Skip to main content

Pezas que están a triunfar na escena ‘off’ madrileña, como ‘Impalpable’, da compañía arxentina Sambuseck, ou ‘Freak’, a adaptación que Amor Producciones realiza sobre a obra de Anna Jordan, chegarán esta fin de semana a Carballo da man do FIOT, nun momento no que tamén regresará ao certame Pont Flotant coa súa nova montaxe: ‘Eclipse total’. Ademais, o público adolescente terá ocasión de gozar dunha función de ‘Amantis’, a última creación de Rebordelos; e a Natalia Fernandes avanzará no OTNI o estado da súa nova creación, ‘¿Podemos hablar de Caetano?’, sobre o universo poético de Caetano Veloso.

O FIOT propón para esta fin de semana, no marco do Programa de Sala dúas estreas en Galicia. A primeira das funcións chegará o venres 21 da man de Sambuseck, que trae a Carballo unha peza ambientada na Arxentina dos anos 50 que combina a complexidade das personaxes cunha coidada estética cinematográfica, na que as mulleres reivindican o seu espazo e territorio social. ‘Impalpable’ é unha creación colectiva fermosa, evocadora e agridoce que se inspira en textos, entrevistas e na biografía do escritor arxentino Manuel Puig (autor, entre outras, de ‘El beso de la mujer araña’). Nunha localidade na que o silencio e a mentiras son as premisas sobre as que se sustenta a vida cotiá, as mulleres protagonistas vense obrigadas a ocultar a realidade coa ficción.

A segunda das citas do Programa de Sala co público do FIOT chegará o sábado 22 e será con outra compañía querida no certame: Pont Flotant. Os valenciáns presentan o seu ‘Eclipse total’, unha fermosa montaxe sobre o legado e a memoria, na que empregan o eclipse como metáfora para abordar como vivir sabendo que, un día, deixaremos de estar vivos. A compañía vólvese enredar nos fíos da memoria para cuestionar como nos preparamos ante un feito inevitable e irreversible como é a morte. Coa sinxeleza, naturalidade e delicadeza que caracteriza o universo da compañía, Pont Flotant presenta un exercicio escénico no que parten do humor e da beleza para mesturar o cotián co trascendental, e o o íntimo e persoal adquire unha dimensión o social.


Xa na xornada do domingo 23, será a quenda doutra das xoias da carteleira estatal e cita imprescindible para as máis fioteiras e fioteiros:
‘Freak’, de Amor Producciones, o texto de Anna Jordan, unha das dramaturgas máis relevantes da escena europea dos últimos anos, e no que aborda o lugar que ocupa a muller dentro da sociedade. Freak, adaptada e dirixida por Paula Amor, é unha peza de teatro social que se converteu nunha referencia internacional polo seu xeito de abordar a sexualidade, entre a despesoeranza e o humor. A obra, na que as personaxes interpretadas por Lorena López e Lara Serrano se abren completamente ao público, fala de como loitar contra o que xa está establecido; do baleiro e de non recoñecerse a unha mesma fronte ao exterior e, ao cabo, de como o teatro pode dar resposta a os nosos problemas actuais.

Novas citas do FIOTeen e OTNI

A programación escénica desta semana do FIOT no Pazo da Cultura -pois nos institutos a compañía Galeatro segue a achegar a súa particular visión sobre o certame- comezará mañá mesmo, martes 18, cunha función de
‘Amantis’, de Rebordelos, dirixida por Tamara Canosa e escrita pola propia directora e Xacio Baño. A produción, na que o actor Roque Ruiz interpreta o protagonista, explora a fenda xeracional entre nativos e non nativos dixitais, tentando comprender como inclúen as redes sociais, os selfies, o sexting, a igualdade ou as novas masculinidades na formación da identidade propia e nas relacións interpersoais. A cita será ás 11.00 horas no auditorio do Pazo.

O xoves 20 ás 20.30 horas, en paralelo á función do OTNI programada para este domingo -‘Freak’-, o ciclo achegará o work in progress de ‘¿Podemos hablar de Caetano?’, a nova creación da performer, bailarina e coreógrafa brasileira Natalia Fernandes, un proxecto a cabalo entre un álbum de música, unha conversa e unha coreografía que achegará ao centro do escenario o universo poético do cantante Caetano Veloso. A peza, aínda en proceso, é resultado da residencia que a artista levou a cabo no mes de agosto no Pazo da Cultura no marco das Residencias Paraíso, impulsado polo Colectivo RPM e que conta co apoio da Agadic e do Concello de Carballo.