Skip to main content
Novas

A X edición do Certame Micro-Escenas M2 do FIOT xa ten finalistas

By 11/08/2026No Comments

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo da a coñecer os espectáculos experimentais de pequeno formato seleccionados polo xurado como finalistas do Certame Micro-Escenas M2, que poderán verse este outubro na 35º edición do FIOT

Entre as 25 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas (5 delas, estreas absolutas) son: wOHrk, de Iván Dávila; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana; Fogar, de La Tercera; A casa do avó, de Candil Teatro; A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez; e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas

A X edición do Certame Micro-Escenas M2 do FIOT ten xa finalistas. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo deu hoxe a coñecer os nomes dos espectáculos experimentais de pequeno formato que foron seleccionados como finalistas do certame e que poderán verse este mes de outubro durante a celebración da 35º edición do FIOT.

Entre as 25 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas (das cales, 5 serán estreas absolutas) son: wOHrk, de Iván Dávila; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana; Fogar, de La Tercera; A casa do avó, de Candil Teatro; A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez; e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas. Son propostas que transitan por disciplinas tan diversas como o clown, o teatro de obxectos, o teatro de máscaras, a danza, o teatro físico ou o de actor.

O xurado de profesionais das artes escénicas desta X edición do Certame Micro-Escenas M2 estivo integrado por Caterina Varela, artista, comisaria e xestora cultural, directora das Residencias Paraíso, do Colectivo RPM; Gustavo del Río, director, dramaturgo e xestor cultural; Alba Bermúdez, actriz e codirectora da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, membro da organización do FIOT e monitora cultural da concellaría de Cultura o Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado e sen voto.

En palabras do xurado: “esta décima edición do Certame de Micro-Escenas M2 continúa reafirmando o seu compromiso coas artes vivas, coa investigación de novas linguaxes, coa exploración de novos formatos e co impulso de compañías e creadores emerxentes. É un laboratorio aberto para experimentar cos límites do teatro e expandir as súas formas”.

O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2026 poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do #FIOT35: a conserxería do Pazo da Cultura, a pastelaría Zuccaro, o Xardín Rosalía de Castro, a tenda de segunda man Buy & Sell,  a tenda de calzado barefoot Upa! e a tenda de roupa infantil Sweet Spirit. A entrada é libre ata completar a capacidade de cada espazo. Dadas as limitacións de aforo, recoméndase facer unha reserva no enderezo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com unha vez anunciado o programa do #FIOT35 o vindeiro mes de setembro.

Sen barreiras, sen distancias, sen rede. O teatro cara a cara. Próximo, fugaz, en estado puro. O Certame Micro-Escenas M2 é teatro que irrompe no cotián, instalándose en espazos de vida compartida… condensado a súa forza a metro cadrado. Unha experiencia íntima e envolvente que sitúa ao público a un paso da escena. Unha oportunidade para cruzar miradas, sentir a proximidade dos intérpretes, escoitar cada respiración, e descubrir xestos, sons e aromas que transforman o encontro teatral nunha vivencia distinta e intensa. Deste xeito, esta X edición do Certame de Micro-Escenas M2 do FIOT continúa apoiando a creación escénica de novos formatos e a compañías e artistas emerxentes, ofertando un espazo no que poder experimentar sobre os límites do feito teatral.

A 6 pezas finalistas do certame neste 2026 recibirán unha compensación económica de 500 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público fioteiro finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso.

CALENDARIO REPRESENTACIÓNS X CERTAME MICRO-ESCENAS M2 NO #FIOT35

Sábado 10 de outubro

Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h

IVÁN DÁVILA | wOHrk ESTREA ABSOLUTA

Lugar: Conserxería do Pazo da Cultura (rúa do Pan, s/n – andar 0)

COMPAÑÍA HUMANA | A vinganza contra o Dr. Tirarrollas ESTREA ABSOLUTA

Lugar: Pastelaría Zuccaro (Gran Vía, 46)

 

Sábado 17 de outubro

Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h

LA TERCERA | Fogar ESTREA ABSOLUTA

Lugar: Xardín Rosalía de Castro (Parque do Anllóns)

CANDIL TEATRO | A casa do avó ESTREA ABSOLUTA

Lugar: Buy & Sell (rúa Estrela, 18)

 

Sábado 24 de outubro

Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h

ALICIA LÓPEZ MÉNDEZ  | A vergonza era verde e comeuna a vaca

Lugar: Upa! (praza do Concello, Exterior 5 Mercado Municipal)

ATERRADAS | Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela ESTREA ABSOLUTA

Lugar: Sweet Spirit (rúa Valle-Inclán, 14)