O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, despedirá esta fin de semana a súa 31ª edición por todo o alto. As grandes voces das escenas galega e estatal daranse cita en Carballo: Juan Mayorga, Blanca Portillo, Grupo Chévere e Patricia de Lorenzo, Pablo Messiez, Tito Asorey e Xosé A. Touriñán, os pratos fortes deste #FIOT31, terán un especial protagonismo estes días, nos que o público poderá gozar de ata tres espectáculos do Programa de Sala. O sábado 29 será a xornada central co certame ao acoller representacións de catro montaxes, todas elas estreas galegas ou absolutas; ademais da derradeira sesión ao vivo da Escola do espectador nas ondas.
A primeira das citas terá lugar o venres 28. A Xograresa de Outono 2019, Patricia de Lorenzo, presentará en Carballo -no marco co ciclo OTNI- a súa conferencia performativa ‘Pequenas mentiras para contar grandes verdades’, un traballo no que aborda, a partir do proceso de construción dos distintos papeis que interpretou co Grupo Chévere, como é a representación de personaxes que, na meirande parte das ocasións, actúan como subalternas e reproducen os imaxinarios do poder. De Lorenzo expón como o traballo de actriz pode ser, ás veces, un modelo de resistencia e testemuño real da xente anónima que nunca é protagonista.
Ao día seguinte será a quenda do máis recente éxito da tempada escénica madrileña: ‘La voluntad de creer’, unha coprodución de Buxman Producciones e do Teatro Español escrita e dirixida por Pablo Messiez. A obra iniciará este sábado 29 a súa xira estatal e a primeira parada será en Carballo, dando pé á celebración da estrea en Galicia desta montaxe, que indaga na relación entre vontade, fe e suxestión a partir da historia dunha familia, cuxo irmán menor sostén ser Xesús de Nazareth. A peza inspírase na película ‘Ordet’, de Carl Theodor Dreyer, quen á vez adaptou a obra ‘La palabra’, de Kaj Munk. A estrea galega de ‘La voluntad de creer’ terá lugar o sábado 29 no Auditorio do Pazo da Cultura contra ás 20.30 horas.
Outra das citas máis esperadas deste #FIOT31 chegará o domingo 30. Será o regreso de Blanca Portillo ás táboas do Pazo da Cultura logo da súa aclamada interpretación no 2015 de ‘El Testamento de María’, a coprodución do Centro Dramático Nacional, Festival Grec e Avance Producciones Artísticas, que resultou gañadora do Premio do Público do FIOT daquel ano. Desta quenda, a actriz volve coa aclamada ‘Silencio’, do recoñecido dramaturgo Juan Mayorga, un dos autores vivos máis representados e a quen se lle outorgou estes días, precisamente, o Premio Princesa de Asturias das Letras; galardón que se suma aos xa recibidos Premio Nacional de Teatro (2007), Premio Nacional de Literatura Dramática (2013), e numerosos Max como Mellor Autor ou Mellor Adaptación.
‘Silencio’ toma como referencia, precisamente, o discurso de ingreso de Mayorga na Real Academia Española, un texto que o dramaturgo converteu en teatro e no que pon de manifesto o valor do tempo e do silencio. Blanca Portillo é a responsable de levar á escena a peza, na que o autor tamén viaxa polos silencios teatrais que aínda soan na súa memoria e no seu corpo.
A última función do Programa de Sala deste 2022 será o 31 de outubro. Chegará, coma no 2019 (edición que se pechou con ‘Fariña’), da man de Tito Asorey, Xosé A. Touriñán e Ainé Producións, desta quenda en coprodución co Centro Dramático Galego. ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, que parte dun texto do xornalista Nacho Carretero e que conta con dramaturxia de José L. Prieto, fará a primeira parada da súa xira en Carballo cunha función que porá o broche dourado á 31ª edición do FIOT.
Xornada de estreas e despedidas o sábado 29
Este mesmo sábado 29 o público do FIOT tamén poderá gozar coas dúas últimas montaxes do VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. Ao igual que na fin de semana pasada, terán lugar dúas estreas absolutas: ‘Viaxar é un pracer’, de Assircópatas (Dani Blanco e Antón Coucheiro), unha comedia do absurdo que reflexiona sobre o noso papel coma turistas e que se poderá ver no despacho do alcalde; e ‘Actriz, chora’, a peza de Cacharela Teatro (Alba Nogueira e Irene Lorenzo) que critica, desde a comedia, os estereotipos e os desafíos do sector artístico, en especial das mulleres novas. Ambas obras contarán con catro pases (13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas) e, coma sempre, recoméndase reservar previamente a praza en fiot.microteatroentrada@gmail.com.
De xeito paralelo, no salón social do Pazo da Cultura celebrarase a derradeira sesión da primeira tempada da Escola do espectador nas ondas, os encontros nos que artistas, xornalistas especializadas en artes escénicas e público comparten conversa e facilitan a comprensión e análise dos espectáculos que conforman a programación do festival. Desta quenda, a xornalista cultural de RTVE Paloma Cortina (Dramedias) manterá unha conversa aberta ao público co elenco de ‘La voluntad de creer’ e co seu director e creador, Pablo Messiez, quen participará vía telemática na gravación do podcast.
Xa pola noite o Mercado municipal acollerá a última función da XXIII edición do ciclo de narración oral Rúa dos Contos: será coa estrea en Galicia de ‘Mundo para lelos’, a última creación do humorista, actor e director vasco Óscar Terol, quen porá en evidencia un mundo que se asoma incomprensible para todas as persoas e do que sempre tentamos ocultar o noso “eu parvo”.