Skip to main content
Novas

A Regueifa levanta o pano da 34ª edición do FIOT mañá mércores, 24 de setembro, no Pazo da Cultura

By 23/09/2025No Comments

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo quenta motores cunha primeira tarde de actividades abertas ao público, con entrada de balde, no Pazo da Cultura, coa proxección, ás 17.30 horas, do avance do documental ‘Ao son da regueifa’, de Undodez, e a celebración da mesa redonda, ás 18.00 horas, ‘A arte do canto improvisado’, da man do Consello da Cultura galega

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará a Galicia una coidada selección de espectáculos á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con pezas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona, Almagro ou o Festival de Otoño

Mañá mércores, 24 de setembro, ás 17.30 horas, proxectarase o avance do documental ‘Ao son da regueifa’, de Undodez, que retrata o renacer desta arte de improvisación oral tan nosa para descubrir as voces que a manteñen viva na actualidade. E, xa contra ás 18.00 horas, abrimos un espazo para a conversa da man do Consello da Cultura Galega, cunha mesa redonda titulada ‘A arte do canto improvisado’, que pon o foco na regueifa, un rico elemento do noso patrimonio cultural inmaterial. Os regueifeiros e especialistas neste xénero artístico Alejo Amoedo, Domingo Blanco, Lupe Blanco e Manuel Maseda participarán nesta sesión de análise e divulgación desta expresión cultural que consiste nunha disputa dialéctica a través do canto oral improvisado en verso, e que se caracteriza polo uso creativo do humor, da música e da crítica social. Bergantiños é rico nestas manifestacións, que en Carballo aínda se manteñen vivas a través de diversos proxectos que a poñen en valor. Deste xeito, a regueifa protagoniza a tarde de apertura do FIOT34 este mércores 24 de setembro, como aperitivo da ambiciosa e inédita proposta escénica ‘Territorio Regueifa’, de Ainé Producións e coproducida polo FIOT e o CDG, espectáculo encargado de inaugurar o programa de sala do festival a vindeira semana, os días 3 e 4 de outubro, no Pazo da Cultura.
 
Tamén este mércores, ás 20.00h, no marco do FIOT, poderás asistir á inauguración das exposicións ‘Zoom FIOT’ e ‘Xesto’, de Noelia Paz, coa música en vivo da banda carballesa Quercus Blues.
 
Actividades de balde, abertas a todos os públicos.