Para conseguir un exemplar será necesario presentar os comprobantes de compra do día na carpa instalada na rúa Coruña os domingos 13 e 17 de outubro
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) conta nesta edición coa colaboración do Centro Comercial Aberto (CCA), que se une para impulsar á dinamización da vida cultural e comercial da vila, potenciando a simbiose entre teatro e comercio local. Durante o mes de outubro, o comercio carballés sumarase a esta celebración distribuíndo de forma gratuíta 400 bolsas de deseño exclusivo, que levarán impresa a imaxe da 33ª edición do FIOT, coa finalidade de contribuír á difusión do festival entre a veciñanza e os/as visitantes.
Todas as compras superiores a 30€, realizadas o domingo 13 e 27 deste mes nos establecementos adheridos ao CCA carballés terán como premio unha bolsa conmemorativa do FIOT. Para conseguila, só haberá que achegarse á carpa que o CCA terá instalada na rúa Coruña, de 11.00 a 14.00 horas, e presentar o xustificante de pago con data dese mesmo día. Cada domingo repartiranse 200 bolsas ata fin de existencias.
Pola súa banda, o presidente do Centro Comercial Aberto manifestou que “con esta iniciativa queremos ofrecer unha experiencia única aos nosos clientes premiando a súa fidelidade e aposta pola cultura o teatro e o comercio local. Vémonos nos comercios e no FIOT!”.