- A compañía Redrum Teatro leva á escena a súa adaptación ao galego da obra de Paco Bezerra, un dos referentes da dramaturxia española contemporánea e Premio Nacional de Literatura Dramática
- Ao finalizar a función do venres, terá lugar a entrega do galardón Xograresa de Outono 2023 á xornalista cultural Ana Romaní
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo acollerá este venres, 13 de outubro, ás 21.00 horas, a estrea absoluta do espectáculo O pequeno poni, da compañía Redrum Teatro a partir dun texto asinado polo dramaturgo Paco Bezerra, referente da dramaturxia española contemporánea e Premio Nacional de Literatura Dramática 2009. A obra expón un conflito social de actualidade e moitas veces silenciado, como é o ataque ao diferente e o acoso escolar, unha dolorosa realidade na que viven atrapados cada vez máis nenos e nenas de todo o mundo.
Redrum Teatro, compañía comprometida con creadores de visión arriscada e coas preocupacións sociais, estrea no FIOT a versión galega deste impactante e sobrecolledor texto de Paco Bezerra que nos convida á reflexión sobre a liberdade, o medo, o instinto de protección, a ineptitude e os prexuízos sociais dos adultos. Coa súa proposta, Redrum Teatro dirixe a mirada ao acoso escolar a raíz dunha escrita da que emana unha mensaxe en defensa dos dereitos LGTBIQ+ nos contextos da intolerancia na contorna educativa e mais da incomprensión familiar.
A montaxe, dirixida e adaptada por Alex Sampayo, está protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez, quen participaron, esta mañá, na presentación do espectáculo, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura carballés. O elenco estivo acompañado polo director do FIOT, Alberto Sueiro; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura da localidade bergantiñá, Maruxa Suárez; e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
Na súa intervención, Guillermo Carbajo sinalou que estrear O pequeno poni no marco do FIOT é unha “gran satisfacción”, xa que se trata dun dos grandes festivais en Galicia e un “auténtico referente” para a escena do país. “É a primeira vez que estreamos no FIOT e iso é sempre unha garantía absoluta para un espectáculo que bota a andar”, explicou Carbajo. O actor quixo manifestar o agradecemento da compañía á organización do festival e aproveitou a ocasión para facelo extensible ao Concello do Grove, cuxo auditorio acolleu os ensaios, ao Concello de Teo e á Agadic, xa que O pequeno poni conta co apoio da Xunta a través das axudas á creación escénica.
No referente á obra, Carbajo limitouse á destacar que o seu personaxe achégalle unha perspectiva de “aceptación da diversidade e meis de tolerancia” a unha historia que, durante a rolda de prensa, analizou máis polo miúdo a actriz Laura Míguez, coprotagonista da montaxe. “Este texto de Paco Bezerra pon o foco nunha serie de temas que son fundamentais hoxe por hoxe: o respecto á identidade e á diversidade, a violencia institucional e os diferentes paradigmas da crianza”, sinalou Míguez.
A actriz puxo o foco neste último aspecto ao indicar que Irene e Xaime, os dous protagonistas do espectáculo, son dous pais que intentan “facelo o mellor posible” ante o conflito empregando “as ferramentas que teñen”. “Cada un destes pais difiren nas formas, amosan aspectos polarizados e esta situación repercute no seu fillo”, reflexionou Míguez antes de engadirlle outro elemento que afecta o benestar do cativo: “a violencia institucional”. “A institución, neste caso representada no centro educativo, amosa a incapacidade tanto para actuar e tomar medidas radicais fronte ás agresións como para asesorar as familias”, afondou Míguez.
O pequeno poni
Xaime (Guillermo Carbajo) e Irene (Laura Míguez) conforman unha parella cun fillo de nove anos, Luismi, quen vai á escola cunha mochila da súa serie de debuxos animados preferida: O meu pequeno poni. Algo inocente que esperta as mofas, vexacións e a violencia máis brutal dos seus compañeiros. A incomprensión, as dúbidas e a frustración que afronta a parella, xunto á pasividade, aos prexuízos e mesmo á culpabilización da vítima coas que opera o sistema educativo, constitúen os piares nos que se sustenta a obra, unha peza que leva a escena un retrato necesario sobre o acoso escolar, o enorme sufrimento que se deriva del e as súas consecuencias, tanto individuais coma colectivas.
Paco Bezerra escribiu este texto no 2016 a raíz de diferentes novas dos Estados Unidos que coñeceu a través dos medios. Concretamente, céntrase no caso de Grayson Bruce, un neno de 9 anos de Carolina do Norte que acudiu á escola cunha mochila da serie nomeada anteriormente. Mais Grayson nunca chegou a sentar no pupitre por mor dos ataques físicos e verbais dos seus compañeiros. Neste caso, a dirección do colexio optou por culpabilizar ao menor agredido e acusouno de “disrupción na aula”.
Encontro con Paco Bezerra e Alex Sampayo na ‘Escola do espectador nas ondas’
Para todas aquelas persoas que queiran afondar tanto no texto coma na montaxe de Redrum Teatro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo propón unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas, que terá lugar o sábado 14, ás 17.00 horas, no Dubra Café. A cita, de acceso libre, contará coa participación do director de O pequeno poni, Alex Sampayo, do actor Guillermo Carbajo e do dramaturgo Paco Bezerra. O podcast estará dispoñible na sección de OndaFIOT no espazo web www.fiot.gal.
Entrega do premio Xograresa de Outono
Por outra banda, o mesmo venres 13, contra as 22.15 horas, unha vez finalice a función de O pequeno poni, o FIOT de Carballo entregará o galardón Xograresa de Outono 2023 a Ana Romaní. A xornalista, Premio Nacional de Periodismo Cultural 20218, súmase así á comunidade de honra do FIOT, que congrega ás e aos profesionais imprescindibles para o desenvolvemento das artes escénicas do país.
Ao outorgar este recoñecemento, tanto as xograresas e xograres de outras edicións, coma o propio FIOT, salientan o papel de Ana Romaní como figura imprescindible no xornalismo cultural. Con este recoñecemento, o festival abre o espectro do premio a novos sectores vinculados ás artes escénicas, como é o da comunicación, poñendo así en valor a súa relevancia e necesaria labor par o coñecemento e a consolidación do teatro.