Skip to main content
  • O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo bota o pano da súa 32º edición nun ano no que contou con máis de 14.000 asistentes ao longo das súas 62 funcións e nas máis de 20 actividades organizadas arredor das artes escénicas
  • O Programa de Sala acadou a máxima puntuación da súa historia, 4,49 sobre 5, o que referenda a aposta por unha programación ateigada de diversidade, actualidade e contemporaneidade e que defendeu o teatro social como instrumento de reflexión, diálogo sobre a realidade e concienciación
  • O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, recibe o recoñecemento como Mellor Espectáculo no Certame Metro Cadrado, mentres que Carlota Mosquera é galardoada co premio é Mellor Interpretación polo espectáculo Ninguén tira fotos nos enterros
'Prima Facie', con Vicky Luengo sobre o escenario, recibe a máxima puntuación do público neste 2023. Foto: Vane Rábade

‘Prima Facie’, con Vicky Luengo sobre o escenario, recibe a máxima puntuación do público neste 2023. Foto: Vane Rábade

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despide a súa 32ª edición dando conta do Premio do Público 2023. Prima Facie, de Producciones Teatrales Contemporáneas, cuxa estrea en Galicia tivo lugar no FIOT32, foi recoñecido polas e polos asistentes como a proposta máis salientable deste ano, acadando unha puntuación total de 4,75 sobre 5 puntos. A peza, un texto asinado por Suzie Miller e dirixido polo peruano Juan Carlos Fisher, conta coa actriz Vicky Luengo como protagonista absoluta.

Alén de Prima Facie, tamén obtivo unha puntuación notable Apaga o candil, a coprodución do FIOT coa Compañía Contraproducións sobre o narrador oral Carlos Díaz ‘O Xestal’, que logo da súa estrea absoluta en Carballo inicia o seu percorrido por Galicia; así como La comedia de los errores, producida polo Festival de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo, peza que, baixo a dirección de Andrés Lima, Premio Nacional de Teatro 2019, pechou o Programa de Sala desta edición. Precisamente esta liña de programación do FIOT acadou este outono a puntuación máis alta da súa historia, ao obter 4,49 puntos sobre os 5 posibles. Neste 2023, o Programa de Sala (sobre o que o público emite os seus votos desde hai 27 anos) obtivo a puntuación de sobresaínte, o que referenda a excelencia da programación desta edición do festival, nun ano no que, baixo o lema (in)transixentes, o FIOT aspotou non só por presentar propostas de gran singulariedade e cunha marcada identidade, senón pola  integración, a transversalidade e a defensa do teatro social como instrumento para a reflexión, diálogo sobre a realidade e concienciación.

Este FIOT32, ademais, foi unha edición na que o festival avanzou no reto da implementación da sustentabilidade, coa incorporación de espectáculos inclusivos, como a estrea absoluta de É meu amigo! ou Sexpiertos, esta última en colaboración co programa Camiño Escena Norte; ademais de presentar unha estrea absoluta (Apaga o candil) con tradución á lingua de signos, da man do Centro Dramático Galego, e a creación dun soporte en vídeo con esta tradución, un recurso que acompañará a función na súa xira polo país.

Ademais de dar a coñecer o Premio do Público 2023, o FIOT tamén dá a coñecer os galardóns do VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Neste caso, O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, foi o espectáculo mellor valorado polo público, cun 4,63 sobre 5. No eido interpretativo, Carlota Mosquera fíxose co galardón á Mellor Interpretación ao obter un 4,89 sobre 5 polo seu traballo en Ninguén tira fotos nos enterros.

'O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate' foi o Mellor Espectáculo do certame de microteatro. Foto: Vane Rábade

‘O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate’ foi o Mellor Espectáculo do certame de microteatro. Foto: Vane Rábade

Carlota Mosquera recibe o premio a Mellor Interpretación no certame de microteatro. Foto: Vane Rábade

Carlota Mosquera recibe o premio a Mellor Interpretación no certame de microteatro. Foto: Vane Rábade

Máis de 14.500 asistentes
O Festival Internacional Outono de Teatro 2023 obtivo, ademais, unha excelente resposta por parte do público: máis de 14.000 persoas -de diversas procedencias e idades, tanto da comarca coma doutros puntos de Galicia- asistiron ás funcións ou ás actividades paralelas programadas ao longo desta 32ª edición, celebrada entre o 28 de setembro e o 31 de outubro. Entre elas, ademais, houbo unha importante presenza de profesionais do sector escénico que, un ano mais, acudiu a Carballo. Os 39 espectáculos programados no #FIOT32, que se representaron en 62 funcións (nos ciclos Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, Fiotiño, Fioteen), contaron con 7.137 espectadores. sumando así unha ocupación do 93,19% sobre o total posible no programa de exhibición.

A programación escénica, ademais, completouse con máis de 20 actividades paralelas organizadas polo FIOT ou coa colaboración doutros axentes, nas que participaron máis de 7.480 persoas. É o caso da exposición sobre Carlos Díaz ‘O Xestal’, das xornadas profesionais, das accións teatrais en institutos da comarca da man de Galetatro, do Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’, da entrega do galardón Xograresa de Outono a Ana Romaní, das sesións de formación da Escola do Espectador nas Ondas, da proxección do documental Hay alguien en el bosque, das emisións ao vivo e gravacións con público de RTVE desde o Pazo da Cultura, do Zoom FIOT (tanto da mostra sobre a iniciativa no 2022, coma a edición deste 2023), do programa do voluntariado ou mesmo dunha ruta  dramatizada de sendeirismo polo espazo vital de O Xestal, que contou con membros da Aula Municipal de Teatro. Todas elas conformaron unha ampla programación paralela que, novamente, deu conta do interese do FIOT pola creación de públicos e da consolidación do seu compromiso pola creación de teatro.

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo quere agradecer e recoñecer tamén o acompañamento e apoio das 31 institucións, patrocinadoras e entidades colaboradoras que fan posible o desenvolvemento do FIOT e que este ano medraron considerablemente. Ademais de institucións como Concello de Carballo, Xunta de Galicia a través da Agadic, Deputación da Coruña, Ministerio de Cultura y Deporte a través do INAEM e Fundación Luis Calvo Sanz; aos novos patrocinadores do festival, Cafés Lúa, Bodegas Martín Códax e Libraría Brañas; e a Camiño Escena Norte -que este ano seleccionou o FIOT como iniciativa destacada de Galicia-, Escena Galega e RTVE. O festival tamén quere salientar a colaboración de Bodegas Carballo e os locais de hostelería de Carballo así como nos 26 espazos nos que se realizaron actividades do programa; das asociacións culturais Alpendre de Oza, Veciños San Salvador, Mulleres Rurais de Sofán ou Senda Nova; e do Centro da Terceira Idade, Centro Dramátigo Galego, Grupo Dimolk, Colectivo RPM, Obradoiro Dual de Emprego do Concello de Carballo, Bodegas Carballo, Radio Nordés – Cadena SER e centros de ensino secundario de Carballo.

Por último, a dirección do #FIOT32 quere recoñecer especialmente o labor do seu equipo de voluntariado e agradecer a presenza, compromiso e entrega do corazón do FIOT: o seu público.