Skip to main content
Novas

45 espectáculos para a 34ª edición de FIOT

By 04/09/2025No Comments

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará a Galicia una coidada selección de espectáculos á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con pezas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona, Almagro ou o Festival de Otoño.

Durante cinco semanas, o FIOT de Carballo encherá ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con propostas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Paula Carballeira, Ainé, Quico Cadaval, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.

“Raíz viva, memoria colectiva” é o leitmotiv dunha edición que busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade e que contará con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países e 9 comunidades autónomas, ademais dunha vintena de actividades de mediación.

As entradas para a Rúa dos Contos deste #FIOT34 estarán dispoñibles a partir do 12 de setembro, mentres que o público xeral poderá adquirir os seus bonos e entradas soltas para o resto de funcións do Programa de Sala, OTNI, FIOT en Ruta e FIOTiño a partir do 19 de setembro na plataforma Ataquilla.com.

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresará ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegará a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.

Así, o FIOT de Carballo encherá as salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.

Nesta 34ª edición, o FIOT volverase converter no “corazón do teatro en Galicia” da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación. No FIOT haberá Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc.

“Raíz viva, memoria colectiva” é o leitmotiv dunha edición que busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. As entradas para a Rúa dos Contos deste #FIOT34 estarán dispoñibles a partir do 12 de setembro, mentres que o público xeral poderá adquirir os seus bonos e entradas soltas para o resto de funcións do Programa de Sala, OTNI, FIOT en Ruta e FIOTiño a partir do 19 de setembro na plataforma en liña Ataquilla.com.

O Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acolleu a tarde deste xoves, 4 de setembro, desde as 19.30 horas, a presentación oficial deste 34º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Durante o acto, tivo lugar a representación –aberta a todos os públicos, con entrada de balde– do espectáculo de Fran Sieira Compañía de Danza Un baile ceibe. Na presentación participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director do FIOT e presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro; o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a concelleira de Cultura e Festas de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo; e o presidente da Fundación Luís Calvo Sanz, Luciano Calvo, que estiveron acompañados por socios de Telón e Aparte, voluntarios do FIOT, entidades colaboradoras, produtoras, compañías e artistas participantes, grupos socioculturais de Carballo e medios de comunicación.

“RAÍZ VIVA, MEMORIA COLECTIVA”

Hai raíces que non se ven, pero se senten. Nacen de dentro das entrañas, do que fomos e do que levamos gardado sen sabelo. Nesta 34ª edición, o FIOT convida a mirar cara ao interior, a recoñecer a forza do que nos sostén: a tradición, a memoria e a orixe. Pero sempre, cunha mirada contemporánea cara o presente e o futuro. O leitmotiv desta nova edición, a número 34, do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, “raíz viva, memoria colectiva”, é unha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte da nosa estrutura profunda. Este festival explora esa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.

Pero para o #FIOT34, a raíz non é só o punto de partida, senón unha rede que medra en moitas direccións; un espazo compartido que poñer en valor, para entender a orixe, para evolucionar, explorar e medrar. Neste 2025, o FIOT avoga pola posta en valor a tradición, a orixe e a raíz como símbolo da nosa rica e potente identidade. As autoridades presentes esta tarde no acto de presentación do programa coincidiron en destacar ao FIOT “como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Galicia e unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico”.

Pola súa banda, o director do festival, Alberto Sueiro, puxo en valor “o regreso do ‘corazón do teatro en Galicia’,  porque no FIOT conflúen artistas, públicos, xeracións e linguaxes. Porque desde Carballo, este festival soubo latexar ao ritmo de Galicia e proxectarse ao mundo. E porque cada edición é un acto de amor ao teatro, á cultura e á nosa xente”. Sobre a raíz que fai de fío condutor do programa, Sueiro apuntou: “a memoria colectiva é o tecido que nos une como comunidade, que nos lembra que o teatro non é só unha arte, senón un espazo de encontro, diálogo e transformación”.

Sobre as cifras do FIOT34, con 45 espectáculos, o “FIOT máis grande da nosa historia”, o director quixo destacar, tamén, que “estes datos son o reflexo dun esforzo colectivo, dunha programación diversa e dunha aposta firme pola calidade e a diversidade, combinando o mellor das nosas raíces con propostas innovadoras que miran ao futuro. Queremos que cada espectador, ao saír dunha función, sinta que viviu algo único”. E, finalmente, concluíu: “O teatro é raíz e é vida. É memoria e é presente. E este ano, máis ca nunca, queremos que o FIOT sexa ese lugar onde todas e todos poidamos atoparnos para sentir, pensar e soñar xuntas e xuntos. Convídovos a vivir esta edición co corazón aberto, porque o FIOT latexa por e para vós. Benvidas e benvidos ao FIOT34.”.

UN PROGRAMA Á ALTURA DAS GRANDES TEATROS E FESTIVAL EUROPEOS NO #FIOT34

No #FIOT34 non faltarán producións con selo galego que formarán parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–. Cabe destacar que, fiel á súa vocación de apertura, con propostas transversais e inclusivas para o goce de todos os públicos, neste #FIOT34 moitas das grandes propostas están orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso das marabillosas Matres ou Farra. Un ano máis, haberá espazo para o risco, os clásicos, os emerxentes, as novas linguaxes… e, en definitiva, unha invitación ao descubrimento. Un ano máis, os pratos fortes serviranse no Programa de Sala:

Improvisación, humor, música, teatro e o espírito festivo propio da regueifa configuran un espectáculo total, Territorio Regueifa, de Aine Producións, coproducido polo FIOT e que será a peza encargada de abrir o Programa de sala deste #FIOT34 o venres 3 e o sábado 4 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo.

O venres 10 de outubro, tamén no pazo da Cultura, chegaralle a súa quenda a Adolescencia infinita. A través do humor, da ironía e da tenrura, música en directo e moita hormona adolescente, enerxía de festa, gritos e choros, Pont Flotant –Premio do Público do FIOT en 2022 co seu espectáculo Eclipse– pon o foco neste proceso vital cheo de luces e sombras.

O sábado 11 de outubro, chega ao FIOT por primeira vez a premiada compañía Campi Qui Pugui, cunha bagaxe internacional de vértixe, para presentar a súa creación Matres. Actores, máscaras e bonecos crean un mundo máxico para contar unha fermosa historia sobre a maternidade e a infancia, a vida e a perda, a enfermidade e a norte, desde a ollada tenra dun neno que intenta comprender.

Dez anos despois da súa anterior visita ao FIOT, o prestixioso arxentino mestre de actores Gabriel Chamé Buendia volve a reinventar a Shakespeare desde o humor físico e unha linguaxe escénica lúdica que recorda a mellor tradición xograresa. Será con Medida por medida, que o público do FIOT poderá ver o venres 17 de outubro no Pazo da Cultura.

O día seguinte, o sábado 18, chega un dos imprescindibles da programación deste 2025, Un sublime error, de Needcompany, una poética celebración da vida da man de dous sublimes artistas: o innovador director Jan Lauwers, un dos grandes nomes da escena contemporánea europea, e o impecable e reputado actor Gonzalo Cunill.

Xa o domingo 19, o FIOT propón unirse á Farra e que públicos de todas as idades gocen co espírito de experimentación e co risco do artista multidisciplinar Lucas Escobedo, que se aliou coa Compañía Nacional de Teatro Clásico para fundir o circo, o teatro, a música en directo e o humor co verso e a tradición barroca. Ademais de colleitar éxitos nos escenarios de toda España, este traballo foi recoñecido co Max ao Mellor Espectáculo Musical 2025.

Pola súa banda, o venres 24 de outubro chega a Carballo outra das creación máis celebradas da pasada temporada en España,14.4, onde o director e dramaturgo Sergio Peris-Mencheta, en colaboración con outro referente do teatro actual como Juan Diego Botto, constrúen un relato de migración, soños e supervivencia, cunha linguaxe sobria e realista, pero á vez lírica e poética, que nos encollerá o corazón.

En Yo solo quiero irme a Francia (sábado 25 de outubro, no Auditorio do Pazo da Cultura), catro mulleres de diferentes xeracións buscan ese lugar que tanto anhelan: a liberdade. O espectáculo está protagonizado por María Galiana, grandísima actriz de cine e de teatro, gañadora dos máis importantes premios, como o Goya ou Mérito a las Bellas Artes do Ministerio de Cultura. Xunto a ela, subiranse ás táboas Nieves de Medina, Alicia Armenteros e a galega Ledicia Sola. Esta función inicia a xira desta nova aventura dunha das produtoras galegas máis sólidas, Contraproducións.

E, para botar o pano do Programa de Sala o venres 31 de outubro, teremos a Vulcano. Con moito humor e cun formato de thriller e investigación criminal, a peza é o resultado do encontro entre as miradas de dúas puxantes figuras da escena contemporánea española, a dramaturga Victoria Szpunberg e a directora Andrea Jiménez, que, na procura dun teatro vivo, realizaron un proxecto de creación colectiva que contou coa coprodución do Centro Dramático Nacional. Na anterior edición do FIOT, o público recoñeceu no espectáculo Casting Lear a renovadora linguaxe escénica de Andrea Jiménez, que agora regresa para pechar o noso programa.

Pero haberá moito máis teatro, circo, danza, humor e creación no FIOT. No OTNI e no Teatro de Rúa, haberá espazo para as linguaxes híbridas, arriscadas e sorprendentes, a cargo de premiadas formacións ás que non perder a pista, como Xampatito Pato, Chicharrón Circo Flamenco, El Patio Teatro, Cía. CAÍ, Pistacatro, GANSO & Cía ou Paula Quintas. Tamén, o mellor humor galego e nacional regresará á Rúa dos Contos do FIOT, con Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez, Bea Campos, Joaquín Pajarón ou Alex O’Dogherty, entre moitos outros. Nos faltarán, tampouco, as propostas de rúa máis máxicas e sorprendentes, con acrobacias, música, teatro físico…  para toda a familia. E, tamén, creacións de microteatro para espazos non convencionais do xa tradicional e pioneiro Certame Micro-escenas M2, ademais dunha vintena de actividades de mediación no programa En paralelo do FIOT.

Asimesmo, a velada do sábado 11 de outubro terá lugar a entrega da Xograresa de Outono do FIOT, que este ano recaeu en Areta Bolado, unha das fundadoras da compañía A Panadaría. Neste 2025, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar á actriz, dramaturga e directora, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “pola riqueza e a versatilidade dunha creadora que é actriz, dramaturga e directora, co desexo de visibilizar novas formas de xograres e novas xeracións no FIOT, con figuras como Areta, que abren renovados e estimulantes camiños para as artes escénicas galegas”.

O xurado remarcou, tamén, “a solidez da traxectoria de Areta Bolado, tan querida pola súa linguaxe contemporánea irreverente e estimulante, cunha bagaxe recoñecida dentro e fóra de Galicia, e cun pulso creativo que comparte valores fundamentais para FIOT como a loita polo feminismo e a inclusión”. Areta Bolado –cuxos espectáculos xunto á compañía A Panadaría foron tan celebrados nas súas visitas ao Pazo da Cultura de Carballo– recollerá o seu galardón no Pazo da Cultura, collendo o relevo do actor e narrador Avelino González, premiado en 2024. 

O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO (FIOT)

Máis de tres décadas creando teatro

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.