Sábado 26 de outubro, ás 16.30h
Casting Lear

Sobre a actividade

Conversa ao redor da estrea en Galicia do espectáculo de Andrea Jiménez Casting Lear no FIOT33.

Esta versión-simulacro é unha autoficción a partir dun clásico (ou un clásico autoficcionado) que investiga os cruces entre ficción e realidade para reflexionar sobre a paternidade, o amor e o perdón, nun brillante exercicio teatral tan valente como lúdico. Unha porta aberta para pensar sobre como nos relacionamos cos nosos pais, tanto os biolóxicos como os metafóricos, mesmo o propio Shakespeare, abordando a influencia do pasado e como os que nos preceden nos constrúen.

Na adaptación contemporánea do Rei Lear de Shakespeare, teatro e performance mestúranse con humor e tenrura nunha proposta irreverente e innovadora, emocionante e intensa que abre un espazo de encontro con toda unha xeración de actores e homes, permitindo unha profunda reflexión sobre as relacións humanas e os roles paternos.

Aínda que estreada recentemente, converteuse nunha das pezas revelación da temporada en España, A súa creadora é Andrea Jiménez, un valor en alza da creación escénica actual, directora de obras para importantes institucións teatrais e galardoada con premios como o Ojo Crítico de Teatro no 2019 pola compañía Teatro en Vilo, da que é fundadora.

Sobre Paloma Cortina

Paloma Cortina Gaspar naceu en Valencia nos primeiros anos da década dos 80. Encheuse da súa luz, das súas flores e do seu amor trasladándoos a Madrid, cidade na que desenvolveu a súa traxectoria profesional en RNE como xornalista cultural.

Combinou o labor de redacción, presentación e produción en distintos momentos e programas magazine e tamén culturais co seu propio espazo, Dramedias, dedicado ás artes escénicas, que naceu e sonou en Radio 3 e que, agora, se emite os sábados en Radio 5 (e cuxas anteriores edicións atoparedes en podcast).

Dramedias é un programa no que podes atopar a quen fai posible o teatro, a danza, a performance, o circo e, definitivamente, as artes vivas. Desde os festivais, os teatros, as carpas e as prazas, sen medo a seren intesa, mais sen pretensión de ensinar ou entender completamente as cousas.

Paloma Cortina en Dramedias aborda textos clásicos e de vangarda desde unha premisa que é case a súa razón de ser, e a súa actitude máis sincera: a curiosidade. A luz, as flores e o amor seguen a formar parte do seu día a día laboral e persoal, pois co que se nace, faise. E a vida vai diso mesmo: a vida son Dramedias.

Participa: Andrea Jiménez
Modera: Paloma Cortina