Temos un compromiso coa sustentabilidade, un reto que nos marcamos hai uns anos e no que queremos avanzar edición a edición. O FIOT é algo máis que un evento e reivindicamos a potencialidade do noso festival como xerador de redes e de vínculos coa comunidade, como promotor do desenvolvemento das persoas e do territorio. De Carballo, como o máis próximo, e do ecosistema das artes escénicas galegas, no que tamén pretendemos desempeñar un papel dinamizador. Tamén na promoción da igualdade, ou na sustentabilidade do proxecto.

Pola súa incidencia nestes valores acordes coa Axenda 20230 e cos dereitos culturais, son mostra do noso compromiso a selección como lema de cada edición as temáticas de interese social e cultural ou as que abordan moitas das obras, así como a consideración da composición dos equipos de traballo das compañías.

Tamén utilizamos recursos máis accesibles economicamente e medioambientalmente máis responsables promovendo a utilización de recursos dixitais e en liña.

Unha medida de grande interese para nós é a promoción da accesibilidade e inclusión a través da expansión por múltiples espazos as actividades para chegar aos colectivos máis diversos, así como coa incorporación dun servizo de interpretación en linguaxe de signos en varios espectáculos de pequeno formato, normalizando a presenza de diferentes colectivos nas salas: Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, de Mariña Lestón; Bailen as vellas, de Atenea García e Vero Rilo e Chegar e encher! de Bea Campos, xunto co acto de presentación do FIOT serán as propostas desta edición. As responsables desta interpretación serán Gema Santos (intérprete)  e Ruth Lovera (asesora lingüística xorda).

Ademais de localidade adaptadas para discapacidades físicas, ofertaranse butacas situadas para facilitar a audición e/ou visión reservadas para persoas con algunha dificultade auditiva ou sonora.

Intérprete de signos Interpretación en lingua de signos.