Sábado 19 de outubro, ás 13.00h
Multiperspectivas#3

Sobre a actividade

Conversa ao redor da estrea absoluta do novo espectáculo de Paula Quintas Multiperspectivas#3 no FIOT33.

Improvisación teatral, circo, danza, tecnoloxía e performance son os compoñentes desta proposta orixinal e nova que parte da nosa perspectiva como espectadores, deixando espazo para a interacción. O público goza somerxéndose nunha instalación circense compartida a tempo real na que vive unha experiencia a curta distancia da acción, da que forman parte humor, risco, beleza e sorpresa.

Esta “cápsula #3” é a culminación dunha investigación na que a creadora, bailarina, coreógrafa e artista circense Paula Quintas experimenta cos límites das artes escénicas para enfrontarse coa realidade do espazo que nos rodea: os límites entre o privado e o público, e o vivencial na arte.

Paula Quintas creou a súa compañía no 2017, aínda que segue a formar parte doutras compañías de danza e artes do movemento. Os seus traballos destacan pola hibridación entre danza e circo e a estética do corpo en diálogo co movemento, xerando un compoñente visual e circunstancialmente audiovisual.

Sobre Machús Osinaga

Machús Osinaga é licenciada en Xornalismo pola Universidad Complutense de Madrid. Desde os seus primeiros pasos na Cadena COPE, traballou como periodista en numerosos medios de comunicación, tanto en prensa escrita coma radio ou televisión. ‘Esta noche cruzamos el Mississippi’, en Telecinco, ou ‘La sonrisa del pelícano’, en Antena 3, ambos dirixidos por Pepe Navarro, son algúns destes programas.

Forma parte da plantilla de RTVE desde hai máis de 25 anos. Entre as súas contribucións máis destacadas como xornalista cultural, figuran reportaxes, documentais ou entrevistas en programas como ‘La Mandrágora’, ‘La 2 Noticias’, ‘Mi reino por un caballo’ ou ‘Atención Obras’. Tamén desenvolveu o seu labor como guionista e redactora no programa ‘Historia de nuestro cine’.

Como docente e experta, impartiu clases de redacción e realización de documentais e reportaxes en radio e televisión na Escuela Superior de Imagen y Sonido CES. Participou como xurado en todas as edicións dos Premios Ceres, outorgados polo Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida; foi membro do xurado do Premio Nacional de Teatro do ano 2022 ou do Premio Lope de Vega no 2022.

Na actualidade dirixe o programa ‘Cine de barrio’ de TVE desde xaneiro de 2022 e colabora co programa ‘La sala’ de Radio Nacional co seu espazo semanal ’Territorio Osinaga’ sobre actualidade escénica.

Participa: Paula Quintas
Modera: Machús Osinaga