Procurando ir máis aló da difusión e dinamización teatral, un dos obxectivos do FIOT é participar activamente na creación escénica, servindo de marco para a estrea de espectáculos e colaborando con compañías na xeración de novas propostas, implicándose ademais na súa produción.

En consonancia co lema desta edición, a raíz como orixe da identidade propia e colectiva, o FIOT colabora na coprodución de Territorio Regueifa, de Ainé Producións. Nun formato pensado para chegar ao público de hoxe, o espectáculo pretende dar a coñecer e poñer en valor a regueifa, unha das nosas expresións culturais máis ancestral, e traer aos códigos actuais a súa esencia.

Ademais, o FIOT coproduce xunto coas compañías Galeatro e Xarope Tulú a obra Berenguela na gaiola, con autoría e dirección dunha das dramaturgas galegas máis importantes, Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2024.

O Pazo da Cultura acolleu tamén en residencia as citadas coproducións con Ainé Producións e Galeatro e Xarope Tulú, así como ao galego Bal Castro, neste caso, a través da colaboración co programa interinstitucional Residencias Paraíso, impulsado polo colectivo RPM co apoio da AGADIC e o Concello de Carballo.

O FIOT tamén ten como misión dar visibilidade e promocionar o teatro galego, non só en Galicia, senón tamén a nivel nacional e internacional, a través do esforzo comunicativo que fai que cada vez resoe con máis forza fóra da nosa comunidade.