Skip to main content
Novas

Carles Sans, de Tricicle, protagoniza a primeira semana do FIOT

By 23/09/2026No Comments

O actor e creador catalán chega Á Rúa dos Contos do 35º Festival Internacional Outono de Teatro coa súa despedida dos escenarios, ¡Por fin me voy!, tras 45 anos de traxectoria; será no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, o sábado 25, ás 20.00 horas, coas últimas entradas aínda dispoñibles

A primeira semana do #FIOT35 arrinca hoxe mércores con Hamelin, de Fran Rei, e continuará con propostas de circo, humor, música e narración oral ata o domingo 27

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, bota a andar esta semana a súa 35ª edición cunha programación que, nesa primeira semana, desde hoxe e ata o domingo 27 de setembro, levará as artes escénicas ás salas, rúas e espazos cotiáns da vila bergantiñá. O primeiro gran prato forte chegará este sábado, 26 de setembro, coa presenza de Carles Sans, fundador de Tricicle, que presentará no Auditorio do Pazo da Cultura, ás 20.00 horas, o seu espectáculo ¡Por fin me voy!, unha despedida dos escenarios tras 45 anos de profesión.

Baixo o lema “Cando todo cae, ven ao teatro”, o FIOT35 regresa a Carballo ata o 31 de outubro para achegar ao público unha coidada selección da escena actual, con 43 espectáculos, 8 estreas absolutas e 9 estreas en Galicia, procedentes de España e Portugal e de oito comunidades autónomas. O programa articúlase arredor do Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M², FIOTeen e FIOTiño.

Nesta primeira semana de programación, xunto a Carles Sans, daranse cita artistas e compañías como Josito Porto, Fran Rei, Spinish Circo, Daniel Higiénico e Sobria e Serena.

CARLES SANS, A DESPEDIDA DUN MESTRE DO HUMOR, FUNDADOR DE TRICICLE

A gran cita desta primeira semana terá lugar coa chegada de Carles Sans e ¡Por fin me voy!, o espectáculo co que o actor, director e fundador de Tricicle afronta a súa última xira despois de 45 anos de carreira. Sans presenta unha proposta teatral dun só personaxe na que, mantendo a especial xestualidade e o sentido do humor que o acompañaron durante toda a súa traxectoria con Tricicle, dá esta vez un maior protagonismo á palabra.

O espectáculo parte da chegada á xubilación e das supostas actividades que hai que realizar nesta nova etapa vital para construír unha celebración da risa arredor das contradicións, os tópicos e as fantasías da vida do pensionista.

¡Por fin me voy! non é un monólogo ao uso, senón un espectáculo teatral no que as impresións, lembranzas e fantasías de Sans se converten en materia cómica. O propio actor promete unha función na que as gargalladas se sucederán a un ritmo vertixinoso.

A presenza de Carles Sans no FIOT enmárcase na Rúa dos Contos, o ciclo pioneiro de narración oral do festival, que unha vez máis amplía os límites dos espazos escénicos convencionais para levar a palabra, o humor e a creación a locais e lugares cotiáns de Carballo.

O FIOT ARRINCA CON ‘HAMELIN’, HUMOR E NARRACIÓN ORAL

Pero a programación desta primeira semana comeza xa hoxe mércores, 23 de setembro, coa proposta Hamelin, de Fran Rei, na Residencia de Maiores de Carballo, ás 18.00 horas. Adaptada especialmente para o FIOT, esta revisión da popular lenda combina narración oral, maxia, humor e lingua de signos para propoñer unha nova mirada sobre o conto tradicional e poñer en valor a diversidade e a integración. A función é, ademais, un convite especial do festival para as persoas usuarias dos centros de maiores de Carballo e da asociación AFABER.

O xoves 24 será a quenda de Laretadas, de Josito Porto, ás 21.00 horas, no Mesón do Pulpo, dentro da Rúa dos Contos. Un espectáculo de humor e improvisación no que o artista divaga, esbardalla e defende teorías das que nin el mesmo está demasiado seguro, construíndo unha proposta aberta á improvisación e á retranca.

CIRCO CONTEMPORÁNEO NAS PRAZAS DE CARBALLO

O venres 25, ás 19.30 horas, o Teatro de Rúa tomará a Praza do Concello coa espectacular proposta para todos os públicos Fins al Cel (Ata o ceo), de Spinish Circo, procedente da Comunidade Valenciana. Sete artistas en escena e música en directo protagonizan un espectáculo de gran formato que combina barra rusa, banquinas, portés colectivos e acrobacias para construír unha viaxe entre a realidade e a fantasía. A confianza, a cooperación e o risco compartido son os motores dunha proposta que fusiona circo, teatro e música e que convida o público a mirar cara arriba e tamén cara a dentro.

UN SÁBADO DE HUMOR, MÚSICA E TEATRO

O sábado 26 concentrará boa parte da actividade desta primeira semana. Ademais da esperada visita de Carles Sans, a Rúa dos Contos continuará pola noite con Cancionólogos, de Daniel Higiénico, ás 23.00 horas, no O Patacón.

O artista das Illas Baleares rompe as fronteiras entre música e teatro nunha proposta na que cancións, improvisación e relatos inesperados se suceden a un ritmo imprevisible. Cada canción convértese nun pequeno conto e cada historia abre a porta á seguinte, nun espectáculo construído desde a palabra, a ironía e o humor. Daniel Higiénico, cunha longa traxectoria musical, define o seu estilo como “cantautor-rock-teatral” ou “cantactor” ecléctico.

A NOVA COMEDIA GALEGA PECHA A PRIMEIRA SEMANA

O domingo 27 de setembro, ás 20.00 horas, o Auditorio do Pazo da Cultura acollerá O chou, de Sobria e Serena, unha das propostas da nova comedia galega incluídas nesta edición da Rúa dos Contos.

Jazmín Abuín e Arantxa Treus únense por primeira vez nun mesmo escenario para combinar monólogos, improvisación e sketches visuais nun espectáculo que aposta pola observación, a sátira, a desvergonza e a conexión directa co público. As dúas intérpretes constrúen un diálogo áxil e inesperado no que cada historia conduce á seguinte, cunha boa dose de humor e unha mirada capaz de rir de todo, empezando por elas mesmas.

Deste xeito, a primeira semana do FIOT35 ofrece xa unha mostra da diversidade de linguaxes e formatos que atravesan esta edición: narración oral, comedia, improvisación, música, circo contemporáneo e teatro conflúen nun programa que busca levar as artes escénicas a públicos diferentes e a espazos diversos da vila.

COMPRAR ENTRADAS