alternativas que había eran mergullarme na movida viguesa ou facer teatro cuns veciños. E ata agora. Comecei cargando escenografías e fixen teatro, dobraxe, cine, televisión, contos, captura de movementos, animación de rúa…, de todo. E todo bonito de facer.

Traducín os Picapedra ao galego naquelas primeiras dobraxes con Cándido Pazó; fun o primeiro en España en andar en moto en zancos (non sei se tamén en bici); actuei nas series de televisión As Leis de Celavella e Padre Casares; contei contos en Polonia e en Cuba; fun dirixido por Cándido Pazó, Roberto Vidal Bolaño, Sante Cortegoso…; traballei con Talía Teatro e Coperactiva; fun un dos que fundamos OllomolTranvía e actuei en Commedia, un xoguete para Goldoni; traducín teatro irlandés!

Ata agora.

Agora conto contos; actúo con Toni Salgado no Apaga o candil de Contraproducións, que escribiu e dirixiu Cándido Pazó; fago castings…

E de agora en diante: a seguir facendo teatro, castings e series, contando contos, mirando teatro… seguir neste oficio do que me gusta todo. Mesmo picar entradas”.