O FIOT convoca o XX Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís coa intención de promover o teatro entre a rapazada de Bergantiños e favorecer a súa iniciación á interpretación dramática. Nesta edición, debido á situación sanitaria actual, a participación no concurso realizarase co envío dun arquivo de vídeo coa gravación da lectura dramatizada. Cada grupo seleccionará o fragmento teatral que desexe interpretar e duración será de entre 2 e 4 minutos. A temática das obras será libre, sempre tendo en conta que as obras están destinadas a todos os públicos.
Tras escoitar as gravacións, o xurado seleccionará aos grupos finalistas que terán a oportunidade de gravar a lectura en estudios profesionais de radio. Unha vez escoitadas ditas gravacións, fallará o concurso. Estableceranse dúas categorías diferenciadas (educación infantil e primaria, e educación secundaria).
Neste 2021 seguimos contando co apoio especial da Libraría Brañas, patrocinador dos premios, que consisten en libros e material didáctico por un importe total de 500 €. E se a situación sanitaria o permite, o 14 de novembro realizarase un acto de entrega de premios no Pazo da Cultura. O prazo de inscrición no concurso remata o día 8 de outubro e o prazo de entrega dos vídeos finaliza o día 14. Podes descargar as bases do certame aquí.