O FIOT30 botará o pano o domingo 14 de novembro coa celebración da entrega de premios co concurso escolar de Teatro Lido, que neste 2021 festexa o seu 20º aniversario. A iniciativa consegue, desde hai dúas décadas, que as voces máis novas de Bergantiños cheguen a todos os recunchos da comarca a través das ondas radiofónicas.
Nesta edición participaron un total de 24 grupos, formados por de 150 rapazas e rapaces de 10 centros escolares de Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha e Laxe. Por mor da COVID-19, este ano unicamente catro grupos de escolares, os finalistas do certame, tiveron ocasión de facer a súa lectura dramatizada en estudios profesionais de radio, e que volverán facer diante do público o domingo 14 no auditorio do Pazo da Cultura. A gala, aberta ao público familiar, comezará ás 18.00 horas e contará co actor Fran Rei como mestre de cerimonias.
O XX Certame de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís conta con dúas categorías: unha para grupos de Educación Primaria e Infantil, e outra de grupos da ESO, Bacharelato ou CF grao medio. No primeiro caso, os colectivos finalistas son o grupo Xoaniña, de 3º de EP do CEIP Canosa-Rus, coa peza Exemplo a seguir; e o grupo Cristinatreiros, de 3º EP do CEIP Plurilingüe A Cristina, coa obra O conto dos sete medos. No caso da 2ª categoría, as propostas finalistas son Segredos abertos, do grupo Areeiras de 4º ESO do CPI Cabo da Area, e Unha avoa a catro patas, calcetís e gravatas, do grupo Calcetíns de 2º ESO do IES Alfredo Brañas. As propostas gañadoras daranse a coñecer mañá, domingo 14 de novembro.