Cando a lúa é unha válvula de spray, a noite pode debuxar as escenas máis inesperadas. As accións da madrugada sucédense entón na stop motion dos murais urbanos… e nada ten volta atrás. Nese carrusel vense envoltos Sara, María e Leo mentres celebran un rito durante o San Xoán.
Esta é a primeira produción do proxecto FIOT Fónico, estreada en outubro de 2020, que volvemos poñer a disposición dos espectadores para que sigan a gozar deste espectáculo itinerante no que oito murais de Carballo son os escenarios dun podcast que se escoita desde o móbil.
O FIOT explora novas linguaxes teatrais, procurando introducir á cidade no teatro a través das novas tecnoloxías, creando unha experiencia teatral singular.
A dramaturxia vén da man da poetisa carballesa Rosalía Fernández Rial, un dos grandes valores da poesía galega actual, coa dirección de Quico Cadaval.