• A peza de teatro-documento baseada na transcrición do xuízo de La Manada, resultou a obra máis valorada polas espectadoras e espectadores do Programa de Sala, cunha puntuación de 4,68 sobre 5.
  • A dirección do festival salienta a extraordinaria acollida da programación por parte do público nesta edición, que puxo o foco no teatro social, acadando a maior nota media da historia do FIOT: un 4,44 sobre 5.
  • O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo cifra en 16.273 o número de participantes entre as diferentes liñas de programación ao longo das cinco semanas de duración da cita escénica

Carballo, 14 de novembro de 2019.- O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo pecha a súa edición con maior número de participantes da súa historia. O FIOT, que desenvolveu a meirande parte da súa actividade entre o 27 de setembro e o 1 de novembro, acadou a cifra de 16.273 participantes, un dato que consolida á cita como o maior festival de teatro de Galicia.

Nesta edición, na que o FIOT puxo o foco no teatro social e subiu ao escenario novas miradas sobre realidades como as violencia machistas, a identidade sexual, a xenofobia ou a soidade, co obxectivo de interpelar ao público, o festival obtivo a nota media máis alta da súa historia: un 4,44 sobre 5. Unha nota que, sen dúbida, sinala unha excelente acollida da programación por parte das espectadoras e espectadores, que foron partícipes das #MiradasFiot e a visión crítica e activa, comprometida e comprensiva desde a butaca.

A creación escénica do Programa de Sala máis valorada polo público foi Jauría, de Kamikaze Producciones. A dramaturxia de Jordi Casanovas, un dos pratos fortes desta edición do festival, é unha peza de teatro-documento que se basea na transcrición das declaracións da demandante e acusados do xuízo de La Manada. A obra, dirixida por Miguel del Arco, acadou 4,68  sobre os 5 puntos de valoración para as espectadoras e espectadores deste 28ª FIOT, que recoñeceron así o traballo dun reparto encabezado por María Hervás (gañadora do Premio do Público 2018 por Iphigenia en Vallecas) e o galego Martiño Rivas. O galardón supón o compromiso do festival de convidar á compañía gañadora, ou ás e aos artistas responsables do proxecto, a formar parte dunha futura edición do FIOT.

Tras Jauría, a obra máis destacada polo público no Programa de Sala foi a estrea absoluta de O electo, unha coprodución de Contraproducións, Focus e o propio FIOT, que obtivo unha puntuación media de 4,62 puntos. A peza La Golondrina, de LaZona, cun total de 4,61 puntos, completou o podio das tres pezas máis valoradas polas espectadoras e espectadores do Programa de Sala, que acadou un 4,34 de media no total das funcións.

Outra das propostas máis valoradas neste 2019 foi A.K.A (Also Known As), de Flyhard Produccions, que formou parte do X ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado). Creada por Daniel J. Meyer e interpretada por Albert Salazar baixo a dirección de Montse Rodríguez, é unha das sorpresas da tempada escénica logo de acadar dous Premios MAX 2018-2019. A obra, que iniciou o pasado 31 de outubro en Carballo a súa xira por todo o territorio estatal, sumou un total de 4,83 puntos sobre os 5 posibles. En contraposición ao Programa de Sala, a puntuación dos espectáculos do ciclo OTNI teñen unicamente un efecto informativo, xa que as obras, de carácter máis vangardista, teñen unha capacidade de asistencia máis reducida.

A.K.A. formou parte do OTNI xunto a xunto a Control Freak, de Kulu Orr, e Conservando Memoria, de El Patio Teatro. As tres propostas enmarcadas nesta liña reflicten a alta calidade da vangarda escénica que ofreceu este ano o ciclo, unha observación referendada polo público de Carballo, que outorgou unha media de 4,71 puntos sobre 5 aos espectáculos que conformaron esta singular serie de creacións. Para o FIOT, esta cifra supón unha extraordinaria valoración e grande acollida por parte do público da proposta máis arriscada da programación do festival, o que dá conta da importancia que ten a formación de públicos a través da continua actividade educativa e fomento de iniciativas paralelas á programación oficial.

Ademais, co recoñecemento específico do público a pezas como Jauría ou A.K.A (Also Known As), dúas obras que sitúan as miradas periféricas como protagonistas, a dirección do FIOT manifesta explicitamente a capacidade das artes escénicas e da cultura para xerar reflexión e conversa arredor da sociedade na que vivimos.

A terceira liña de programación que contou coa valoración activa do público foi o III Certame de Micro-escenas Metro Cadrado, a proposta de creacións escénicas de pequeno formato en espazos non convencionais e que se consolidou nesta 28ª edición grazas á alta calidade dos seis espectáculos que formaron parte do mesmo. O Premio do Público nesta liña recaeu na peza Corazón, unha performance creada e interpretada por Iria Sobrado nun posto do mercado municipal que obtivo 4,73 puntos; mentres que o Premio á Mellor Interpretación foi para Arantxa Teus, quen deu corpo e voz á obra Sorpresa, de Enconarte Producións, cunha valoración de 4,57 por parte do público de Carballo.

A maior oferta teatral de Galicia concéntrase en Carballo

A 28º edición do Festival Internacional Outono de Teatro converteu a Carballo no corazón das artes escénicas de Galicia e confirmou ao FIOT como a cita galega que ofrece unha maior oferta teatral. Neste 2019, o festival rexistrou a maior afluencia de público dos últimos anos, superando o máximo de 7.202 acadado no 2016. Así, o FIOT contou cun total de 8.648 espectadores ao longo dos seus 38 espectáculos, dos cales 9 foron estreas absolutas e 8 no país. Neste sentido, a dirección do festival cualifica como excelente a acollida da programación por parte do público, que esgotou os bonos na primeira xornada que se puxeron á venda, e pola ocupación dun 97,50% que se rexistrou nas 14 funcións celebradas no marco do Programa de Sala e do ciclo OTNI.

En total celebráronse 62 funcións ao longo das cinco semanas de programación, que se divide en liñas como Programa de Sala, OTNI, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos (na que destacaron as actuacións de Carlos Blanco e Rodrigo Cuevas no mercado municipal de Carballo) e Micro-escenas Metro Cadrado, que concentrou parte das estreas desta edición. Precisamente a dirección do FIOT celebrou a realización de coproducións, residencias e colaboracións no marco desta 28ª edición, que que permitiron a consecución de tres estreas absolutas de interese estatal no marco do Programa de Sala: Medida x medida, Chicas y chicos e O electo.

A vontade de dinamización, creación de novos públicos e fondo compromiso coas artes escénicas e creación local por parte do FIOT é un dos sinais de identidade do festival e maniféstase tamén na realización de múltiples actividades paralelas á programación de obras. Así, o Festival Internacional Outono de Teatro contou con 7.679 participantes nunha trintena de iniciativas que tiveron lugar ao logo do mes de setembro e outubro en máis de 250 sesións, e entre as que se atopan propostas profesionais como a reunión da comisión artística da Rede Galega de Teatros e Auditorios e, especialmente, a Xornada Escena Norte Idea Carballo, que xuntou unha trintena de dramaturgas e dramaturgos de Galicia, Asturias, País Vasco e Cantabria.

Ao fío do incremento da participación, o FIOT advirte da relevancia do aumento da asistencia ao festival dos públicos máis novos: a programación do Teatro de Rúa, que obtivo unha excelente acollida pola alta calidade das súas propostas, e que se dirixiu fundamentalmente ás máis pequenas e pequenos, sumou 1.195 espectadores; o certame de Teatro Lido acadou o número de participantes máis alto da súa traxectoria, con 360 nenas e nenos concursantes; e o FiotEEN chegou a un total de 3.777 mozas e mozos, unha cifra que dá conta tamén do compromiso do FIOT con achegar as artes escénicas á xuventude a través de diversos formatos. Ao longo dos meses de setembro e outubro, o alumnado de case todas as aulas de catro centro educativos de ensino secundario de Carballo asistiron a catro representacións específicas para mocidade (entre as que se atopou Dados, de Ventrículo Veloz, o último Premio MAX ao Mellor espectáculo para a xuventude) ou ensaios xerais no Pazo da Cultura ou gozaron das visitas da compañía Galeatro aos institutos, coas que se mantivo vivo o espírito do festival entre a xuventude. A boa acollida tanto entre as mozas e mozos, como entre o profesorado e a dirección dos centros educativos, referenda esta aposta de futuro do FIOT. 

O FIOT expándese por Carballo

A 28ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro celebrouse nun total de 30 localizacións, entre os que se inclúen diferentes espazos do Pazo da Cultura, catro centros de ensino, once locais de hostalería, catro locais comercias e diversos espazos públicos exteriores ou interiores. Algunhas destas localizacións acolleron iniciativas fundamentais para a creación e formación de públicos, como son a Escola do Espectador, coordinada por Camilo Franco, ou os Cafés con, encontros coas compañías asistentes.

Ademais, durante todo o mes de outubro tivo lugar unha nova edición de Dalle un bocado ao FIOT.  Esta iniciativa gastronómica promovida pola Concellería de Promoción Económica desenvolveuse nun total de 12 establecementos hostaleiros, os cales acolleron 82 pequenas intervencións teatrais para achegar as artes escénicas a toda a vila.

Finalizada esta 28ª e multitudinaria edición, o Festival Internacional Outono de Teatro quere agradecer o seu compromiso ás 22 persoas voluntarias que fixeron posible a celebración do festival, ademais das institucións e patrocinadores, como o Concello do Carballo (organizador do Festival xunto á Asociación Cultural Telón e Aparte), a Deputación da Coruña, a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), o Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (INAEM), e a Fundación Luis Calvo. O FIOT tamén quere agradecer e salientar a colaboración dos múltiples establecementos de hostalería, centros educativos e locais comerciais que participaron activamente nesta edición e, moi especialmente, a todas as espectadoras e espectadores que encheron cada día as salas de teatro.