Skip to main content

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, bota o pano esta fin de semana con todas as entradas esgotadas para o seu Programa de Sala, que ofrecerá tres espectáculos das grandes voces das escenas galega e estatal: Juan Mayorga, Blanca Portillo, Pablo Messiez, Tito Asorey e Xosé A. Touriñán.

O sábado 29 acollerá representacións de catro montaxes, todas elas estreas galegas ou absolutas; ademais da derradeira sesión ao vivo da Escola do espectador nas ondas. O día comezará coas últimas funcións das pezas que participan no VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado: ’Viaxar é un pracer’, de Assircópatas (Dani Blanco e Antón Coucheiro), unha comedia do absurdo que reflexiona sobre o noso papel coma turistas e que se poderá ver no despacho do alcalde; e ‘Actriz, chora’, a peza de Cacharela Teatro (Alba Nogueira e Irene Lorenzo) que critica, desde a comedia, os estereotipos e os desafíos do sector artístico, en especial das mulleres novas. Ambas obras contarán con catro pases (13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas) e, coma sempre, recoméndase reservar previamente a praza en fiot.microteatroentrada@gmail.com.

Tamén pola mañá terá lugar a derradeira sesión da primeira tempada da Escola do espectador nas ondas, os encontros abertos ao público, con vermú e petiscos, para coñecer desde a proximidade as propotas escénicas do FIOT. A partir das 13.15 horas no Salón social do Pazo da Cultura, a xornalista Paloma Cortina (Dramedias, de RNE) manterá unha conversa co elenco de ‘La voluntad de creer’ e co seu director e creador, Pablo Messiez, quen participará vía telemática na gravación do podcast. A obra, unha coprodución do Teatro Español  e Buxman Producciones, terá precisamente esa tarde (20.30) a súa estrea en Galicia.

‘La voluntad de creer’, escrita e dirixida por Pablo Messiez, indaga na relación entre vontade, fe e suxestión a partir da historia dunha familia, cuxo irmán menor sostén ser Xesús de Nazareth. A peza, que inicia a súa xira estatal en Carballo logo da súa estrea en Naves del Matadero do Teatro Español -converténdose no último gran éxito da tempada escénica madrileña-, inspírase na película ‘Ordet’, de Carl Theodor Dreyer, quen á vez adaptou a obra ‘La palabra’, de Kaj Munk. Xa en horario nocturno, a partir das 23.00 horas, o humorista Óscar Terol, creador de ‘Vaya semanita’ ou ‘Allá abajo’, presentará no Mercado municipal o seu último monólogo: ‘Mundo para lelos’, no que revelará ao público, desde a comedia, un gran tesouro: nin existe o listo integral, nin o intelixente a tempo completo, todas escondemos miserias e encrucillados sen resolver. As últimas entradas para o espectáculo do actor vasco están dispoñibles en www.ataquilla.com.

O domingo 30 terá lugar o regreso de Blanca Portillo a Carballo, logo da súa aclamada interpretación de ‘El testamento de María’ na edición de 2015, e que as asistentes do FIOT recoñeceron co Premio do Público 2015. Desta quenda a actriz volve coa aclamada ‘Silencio’, do dramaturgo Juan Mayorga, a quen se lle outorga estes días, precisamente, o Premio Princesa de Asturias; galardón que se suma aos Premio Nacional de Teatro e Literatura Dramática, ademais de diversos Max. ‘Silencio’ parte do discurso de ingreso de Mayorga na Real Academia Española, un texto que converteu en teatro e no que pon de manifesto o valor do tempo e do silencio. Unha vez remate a función, o director do FIOT, Alberto Sueiro, fará entrega do Premio do Público 2015 a Blanca Portillo.

 

Peche inclusivo con ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’

Finalmente, a última función do Programa de Sala deste 2022 será o 31 de outubro. Chegará da man de Tito Asorey, Xosé A. Touriñán e Ainé Producións, desta quenda en coprodución co Centro Dramático Galego. ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, fará a primeira parada da súa xira en Carballo cunha función que porá o broche dourado á 31ª edición do FIOT. Precisamente esta última representación afondará nun dos retos principais deste ano do festival, como é a sustentabilidade e, particularmente, e inclusión e atención ás diversidades. Coa colaboración do CDG, o público asistente poderá gozar do espectáculo con audiodescrición. como xa aconteceu na función de ‘Pirolíticos’, e interpretación en lingua de signos, ao igual que nas pezas da Rúa dos Contos ‘Habito terra’ ou ‘Contando polos dedos’, que nesta ocasión será proxectada sobre os lateriais do escenario. Aquelas persoas con diversidade visual ou auditiva -ou portadoras de audífono- que queiran facer uso do servizo do dispositivo de lazo magnético ou coñecer o funcionamento do sistema, poden escribir un correo electrónico a fiot.carballo@gmail.com.