Skip to main content
Novas

A ‘Odisea’ da Companhia do Chapitô e a adaptación á escena do fenómeno literario ‘Las gratitudes’, con Gloria Muñoz ao fronte, protagonizan a terceira semana do FIOT

By 06/10/2026No Comments

A compañía portuguesa regresa este venres a Carballo cunha particular revisión cómica da epopea de Homero, mentres Gloria Muñoz protagoniza o sábado a estrea en Galicia de Las gratitudes, de Delphine de Vigan, dirixida por Juan Carlos Fisher

Do 8 ao 12 de outubro, a 35ª edición do FIOT ofrece propostas para públicos de todas as idades, desde o circo de Domte ata o teatro documental de Vidas enterradas e o OTNI Yo nací en un surco de judías, de almealera, Premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo

Dani Blanco –que vén de gañar o premio a o mellor espectáculo de rúa pola peza Crunch2!, da Compañía MUU, nos Premios Manu Lago de Novo Circo Galego celebrados onte– e a súa compañía asSircópatas presentan a estrea absoluta de Oh! Onde deterse a mirar, o luns 12, ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura, para toda a familia

O X Certame de Micro-Escenas M² estrea o sábado 10 as súas primeiras pezas deste ano, mentres que a Rúa dos Contos suma novas propostas de humor e improvisación

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, entra na súa terceira semana de programación cunha axenda que, do xoves 8 ao luns 12 de outubro, volverá levar as artes escénicas a diferentes espazos de Carballo e tamén ás parroquias. A programación estará marcada por dúas grandes citas do Programa de Sala: o regreso da portuguesa Companhia do Chapitô, este venres 9, coa súa particular e hilarante revisión da Odisea, e a estrea en Galicia de Las gratitudes, o sábado 10, adaptación do fenómeno literario de Dephine de Vigan, con Gloria Muñoz como protagonista e dirección de Juan Carlos Fisher.

A semana ofrecerá tamén OTNI, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos, Micro-Escenas M2, FIOTiño e FIOTeen, con circo contemporáneo, narración oral, teatro documental, creación experimental e propostas para os públicos máis novos. Entre elas, destacan Domte, de Nacho Flores; Vidas enterradas, de L’Om Imprebís, Micomicón Teatro, Teatro Corsario e Teatro del Temple; Yo nací en un surco de judías, de almealera, premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo ; e a estrea absoluta ‘Oh! Onde deterse a mirar’, de AsSircópatas, con Dani Blanco, que terá unha función escolar no FIOTeen e outra aberta ao público no FIOTiño.

Tampouco faltarán á cita as primeiras pezas curtas do X Certame de Micro-Escenas M², un taller-laboratorio con Torta Torta e as últimas propostas da Rúa dos Contos (Pequenos pero faltón, El famoso Trino, O show e DJ Maikel), nunha semana especialmente intensa que permitirá comprobar unha vez máis a diversidade de formatos, linguaxes e públicos que caracterizan o #FIOT35.

CHAPITÔ REGRESA AO FIOT COA SÚA PARTICULAR ‘ODISEA’

O venres 9 de outubro, ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, a Companhia do Chapitô regresará ao FIOT para presentar Odisea, unha revisión libre, artesanal e profundamente cómica do clásico de Homero.

Todo comeza no Olimpo, nesa familia disfuncional de deuses que pon en marcha unha sucesión de aventuras, naufraxios e malentendidos arredor de Odiseo, o heroe máis cansado da mitoloxía grega. Monstros, deuses de mal xenio, astucia, teimosía e resistencia danse cita nunha viaxe na que a épica queda sometida ao particular universo da compañía portuguesa.

A Companhia do Chapitô, un dos grandes referentes do teatro portugués contemporáneo, desmonta a solemnidade do mito e constrúe unha Odisea baseada no xogo teatral, a comedia de equívocos, a mitoloxía e o absurdo. A peza está interpretada por Jorge Cruz, Pedro Diogo e Pedro da Silva e dirixida por José C. García. A troupe mantén así a súa relación co FIOT, onde xa presentou outras das súas particulares revisións dos grandes clásicos da literatura e do teatro.

GLORIA MUÑOZ PROTAGONIZA ‘LAS GRATITUDES’, ESTREA EN GALICIA

O sábado 10 de outubro, ás 20.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, chegará unha das grandes citas do Programa de Sala desta semana: Las gratitudes, de Producciones Teatrales Contemporáneas, en estrea en Galicia.

A obra parte da aclamada novela de Delphine de Vigan para construír unha historia sobre a memoria, os coidados, a vellez e esas palabras de gratitude que ás veces quedan sen dicir. Michka, unha muller maior que ve como a afasia vai apagando lentamente a súa voz, ingresa nunha clínica onde un logopeda traballará con ela mentres Marie, vinculada afectivamente á protagonista, tenta acompañala nese proceso.

A través da relación entre Michka, Marie e Jérôme, a proposta aborda con delicadeza a perda da linguaxe, a memoria e a necesidade de expresar o que sentimos antes de que o esquecemento ou o paso do tempo nos impidan facelo. A montaxe está protagonizada por Gloria Muñoz, Macarena Sanz e Rómulo Assereto e conta coa dirección do peruano Juan Carlos Fisher, un dos directores máis recoñecidos da escena contemporánea latinoamericana.

Las gratitudes chega ao FIOT como estrea en Galicia e reafirma a aposta do festival por combinar grandes nomes da escena con textos contemporáneos e propostas de referencia internacional.

‘DOMTE’: CIRCO, EQUILIBRIO E POESÍA NO PARQUE DO ANLLÓNS

Antes da función de Chapitô, o venres 9, ás 19.30 horas, o Parque do Anllóns converterase nun gran escenario de circo contemporáneo coa proposta Domte, de Nacho Flores.

Quen doma a quen? Esta é a pregunta que atravesa unha creación na que troncos e táboas van construíndo pouco a pouco un enorme ser en equilibrio, unha escultura viva que desafía a física e a mirada do público.

Inspirada nun imaxinario mitolóxico, a peza acompaña a transformación dun protagonista obsesionado con controlar todo o que o rodea e que acaba descubrindo que a verdadeira forza nace do equilibrio compartido. A música en directo e a colaboración do público no movemento das estruturas forman parte dunha proposta que viaxa entre minotauros, cabalos de Troia, quimeras e liberdade.

Creado e interpretado por Nacho Flores, Domte combina escultura, equilibrio, teatro físico e circo contemporáneo para crear unha peza visual, poética e cómica, tan delicada como espectacular, que reivindica a colaboración fronte á dominación individual.

O X CERTAME M² ESTREA AS SÚAS PRIMEIRAS MICRO-ESCENAS

O sábado 10 de outubro chegará tamén unha das citas máis singulares do FIOT: o X Certame de Micro-Escenas M², unha iniciativa pioneira en Galicia que leva o teatro a espazos cotiáns e non convencionais e sitúa o público a moi poucos metros dos intérpretes.

Entre as 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30 horas, poderán verse dúas das pezas finalistas desta décima edición, ambas en estrea absoluta.

Na Conserxería do Pazo da Cultura, Iván Davila presentará wOHrk, unha peza de clown e humor absurdo que parte da historia dun conserxe que recibe candidatos que buscan emprego e, tamén, un lugar onde vivir. A creación mergúllase na precariedade e nas fronteiras cada vez máis difusas entre a vida e o traballo.

Na Pastelaría Zuccaro, a Compañía Humana presentará A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, unha peza de teatro de obxectos na que un doutor convertido en sacarrollas, unha protagonista que é un queixo de tetilla e unha nai-cigarro se rebelan contra os estereotipos de xénero e a discriminación das mulleres na sanidade.

A entrada é gratuíta, pero debido á limitación dos espazos, recoméndase reservar praza escribindo a fiot.microteatroentrada@gmail.com indicando nome do espectáculo, horario, nome e apelidos da persoa espectadora e teléfono de contacto.

A RÚA DOS CONTOS DESPÍDESE ENTRE A NOVA RETRANCA E O HUMOR

A Rúa dos Contos terá dúas novas citas esta semana. O xoves 8, ás 21.00 horas no Valle Inclán Café, Adrián do Regenco e Pablo Alvite presentarán Pequenos pero faltóns, unha hora de humor na que os dous intérpretes e creadores combinan monólogos, improvisación e interacción co público. A infancia dos anos 90, a tecnoloxía, as tradicións, as relacións persoais e as pequenas contradicións da vida cotiá son algúns dos temas que percorre esta proposta da nova retranca galega.

O sábado 10, ás 23.00 horas na Bombonera, chegará El Famoso Trino, en estrea en Galicia. O fenómeno viral das falsas noticias cargadas de humor, retranca e sátira salta aos escenarios da man de Trino García, que recupera os personaxes e situacións máis coñecidos dos seus vídeos para construír un espectáculo de monólogos, sketches e improvisación.

E o domingo 11, ás 22.30 horas en A Reserva, será a quenda de O show, de Fábrica de Impro, unha proposta na que nada está escrito. As palabras e ideas que o público introduce en tarxetas convértense no punto de partida de historias que nacen e medran sobre o escenario sen guión nin rede de seguridade. Cada función é, polo tanto, irrepetible.

A noite continuará ás 00.00 horas con DJ Maikel, tamén en A Reserva, prolongando a programación da Rúa dos Contos máis alá do escenario.

FIOT EN RUTA: TEATRO DOCUMENTAL PARA RECUPERAR MEMORIAS SILENCIADAS

O domingo 11 de outubro, ás 12.30 horas, o FIOT en Ruta achegarase á contorna do cemiterio de Bértoa con Vidas enterradas, unha coprodución de L’Om Imprebís, Micomicón Teatro, Teatro Corsario e Teatro del Temple. Fotografías, cartas, cadernos e recordos compartidos serven para devolver o nome e a historia a persoas asasinadas durante a Guerra Civil e o franquismo. Os seus fillos, veciños e compañeiros son os encargados de romper o silencio e rescatar unhas vidas que quedaron fóra da historia oficial.

A proposta nace dunha premiada serie radiofónica de Javier del Pino, Conchi Cejudo e Gervasio Sánchez para a Cadena SER e reúne a seis dramaturgos —Mafalda Bellido, Juan Mayorga, Juan José Millás, Alfonso Plou, Laila Ripoll e Pepe Viyuela— e catro compañías de referencia da escena española.

A través dun caleidoscopio de relatos e monólogos, ‘Vidas enterradas’ constrúe un profundo mapa emocional sobre a memoria e sobre un silencio que comeza a romper.

‘LUBBERT’, UN UNIVERSO SURREALISTA EN CANCES

O domingo continuará a programación do FIOT en Ruta. Ás 18.00 horas, no Centro Social de Cances, Inda Pereda presentará Lubbert, un espectáculo de teatro físico e comedia xestual inspirado no enigmático universo de O xardín das delicias, de El Bosco.

Lubbert Dash é presentado como o primeiro bosquexo dun ser humano na Terra, un personaxe inocente e disparatado ao que lle encanta explorar mundos imaxinarios no seu xardín. Desde aí, o público mergúllase nun universo de situacións absurdas, imaxes surrealistas e criaturas grotescas.

Clown, mimo, teatro físico e humor bufonesco mestúranse nun espectáculo visual que, entre gargalladas, convida tamén a mirar o medio ambiente que maltratamos e as contradicións da condición humana.

O OTNI ACHEGA A CARBALLO COA PREMIADA ‘YO NACÍ EN UN SURCO DE JUDÍAS’

O domingo 11, ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, o OTNI presenta Yo nací en un surco de judías, de almealera, unha peza de teatro documental que pon no centro as voces de agricultoras e gandeiras e a relación coa terra.

A creadora Laura Santos percorreu 3.600 quilómetros para escoitar diferentes testemuños e transformar esas historias nunha peza sobre a agricultura, a gandería, a memoria e o futuro do mundo rural. Unha localizadora de cine que se fai labrega, unha nena que explica na escola como realiza a transhumancia na serra de Ávila, unha neorrural que se enfronta á burocracia da agricultura ecolóxica ou unha neta de campesiños que recupera uns bancais son algunhas das historias que compoñen o espectáculo.

Obxectos, ilustracións e relatos reais constrúen un universo poético arredor dunha pregunta: por que cada vez menos persoas queren traballar na agricultura e na gandería? O espectáculo nace do proxecto científico FARM, do CSIC, que investiga as causas da falta de relevo xeracional no sector e a súa relación co despoboamento, a masculinización e a sustentabilidade.

Yo nací en un surco de judías recibiu o Premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo.

‘OH! ONDE DETERSE A MIRAR’, PARA O PÚBLICO MÁIS NOVO

A programación desta semana terá tamén unha importante presenza para os públicos máis novos coa proposta Oh! Onde deterse a mirar, de AsSircópatas.

O espectáculo poderá verse o xoves 8, ás 11.00 horas, nunha función escolar do FIOTeen, e regresará o luns 12, ás 18.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, dentro do FIOTiño, para ofrecer unha función aberta ao público familiar.

A proposta de AsSircópatas forma parte das liñas específicas do FIOT dedicadas a achegar as artes escénicas aos públicos máis novos e combina circo e música nunha experiencia pensada para mirar, descubrir e conectar coa escena desde a infancia. O espectáculo figura no programa do festival tanto dentro do FIOTeen como do FIOTiño.

UNHA SEMANA TAMÉN PARA A CREACIÓN E O ENCONTRO

A programación desta terceira semana complétase o sábado 10 de outubro, de 10.00 a 13.00 horas no Pazo da Cultura, cun taller-laboratorio con Torta Torta, que se suma ás actividades de formación, creación e mediación que acompañan a programación escénica do festival. A participación é gratuíta previa inscrición.

Estas actividades forman parte da aposta do FIOT por ofrecer unha experiencia que vaia máis alá da exhibición dos espectáculos e por xerar espazos de encontro entre artistas, público e comunidade.

COMPRAR ENTRADAS