Día
Venres 6 de outubro 2023
Sábado 7 de outubro 2023

Hora
Venres, 21.00 h
Sábado, 20.30 h

Espazo
Pazo da Cultura

Entrada
10 €

Duración
80 minutos

Idade
A partir de 10 anos

Sobre o espectáculo

Camiño que vai cara á nada. Entra en escena un home miúdo. Sáelle ao paso un mozo cun candil aceso na man que lembra ao repoludo gaiteiro rosaliano e que o convida a seguilo. Como na historia de As mil e unha noites, O Xestal tentará enganalo coa dialéctica. Mais o rapaz di que coñece todos os contos e Carlos debe buscar algunha artimaña para librarse dun lúgubre designio.

Cun pé no humor e outro na emoción, Candido Pazó, un dos dramaturgos galegos máis prestixiosos, narrador e admirador de Carlos Díaz O`Xestal, achéganos ao contador de contos e tamén ás circunstancias complexas da súa vida, á necesidade de recoñecemento, ao seu compromiso, así como á dificultade histórica da posta en valor da cultura tradicional galega.

Esta iniciativa do FIOT é un proxecto longamente acariñado, xa que consideramos obriga propia reivindicar a figura deste carballés de adopción pioneiro dun xénero escénico do que somos abandeirados, a narración oral. Os contos humorísticos do Xestal están arraigados na tradición rural e visibilizan os problemas sociais desde a sátira; conectárono coa sociedade converténdoo nunha querida figura da cultura popular galega dos últimos anos.

Neste ano que o Concello de Carballo declarou Ano do Xestal, coa implicación da institución municipal, o FIOT impulsa esta achega en forma de obra dramática coa vocación de realizar unha contribución que o poña en valor para as artes escénicas de Galicia.

Ao remate da función farase entrega do Premio do Público FIOT 2022 á compañía Contraproducións polo espectáculo Cigarreiras.

FioTEEN: Preestrea co alumnado de secundaria, o 4 de outubro.

No lusco e fusco entre a vida e a morte

Ficha

Intérpretes: Avelino González e Toni Salgado
Produción: Belén Pichel
Escenografía: Pablo Giráldez
Iluminación: Afonso Castro
Son: Xurxo Souto
Autoría e dirección: Cándido Pazó