Skip to main content
  • O concurso pioneiro en Galicia para proxectos escénicos de pequeno formato, promovido polo Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, recibiu un total de 28 propostas
  • As pezas finalistas, que se representarán en espazos non teatrais e singulares da localidade bergantiñá nos sábados de outubro durante a celebración da 32º edición de Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, recibirán unha compensación económica e, ademais, optarán aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público fioteiro
  • Canta nai, canta, de Cía IO; Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera Rodríguez; DestilaPracer, de Espazo Vacío; O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir; Anaké?! Edipo en 15 minutos, de Contraditoria Compañía; e O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, de Mar Fiuza, son as pezas seleccionadas
Carlota Mosquera estreará en Carballo a súa peza de microteatro. Das seis pezas, cinco son estreas abolutas para o FIOT.

Carlota Mosquera estreará en Carballo a súa peza de microteatro. Das seis pezas, cinco son estreas abolutas para o FIOT.

A sétima edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado xa ten propostas finalistas. Un xurado conformado por profesionais vinculados ao mundo das artes escénicas de Galicia vén de seleccionar as seis obras que formarán parte da programación do concurso, posto en marcha polo Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. Trátase do primeiro certame de microteatro que se realizou en territorio galego e pioneiro á hora de visualizar e apoiar a creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras emerxentes.

Canta nai, canta, de Cía IO; Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera Rodríguez; DestilaPracer, de Espazo Vacío; O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir; Anaké?! Edipo en 15 minutos, de Contraditoria Compañía; O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, de Mar Fiuza, son as pezas que formarán parte da sétima edición do Metro Cadrado unha das liñas de programación máis singulares e queridas polo público fioteiro, que pode gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais. Así, este ano as representacións terán lugar, nos sábados do mes de outubro, nunha tenda especializada en produtos gourmet e venda de viños, Adega O Lagar (DestilaPracer); nunha habitación da Pensión Rama (Canta nai, canta), nunha pista de skate (O que é o raio, nin maldita idea), nunha tenda-fábrica de chocolate artesanal, Chocolates Mariño (O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate); nun taller de olería, Crúa. María Barca (Anaké?! Edipo en 15 minutos) e nunha sala común do Balneario de Carballo (Ninguén tira fotos nos enterros).

Á hora de seleccionar as propostas finalistas, o xurado tivo presente a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia, ademais do uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía. Todas as creacións seleccionadas, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€ e optarán aos galardóns, outorgados polas e polos asistentes ao FIOT, de Mellor Espectáculo (150€) e Mellor Interpretación (150€).

Un certame pioneiro en Galicia

O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.

Neste certame, o FIOT convida ás compañías ou artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral.

Ao longo destas sete edicións, o Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (244) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos.